Alberto Pazos: “En plena crise económica a Xunta foi quen de priorizar a saúde dos galegos construíndo en Vigo un dos mellores hospitais de Europa, cun mínimo impacto nas contas públicas”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, defendeu hoxe no transcurso da Deputación Permanente do Parlamento que “en plena crise económica, a Xunta foi quen de priorizar a saúde dos galegos e construír en Vigo un dos mellores hospitais de Europa, cun mínimo impacto nas contas públicas”.

Deste xeito, incidiu en que o informe do Consello de Contas sobre o Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo sinala que a fórmula de licitación alternativa suporía a renuncia da Administración autonómica á execución do gasto corrente ou doutros investimentos.

“A elección da fórmula actual permitiunos impulsar unha modernización sen precedentes na rede sanitaria galega que, en só os catro anos da construción do Hospital, sumaron un total de 145,2M€ distribuídos en obras e equipamentos nos principais hospitais galegos e en actuacións relevantes en 17 centros de saúde”.

Para Alberto Pazos resulta “escandaloso o exercicio de hipocrisía política” practicado polo BNG e PSdeG nas últimas semanas, “os mesmos que durante a bonanza económica foron incapaces de poñer un só ladrillo do Hospital e agora critican a colaboración público-privada, que eles mesmos xa contemplaban, segundo tiñan anunciado publicamente, e ademais é unha fórmula que eles empregan de forma recorrente cando gobernan”.

O portavoz popular lamentou a “utilización espuria” do BNG do Regulamento do Parlamento, empregando a Deputación Permanente “como ferramenta de propaganda coa que xerar alarma social en beneficio propio e prexuízo do conxunto da sociedade”. Unha clara mostra de “ese interese exclusivamente mediático é que ao comezar a actividade ordinaria na Cámara o que era urxentísimo deixa de ter interese e se non se acepta unha comparecencia non volven a solicitala, como adoitaron facer noutras ocasións”.

O portavoz popular puxo na súa intervención a comparativa coa adquisición dunha vivenda, “todo o mundo sabe que é máis barato pagala con medios propios que acudir ao financiamento pero este acelera o proceso de compra e a prioridade de ter un teito sen esperar a dispoñer dos cartos”.

“ E nós, coma os galegos, temos claras as prioridades: Vigo hoxe dispón dun Hospital público de última xeración, que salvou centos de vidas durante a pandemia, perfectamente dimensionado e cunha gran elasticidade, para atender a demanda de camas en función das necesidades reais de cada momento” indicou Alberto Pazos.

O portavoz popular dirixiuse aos grupos da oposición indicando que “xa sabemos que non podemos contar con vostedes para continuar mellorando o noso sistema público sanitario pero, polo menos, non estorben e, sobre todo, non mintan nin manipulen”.

E, dirixíndose aos representantes do BNG indicou que “teñen vostedes a mesma credibilidade nestas acusacións como cando afirman sentirse orgullosos do sistema electoral do señor Maduro, pero afortunadamente os galegos coñecen cal é a súa fórmula de xestión e non xestión e de democracia e non democracia”.

O Grupo Popular solicita “dunha vez por todas” que o Goberno central priorice o Corredor Atlántico porque o noroeste peninsular “non merece ser menos que ninguén”

O viceportavoz do Grupo Popular Julio García Comesaña anunciou hoxe en rolda de prensa unha iniciativa parlamentaria encamiñada a que o Goberno central “priorice, dunha vez por todas o Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias porque o noroeste peninsular non merece ser menos que ninguén”.

“Fartos do desprezo a unha rede que consideramos prioritaria para a UE e todo o noroeste, insistimos na necesidade de incluíla entre os proxectos que optan a financiamento europeo, como un dos tramos imprescindibles na rede ferroviaria transfronteiriza” indicou Julio Garcia.

O viceportavoz popular sinalou que, nese sentido, a iniciativa popular solicita que se incorpore no plan director o investimento de 8.000M€ adicionais co obxecto de avanzar nas actuacións e compromisos que Galicia, Asturias e Castela e León teñen identificadas como prioritarias no desenvolvemento desta infraestrutura estratéxica.

