O eurodeputado Adrián Vázquez advertiu hoxe en Lalín de que Europa se xoga nos vindeiros dous anos o futuro da súa política agraria e pesqueira, e rexeitou de maneira contundente a proposta da Comisión Europea de recortar un 22% o orzamento da Política Agraria Común (PAC) no novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034.
Durante unha visita á explotación gandeira Casa das Pedras, en Parada (Lalín), acompañado por Avelino Souto e Marcos Mariño, Vázquez asegurou que o Partido Popular defenderá ata o final que o campo e o mar sigan sendo piares fundamentais do proxecto europeo.
“Galicia precisa unha PAC forte, sinxela e previsible, cunha financiación garantida que recoñeza o valor dos nosos agricultores e gandeiros. Por iso estamos hoxe aquí, na miña casa, en Lalín”, destacou o eurodeputado.
“NON SE PODE FINANCIAR A DEFENSA EUROPEA A COSTA DO CAMPO”
Adrián Vázquez recoñeceu que Europa debe afrontar novos retos, como o incremento do gasto en defensa e a mellora da competitividade económica, pero advertiu de que esas prioridades non poden supoñer un sacrificio para o sector primario.
“Nun mundo inestable, con Putin atacando con drons en territorio europeo, é lóxico reforzar a defensa. Pero non podemos pagar esa factura co diñeiro do campo nin da xente do mar”, subliñou.
O eurodeputado insistiu en que a PAC e a Política Pesqueira Común (PPC) son “medidas estratéxicas para España e para Europa”, e advertiu de que non se permitirá que perdan peso nin relevancia dentro da política europea.
“Sen PAC nin PPC non hai agricultura, nin gandería, nin pesca. E sen eles, non hai alimentos. O sector primario é clave para a nosa soberanía alimentaria e debe considerarse tamén un eixo da seguridade europea”, apuntou.
«A PELOTA ESTÁ NO TELLADO DE SÁNCHEZ»
O tamén portavoz de Cidadáns en Europa esixiu ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que bloquee con urxencia esta proposta lesiva para o campo, lembrando que os 27 países da UE deben aprobar o MFP por unanimidade.
“Con só un voto negativo, España podería frear este recorte tan inxusto. Sánchez non pode seguir practicando a técnica do avestruz ante un asunto vital para o campo español”, advertiu.