Nicole Grueira.
A vivenda converteuse nun dos principais temas da axenda social e política actual. É un problema que afecta a toda a sociedade, pero que golpea con especial forza á mocidade que busca emanciparse.
Para moitos mozas e mozos galegos, atopar unha vivenda é unha tarefa complexa. Non é fácil encontrala a un prezo que nos poidamos permitir e por iso é fundamental tanto incrementar a oferta, para que baixen eses custes, como apostar pola vivenda pública.
Pero teño claro que os problemas, por complexos que sexan, non se solucionan con pancartas nin con ruído, senón con traballo, diálogo e políticas comprometidas.
Por iso cómpre lanzar unha mensaxe clara: a mocidade galega non está soa. O Goberno da Xunta é consciente da situación e está a actuar con decisión, poñendo en marcha medidas eficaces para darlle resposta a esta necesidade urxente.
Se es menor de 36 anos, xa coñeces algunhas das iniciativas pensadas para ti: axudas de ata 20.000 euros para mercar a túa primeira vivenda, a creación e ampliación do parque público de vivendas —reservando unha parte para a xente nova—, os aloxamentos compartidos ou o Bono Emancípate, que achega ata 3.000 euros para cubrir os primeiros gastos ao independizarse.
Ademais, o Goberno galego tamén facilita o acceso ao crédito, cubrindo o 20% do aval necesario para a hipoteca e aplicando bonificacións fiscais específicas. Todas estas accións, lonxe de ser promesas baleiras, están a materializarse co obxectivo de facer realidade un dereito fundamental: o dereito a un fogar digno. Mentres, o Goberno de Sánchez segue aplicando unhas políticas e unha Lei de vivenda que só trouxeron máis problemas.
Non debemos ver a vivenda como problema, senón como unha prioridade. Reverter esta situación non é doado, pero é posible. A Xunta está facéndoo, con compromiso e con accións reais, e desde o Partido Popular estámolo apoiando.