“Parece que ao Goberno de España só lle interesa as comunidades que lle son precisas para comprar socios cos que se poida manterse na Moncloa e abandona o noroeste peninsular ao contrario que está a ocorrer co Corredor Mediterráneo, que ten recibido 165M€ nos dous últimos anos” indicou Julio García.

Para o parlamentario popular “Galicia non pode permitir estes agravios, lamentamos esa fuxida do Goberno central e seguiremos sendo firmes defensores dunha política xusta para a nosa comunidade”, sinalando así mesmo que na iniciativa presentada no Parlamento tamén demandarán o impulso dun plan extraordinario de investimentos para a modernización do ferrocarril de mercadorías “que equilibre e compense o escaso desenvolvemento que sufrimos nesta materia”.

“Porque xa está ben de tomarlle o pelo aos galegos, de priorizar uns territorios en detrimento doutros, de fomentar a desigualdade en todos os ámbitos, de xerar problemas en vez de solucionalos e de ningunear a unha comunidades e favorecer a outras tan só por intereses electorais e partidistas” indicou Julio García.

GALICIA PIONEIRA NA REGULACIÓN DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL

O viceportavoz popular tamén resaltou na rolda de prensa que o Parlamento está xa a traballar no desenvolvemento da lei galega que regula a intelixencia artificial (IA). Nese sentido, sinalou que Galicia será a primeira comunidade autónoma en ter unha lei que garantirá o bo uso desta tecnoloxía na Administración e que protexerá os dereitos da cidadanía.

“Seremos tamén unha das primeiras rexións de Europa en desenvolver esta tecnoloxía, como unha folla de ruta para orientar, ao servizo da cidadanía para a súa aplicación por parte da sociedade e do tecido produtivo, cunha normativa acorde co Regulamento europeo que entrou en vigor o pasado día 1 de agosto” indicou Julio García.

Esta lei fixará os principios éticos reitores do deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA e recoñece a cidadanía, con carácter vinculante, unha serie de dereitos e establece un marco legal uniforme en liña cos valores e a normativa establecida polas institucións europeas.

Así mesmo, indicou, esta lei aumentará a capacidade para atraer e reter talento e persoal cualificado a Galicia e implementa sistemas de formación e capacitación en materia de IA na nosa Comunidade.

Julio García sinalou que o anteproxecto de lei da IA en Galicia recibiu 12 alegacións e foi compartido con entidades do ámbito europeo, estatal e autonómico, así como coas tres universidades galegas. Tamén foi presentada na Comisión de expertos para o asesoramento no uso ético da IA en Galicia, no Consello técnico asesor en IA e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia, na Confederación de Empresarios de Galicia e aos grupos parlamentarios no Parlamento de Galicia.

Lembrou tamén Julio García que Galicia ten un especial protagonismo neste ámbito, xa que A Coruña será sede da AESIA (Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial) porque o Goberno da Xunta formalizou a súa candidatura, un proxecto de país no que a Xunta contou co apio, unión e compromiso do tecido empresarial galego.

PARTICIPACIÓN GALEGA NOS XOGOS OLÍMPICOS

O viceportavoz popular tamén aproveitou a rolda de prensa para felicitar aos deportistas que participaron nos Xogos Olímpicos de París, que veñen de rematar esta fin de semana, e nomeadamente aos galegos polo seu esforzo, entrega e compromiso que sen dúbida tiveron para chegar a participar nestes Xogos.

“Mandamos un agarimoso saúdo aos 5 medallistas e os 11 diplomas olímpicos galegos e ao resto da delegación galega polo seu esforzo ao longo deste tempo e nos congratulamos dos grandes deportistas de alto nivel que existen na nosa Comunidade” sinalou Julio García.

O PPdeG comprométese a mellorar a lei estatal de economía social para que sexa garantía dunha sociedade máis xusta, igualitaria e inclusiva

O Partido Popular de Galicia márcase como un dos seus obxectivos para a vindeira lexislatura a introdución de melloras no actual anteproxecto de lei integral de impulso da economía social que prepara o Goberno central, para así evitar as eivas do texto actual e reforzar o papel das entidades sociais e as empresas.

Recentemente celebrouse unha reunión de traballo na sede autonómica dos populares galegos para abordar esta cuestión e na que estiveron presentes representantes da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), de Arroupa e da Asociación empresarial galega de Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro (Cegasal).

As súas propostas e inquedanzas foron recollidas tanto polas deputadas autonómicas Raquel Arias e Noelia Pérez como polos deputados nacionais Marta González, Irene Garrido, Juan Andrés Bayón e Pedro Puy; que se comprometeron a traballar para que a futura lexislación preserve a tarefa fundamental que fan estas entidades na transición das persoas vulnerables –con maiores dificultades para o acceso ao emprego– cara o mercado de traballo e na consecución dunha sociedade máis xusta, igualitaria e inclusiva.

Durante a xuntanza púxose en valor o proceso de participación e escoita activa do Goberno galego con todos os axentes implicados na economía social para o deseño da nova Lei de cooperativas. Ademais, en Galicia xa está en marcha a segunda Estratexia da economía social, que, cun horizonte posto en 2027, ten como obxectivo xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo en sectores estratéxicos da nosa economía, fomentar a innovación e garantir unha maior presenza da xuventude e as mulleres neste ámbito.

O PPdeG insiste na necesidade dun maior compromiso por parte do Goberno central para que a conexión por AVE de Galicia e Portugal “sexa unha realidade canto antes”

Os populares demandan unha programación completa de actuacións e investimentos na liña de alta velocidade Vigo-Porto na que se priorice a Saída Sur, así como a modernización e mellora do servizo que presta actualmente o denominado Tren Celta

“Este proxecto ten razón de ser, pero só se se afronta cunha visión ampla e integradora, cun ánimo estruturado e coordinado e respectando as prioridades manifestadas”, subliñan poñendo en valor o compromiso de Alfonso Rueda e do Goberno luso con esta infraestrutura

 

O Partido Popular de Galicia insiste na súa demanda dun maior compromiso por parte do Goberno central no impulso da liña de alta velocidade Vigo-Porto-Lisboa para que a conexión de AVE entre Galicia e Portugal, que consideran prioritaria e estratéxica, “sexa unha realidade canto antes”.

Por iso, a través dunha moción rexistrada no Senado a iniciativa de Nidia Arévalo e o resto de senadores galegos do Grupo Popular, urxen ao Executivo a desenvolver unha “programación completa de actuacións, investimentos e calendario” para a conexión Vigo-Porto que dea prioridade da Saída Sur e sexa “acorde tanto ao seu potencial de uso como á súa rendibilidade en termos de vertebración territorial e desenvolvemento socio-económico”.

En tanto non se materialice a citada conexión de alta velocidade, reclaman ademais a modernización do material móbil e as condicións de servizo do denominado Tren Celta “para facer posible esta viaxe nun tempo máximo dunha hora”. Xa que, tal e como denuncian, a actual conexión ferroviaria entre Porto e Vigo “ronda as dúas horas e media na duración do traxecto, conta cun material obsoleto e ofrece unhas condicións de servizo desactualizadas”.

Os populares aproveitan para poñer en valor o manifesto conxunto asinado o pasado 2 de xullo en Valença do Minho polo presidente Alfonso Rueda e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, no cal se ratifica o compromiso que ambas partes veñen demostrando coa conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e Portugal ao longo dos últimos anos.

Un compromiso que, ademais, viña de ser renovado na reunión celebrada o 23 de maio en Lisboa entre o presidente Rueda e o responsable de Infraestruturas do Goberno luso, na que se fixou o ano 2032 como data de posta en servizo desta infraestrutura estratéxica.

“Este proxecto ten razón de ser, pero só se se afronta cunha visión ampla e integradora, cun ánimo estruturado e coordinado para alcanzar os mellores resultados e respectando as prioridades que ata o de agora foron manifestadas”, conclúen os representantes do PPdeG no Senado no texto da súa moción.

Alberto Pazos: “O desprezo a Galicia do Goberno central non ten límites e tampouco parece ter data de caducidade”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, sinalou hoxe en rolda de prensa que o desprezo do Goberno central a Galicia “non ten límites e, lamentablemente, tampouco parece ter data de caducidade” en referencia ao acordo cos independentistas catalás “ que suporía 444 millóns de euros menos para Galicia anuais polo impacto que tería que Cataluña non participe no actual modelo de financiamento autonómico”.

Esta perda de recursos para Galicia “é un dato obxectivo e contrastable, por moito que lles pese aos socialistas galegos, cómplices desta nova aldraxe á nosa Comunidade” indicou o portavoz parlamentario.

Así, sinalou que Galicia perdería 270M€ anuais do Fondo de Garantía, ,83M€ do Fondo de Cooperación e “a nova situación comprometería tamén as transferencias de financiamento finalistas que reciben as comunidades, como son o financiamento das políticas de emprego e a de dependencia, cuxo impacto sería dunha perda de 91M€ anuais adicionais”.

Segundo afirmou Alberto Pazos “o xeito de gobernar do Goberno central, ademais de vulnerar a nosa Constitución, supón un novo atraco as carteiras dos galegos, do que son cómplices os socialistas e os nacionalistas galegos”.

DEPUTADOS A PÉ DE RÚA

Alberto Pazos sinalou que “fronte a un Goberno central que nin xestiona nin dirixe e incumpre os valores e normas básicas de convivencia, a estabilidade en Galicia permite ter a rutina saudable de aprobar en tempo e forma, e de forma consecutiva, os decimo sextos orzamentos, que permitirán xerar certezas e apoiar as familias galegas, medrando e distribuíndo a riqueza de maneira mais equitativa”.

Neste sentido, incidiu que “a nós tan só nos ocupa e preocupa o benestar dos galegos e continuamos neste tempo de verán coas nosas deputadas e deputados a pé de rúa, cos ollos e oídos ben abertos para detectar as inquedanzas reais da cidadanía galega”.

Deste xeito, sinalou que veñen de presentar iniciativas no Parlamento relativas, entre outros asuntos, a demandar a mellora dos servizos ferroviarios en Galicia, ante o caos experimentado este verán, e que se recuperen todos os servizos suprimidos por mor da covid, e que estean adaptados ás necesidades de mobilidade dos galegos.

Tamén destacou as iniciativas dirixidas á promoción dos produtos de proximidade, de horta, carnes, peixes e conservas, nos mercados locais dos concellos galegos e a renuncia do Goberno central a calquera iniciativa dirixida a restrinxir o consumo de produtos do mar, especialmente a pretendida limitación nas racións dos comedores escolares, entre outras iniciativas.

MANIPULACIÓNS E MENTIRAS SOBRE OS PÉLLETS

O portavoz popular tamén pediu na rolda de prensa “responsabilidades políticas a quen actuou con electoralismo danando a imaxe de Galicia e da nosa prestixiosa cadea mar-industria, manipulando desde o minuto un e de todas as formas posibles a chegada de pellets a Galicia o pasado mes de xaneiro”, despois das declaracións do fiscal xefe de Medio Ambiente do Estado referidas ao peche das dilixencias e nas que coincidiu plenamente coas manifestacións feitas pola Xunta sobre a pouca entidade e a non perigosidade dos mesmos para o consumo humano.

Alberto Pazos indicou que “parece de xustiza que quen se tomou tantas molestias en atacar a un sector esencial para Galicia faga un mínimo esforzo por solicitar as desculpas que lles deben a ese mesmo sector e ao conxunto dos galegos, así que agardamos con impaciencia ese momento por parte da señora Pontón e o señor Besteiro pola súa campaña de desinformación, mentiras e manipulacións neses días”.

Alberto Pazos afirma que a aprobación do teito de gasto para 2025 é unha nova mostra da estabilidade institucional e financeira de Galicia, así como da súa coherencia política

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a aprobación do teito de gasto da Comunidade galega para 2025 é “unha nova mostra da estabilidade institucional da que goza Galicia; da estabilidade financeira, que permite un desenvolvemento económico e social sen precedentes na nosa historia; e de coherencia política, porque é o primeiro paso para aprobar o orzamento que permitirá desenvolver os compromisos que adquirimos coas galegas e galegos nas últimas eleccións autonómicas”.

Alberto Pazos lembrou que o teito de gasto para 2025 ascende a 13.954 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade galega. “Somos a única comunidade autónoma capaz de cumprir coa obriga institucional de aprobar o límite de gasto non financeiro consecutivamente durante os últimos 15 anos, porque Galicia fixo da normalidade algo excepcional a pesar de facelo sempre sen o apoio de nacionalistas e socialistas”, incidiu.

“Fronte a esta realidade que vivimos en Galicia, temos un Goberno de España que renunciou a presentar orzamentos en 2024, que non cumpre coa súa obriga de proporcionar un marco económico ás comunidades autónomas e que acaba de ver como os seus supostos socios tomban a súa proposta de teito de gasto, poñendo en risco a aprobación dos orzamentos para 2025”, sinalou.

O portavoz popular subliñou que “a planificación sensata e a estabilidade financeira permitiu que Galicia deixara atrás a pantasma do atraso secular, para converterse nun referente de progreso colectivo”. En concreto, destacou que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior crecemento económico desde 2009 e a que máis medrou desde a pandemia; a que mellor reparte ese crecemento económico, mantendo a taxa de pobreza por debaixo da media nacional; e a que menos incrementou a súa débeda.

SOCIEDADE GALEGA MÁIS RICA

“Hoxe a sociedade galega é máis rica no seu conxunto, acadando a maior converxencia coa renda nacional da nosa historia e co obxectivo de alcanzar a media nacional en 2030”, puntualizou.

Para rematar, Alberto Pazos lembrou que a aprobación do teito de gasto “é o primeiro paso para aprobar o orzamento que permitirá desenvolver os compromisos que adquirimos coas galegas e galegos nas últimas eleccións autonómicas”. “Isto é algo dificilmente comprensible para a oposición, pero o Goberno de Rueda aspira a cumprir coa palabra dada, sen inexplicables cambios de opinión”, asegurou.

Porén, engadiu que “unha cousa é que non esperemos coherencia política da oposición e outra moi distinta é que pasemos por alto a demostración de hipocrisía política que están a facer os últimos días”. En concreto, Pazos dixo que “o peor de todo é escoitalos reclamar máis gasto público mentres calan ante o maior atropelo da democracia contra a solidariedade entre os territorios e a igualdade dos cidadáns españois que supón o pacto asinado entre o PSOE e Esquerra Republicana de Cataluña”.

“A resposta da esquerda galega ao maior ataque contra a suficiencia financeira de Galicia é o silencio do señor Besteiro ou a ruína do concerto económico para Galicia da señora Pontón”, rematou.

O PPdeG, indignado ante a actitude do BNG respecto ás eleccións de Venezuela: “Galicia non quere a un partido que está con Maduro”

O Partido Popular de Galicia fai súa a indignación da comunidade venezolana na nosa Comunidade e, solidarizándose con ela, denuncia a actitude do BNG respecto ás eleccións de Venezuela do pasado domingo e os “resultados sospeitosos” de Nicolás Maduro.

“É incrible a capacidade que ten o Bloque para situarse sempre no lado incorrecto da Historia e, neste caso, ao carón dunha ditadura”, afirma a secretaria xeral Paula Prado ao tempo que pon en evidencia “a radicalidade que esconde o nacionalismo tras esa cara amable que intentaron mostrar, sen éxito, nas eleccións autonómicas”.

Sostén que cada vez son máis os que “se están baixando do barco bloqueiro”, xa que “Galicia non quere a un partido que está con Maduro e os seus resultados sospeitosos, con Putin, co comunismo e cos herdeiros de ETA”.

Alberto Pazos cualifica o teito de gasto da Xunta para 2025 de “sensato e acorde coa situación actual e as previsións económicas de Galicia”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualificou hoxe de “sensato e acorde coa situación actual e as previsións económicas de Galicia” o teito de gasto que mañá será sometido a debate no Pleno do Parlamento galego para a súa aprobación.

Ao remate da Xunta de Portavoces, Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación enviando “unha mensaxe de cariño, de apoio e de solidariedade a todo o pobo venezolano, especialmente á comunidade venezolana en Galicia, que nestas horas difíciles está loitando por recuperar a democracia que lle queren substraer no seu país”. “E desde aquí quero dicirlles que non están sos, que estamos con eles e que os imos acompañar nese proceso de loitar pola súa liberdade e pola súa democracia, e que contan co respaldo absoluto do Partido Popular de Galicia”, indicou.

ESGOTA A CAPACIDADE DE GASTO

Respecto da convocatoria do Pleno extraordinario no Parlamento de Galicia para a aprobación do teito de gasto da Xunta para 2025, que terá lugar mañá, a partir das 13 horas, Alberto Pazos lembrou que ascende a 13.954 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade galega. “Un teito de gasto sensato e acorde coa situación actual e as previsións económicas de Galicia para o vindeiro ano, e que esgota ao máximo a capacidade de gasto segundo a taxa de referencia autorizada polo Goberno central e que se calculou coas novas regras fiscais fixadas pola Unión Europea”, dixo.

“Con estes datos na man, estamos expectantes por coñecer a posición dos grupos da oposición e os seus argumentos para rexeitar este teito de gasto, que permitirá á Comunidade galega contar o vindeiro ano co maior investimento para optimizar a prestación dos servizos públicos, axudar ás familias e ás empresas, impulsar as políticas de vivenda e favorecer o crecemento económico e a creación de emprego”, afirmou.

O portavoz popular subliñou que “Galicia volverá a cumprir escrupulosamente o recollido na Lei galega de disciplina orzamentaria, aprobando o seu teito de gasto en tempo e forma, do mesmo xeito que o Goberno galego traballará nas vindeiras semanas para elaborar os orzamentos da Xunta de 2025 e que sexan aprobados para a súa execución a partir do vindeiro 1 de xaneiro”.

Na súa intervención, Alberto Pazos referiuse ao feito de que a aprobación do teito de gasto en Galicia coincidirá “cunha nova falcatruada perpetrada polos socialistas españois, capitaneados por Pedro Sánchez, para perpetuarse no poder e, agora ademais, conseguir o apoio dos independentistas republicanos cataláns para facer a Salvador Illa presidente de Cataluña”.

CARTOS PÚBLICOS PARA CUMPRIR OS DESEXOS DE SÁNCHEZ

“Estamos a falar do acordo acadado onte entre o PSOE e Esquerra Republicana de Cataluña, un paso máis na ruptura de España que busca o independentismo catalán, que se están a aproveitar da debilidade do Goberno de Pedro Sánchez para conseguir todo o que desexan”, sinalou, para concretar que “primeiro foi a amnistía, agora teñen na súa man a independencia fiscal, rompendo o sistema de financiamento autonómico e dando pe a que existan españois de primeira e de segunda; e o paso definitivo será conseguir o referendo independentista, algo que a gran maioría de españois tememos moi probable no caso de que Pedro Sánchez continúe no Goberno de España e siga necesitando dos votos dos independentistas para manterse na Moncloa”.

Diante desta situación, Alberto Pazos incidiu que “desde Galicia imos seguir loitando, en colaboración coa gran maiorías das comunidades autónomas españolas, para que o Goberno de Pedro Sánchez deixe de utilizar os cartos de todos para cumprir os seus desexos, reclamando unha negociación multilareal do noso sistema de financiamento autonómico que atenda as necesidades específicas de todas as comunidades autónomas, baixo os principios de igualdade, equidade e solidariedade”.

“De pouco servirá que en Galicia sigamos cumprindo as leis e aprobando os orzamentos, un ano tras outro en tempo en forma, se despois o Goberno de Pedro Sánchez rompe unilateralmente o statu quo existente prexudicando as comunidades cumpridoras e beneficiando a aquelas cuxos votos lle son necesarios para seguir na Moncloa”, rematou.

 

Alberto Pazos lamenta a “intolerable e chulesca” carta do ministro de Transportes ao Presidente da Xunta, “unha mostra máis da falta de cordialidade e lealdade do Goberno de España con Galicia”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, lamentou hoxe que a “intolerable e chulesca” carta remitida polo ministro de Transportes ao Presidente da Xunta sobre a construción do AVE entre Galicia e Portugal, “unha mostra máis da falta de cordialidade e lealdade do Goberno de España coa Comunidade galega e os galegos”.

“O que fai falta é que o Goberno de España cumpra os seus compromisos destinando fondos europeos para poder compatibilizar os avances a ambos lados da fronteira”, manifestou Pazos, quen demandou que “este afán epistolar do ministro debería ser compatible coa atención persoal”, xa que, despois de máis de 100 días desde a súa toma de posesión, o Presidente Alfonso Rueda aínda segue á espera de ser recibido por Pedro Sánchez para trasladarlle as demandas e compromisos pendentes do Goberno central con Galicia.

Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios trasladando, en nome de todo o Grupo Popular, o pesar polo pasamento dos mariñeiros do Argos Georgia. A continuación, fixo un balance da actividade parlamentaria neste primeiro período de sesións da XII lexislatura, destacando que o Parlamento galego “viviu neste tempo unha actividade frenética con 85 reunións dos distintos órganos parlamentarios”. En total, superáronse as 206 horas de actividade parlamentaria entre plenos e comisións, o que supón unha media de 2 horas e 24 minutos cada día desta nova lexislatura.

Ao longo destes meses, o Goberno galego remitiu ao Parlamento galego dous novos textos lexislativos: o de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, e o de cultura inclusiva e accesible de Galicia

LIBERDADE E DISPOÑIBILIDADE

“Unha das cuestións nas que o Parlamento galego segue a ser referente a nivel de toda España é as grandes posibilidades coas que contan os grupos da oposición para facer tanto control ao Goberno galego como impulsar a súa acción política”, destacou o portavoz popular, quen concretou que das 139 iniciativas que se levaron a Pleno, tres de cada catro foron a iniciativa dos grupos da oposición. Ademais, 88 destas iniciativas foron de control ao Goberno galego e 51 de impulso da actividade gobernamental.

Alberto Pazos asegurou que “estes datos poñen de manifesto que o Grupo Popular mantén a súa plena disposición para que os grupos da oposición exerzan con total liberdade e dispoñibilidade o seu traballo no Parlamento galego, moi lonxe do mantra que acostuman a difundir de que aplicamos o rolo parlamentario e que os temos silenciados”.

Por outra banda, o portavoz popular referiuse á carta que o ministro de Transportes remitiu ao Presidente Rueda sobre a construción do AVE entre Galicia e Portugal, sobre a que dixo que “non ten sentido algún e é unha mostra máis da falta de cordialidade e lealdade do Goberno de España con Galicia e con todos os galegos que un ministro se dirixa deste xeito tan intolerable e chulesco ao Presidente galego”.

AXILIZAR A CONEXIÓN DE GALICIA E PORTUGAL POR AVE

“No que debería centrarse o ministro é en velar porque os tan cacarexados e esperados trens de alta velocidade a Galicia cheguen con puntualidade, xa que o problema que sufrimos cos agardados trens AVRIL estamos volvendo a padecelos agora coa entrada en funcionamento de AVLO”, dixo Pazos, quen recordou que “a falta de puntualidade é un problema habitual que sofren as persoas usuarias dos servizos ferroviarios en Galicia, con incidencias e retrasos na rede de media distancia practicamente a diario, aos que se suman agora os problemas nas conexións de alta velocidade”.

Alberto Pazos pediu ao ministro que “deixe a un lado a súa devoción por manifestar por escrito as súas ocorrencias e se centre en axilizar os trámites para que a conexión de Galicia con Portugal por alta velocidade sexa unha realidade canto antes, xa queco actual estado de tramitación as obras non estarán rematadas, como pouco, ata finais de 2034, incumprindo a promesa de que a conexión sería unha realidade en 2032”.

“Este afán epistolar do ministro de Transportes español debería ser compatible coa atención persoal que o Presidente do Goberno de España ten que ter cara a todos os presidentes autonómicos”, apuntou o portavoz popular. Neste sentido, lamentou que, “máis de 100 días despois da súa toma de posesión, o Presidente Alfonso Rueda segue á espera de ser recibido por Pedro Sánchez, unha reunión na que analizar todas as demandas e compromisos con Galicia pendentes desde o Goberno de España, entre as que figura, como non pode ser doutro xeito, esta conexión de AVE con Portugal, pero tamén outras cuestións relacionadas coa eliminación de peaxes e a transferencia da AP-9, a construción de novas autovías, o novo sistema de financiamento autonómico ou a prestación de servizos básicos, tanto sanitarios como a dependencia”.

Os populares galegos celebran o Día de Galicia tras un ciclo electoral exitoso: “Somos do PPdeG… pero, sobre todo, somos de Galicia”

O Partido Popular de Galicia conmemora hoxe o Día de Galicia tras un ciclo electoral exitoso, con catro amplas vitorias nos últimos meses —municipais, xerais, autonómicas e europeas— e coa consecución da primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda, e faino a través dun vídeo no que se reivindica como o partido que máis se parece aos galegos e galegas: “Somos do PPdeG… pero, sobre todo, somos de Galicia”.

Tomando como punto de partida unha expresión tan nosa como é a pregunta “E ti de quen es?”, os populares responden a esta cuestión antepoñendo a Galicia por riba de todo e explican así a idea que intentan transmitir a través desta pequena peza audiovisual: “Non só pensamos nos que votan ao PPdeG e que nos apoiaron maioritariamente en catro convocatorias consecutivas, senón en toda Galicia. Debémonos por igual a todos os galegos e galegas”.

Ao longo do vídeo participan tanto o presidente Alfonso Rueda como a secretaria xeral do partido, así como os catro presidentes provinciais. “Eu son de Galicia”, subliñan todos eles en lugares emblemáticos da nosa Comunidade como o miradoiro do Cabo do Mundo no Saviñao (Paula Prado), a praia de Riazor na Coruña (Diego Calvo), a Muralla de Lugo (Elena Candia), o casco histórico de Ourense (Luis Menor), a ría de Vigo desde o Monte da Guía (Luis López) ou o Monte Pedroso de Santiago de Compostela, con vistas á Catedral, no que o líder dos populares galegos pecha o vídeo antes de iniciar un novo percorrido coa súa moto.

A RIQUEZA PATRIMONIAL DE GALICIA

A elección da Ribeira Sacra como escenario tanto para os primeiros segundos deste vídeo como para o acto celebrado onte para conmemorar precisamente o Día de Galicia non é casual. De feito, no PPdeG escolleron este lugar emblemático e aspirante a ser declarado Patrimonio Mundial da Unesco porque “exemplifica á perfección todo o que somos”.

“Queremos reivindicar e poñer en valor o infinito patrimonio da nosa terra. Toda esa riqueza cultural, artística, natural, histórica e humana que nos fai sentir orgullosos de ser galegos e de vivir en Galicia”, explican neste sentido.