O Grupo Popular salienta que Galicia foi pioneira na regulación das vivendas de uso turístico, unha modalidade complementaria e non excluínte do resto de tipoloxías

A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, María Deza, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia foi unha comunidade pioneira na regulación das vivendas de uso turístico, incorporándoas á oferta regrada como unha modalidade aloxativa complementaria e non excluínte do resto de tipoloxías”. Porén, demandou que “todas as administracións deben regular a parte que lles toca, con maior ou menor laxitude, dentro da esfera das competencias que a cada unha lle poida corresponder”.

María Deza explicou que as prazas das vivendas de uso turístico “non están activas sempre, xa que poden compatibilizar o seu uso residencial co turístico”, ao tempo que indicou que “existe unha correcta convivencia entre as máis de 26.400 vivendas de uso turístico dadas de alta e o resto de tipoloxías de aloxamento tradicionais”.

“E proba disto son dous datos irrefutables: a demanda turística nas vivendas de alugueiro tradicional medra e a rendibilidade hoteleira é hoxe a máis alta desde que existen rexistros, medrando un 7 por cento; e que o pasado ano aloxáronse nos establecementos tradicionais máis de 7 millóns de persoas, fronte a algo máis de un millón nas vivendas de uso turístico”, concretou.

BASE ERRÓNEA DE PSOE E BNG

Respecto da regulación destas vivendas de uso turístico, María Deza indicou que “a declaración autonómica responsable prevista no decreto non é suficiente para a apertura dunha vivenda destinada a esa actividade, para o que se require, ademais, a autorización municipal correspondente en forma de comunicación previa”.

Deste xeito, apuntou que “os concellos teñen un papel determinante na habilitación ou non desta modalidade aloxativa, así como na comprobación de se unha determinada vivenda de uso turístico incumpre ou non a súa normativa e, nos casos de incumprimento, serán os concellos os que deben comunicarllo a Turismo de Galicia para proceder ao expediente de baixa no rexistro”.

María Deza criticou que BNG e PSdeG “parten da base errónea de que a eliminación destas vivendas de uso turístico garanten que as mesmas vaian pasar ao mercado residencial”, porque “a realidade é testuda e as políticas intervencionistas en materia de vivenda só provocan inseguridade xurídica e que os arrendadores retiren os seus inmobles do mercado”.

“Ademais, a prohibición desta modalidade aloxativa podería conlevar a perda dunha parte da actividade económica xerada en sectores como o comercio, a restauración, o lecer e a cultura, e un enfraquecemento da competitividade da Comunidade galega e da súa potencialidade turística, sen resolver os problemas de fondo do acceso á vivenda”, rematou.

O Grupo Popular avoga pola “transparencia total” sobre os contratos do actual Plan de Transporte Público de Galicia

O portavoz de Mobildade do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, avogou hoxe pola “transparencia total” no que respecta dos contratos dento do actual Plan de Transporte Público de Galicia, os expedientes sancionadores incoados ás empresas, os quilómetros percorridos no transporte ou da frota de autobuses titulares e reservas de todas as concesións de transporte colectivo competencia da Xunta.

Para iso, o Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a emenda presentada polo Grupo Popular a unha moción do BNG, na que se insta á Xunta a trasladar aos grupos con representación no Parlamento de Galicia:

1. A relación de expedientes sancionadores incoados ás empresas concesionarias nos anos 2021, 2022 e 2023, e a resolución dos mesmos, indicando o motivo de sanción e o importe da mesma.

2. Os datos de quilómetros percorridos no transporte á demanda por concesión no anos 2021, 2022 e 2023, número de viaxeiros e número de expedicións, engadindo a cada unha delas os datos de kms. e expedicións recollidos no contrato concesional.

3. A documentación que se solicite relativa ás ofertas gañadoras dos contratos dentro do actual Plan de Transporte Público, que non fora declarada confidencial

4. Os datos a 31 de decembro de 2024 da frota de buses titulares e reserva de todas concesións de transporte colectivo competencia da Xunta de Galicia, cos datos de calidade medioambiental e antigüidade.

O Grupo Popular critica que os socialistas pretendan que a Xunta faga en materia de vivenda o traballo que lle corresponde ao Estado

A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “os socialistas pretendan que a Xunta faga en materia de vivenda o traballo que lle corresponde ao Estado, seguindo a súa máxima de ti invitas e os demais pagamos”.

“A diferenza entre o modelo de vivenda da Xunta e do Goberno de Pedro Sánchez está clara, porque mentres o Goberno galego triplica os orzamentos en vivenda, o Goberno de Sánchez nin sequera aproba os seus; mentres a Xunta da axudas directas de ata 20.000 euros para que os menores de 36 anos merquen a súa primeira casa, o Goberno de Sánchez protexe aos que lla okupan; mentres a Xunta aproba dúas liñas de avais para facilitar a compra de vivenda, o Goberno de Sánchez nin executa os avais que prometeu; e mentres a Xunta traballa por duplicar o parque público de vivenda, o Goberno de Sánchez non construíu nin unha das miles que prometeu”, indicou Nicole Grueira.

Ademais, criticou que “foi o Goberno de Pedro Sánchez o que recortou á metade os fondos do bono alugueiro que lle correspondían a Galicia, cuestión que se agravou en 2024 porque nin sequera programou o bono ese ano, obrigando á Xunta a poñer 10 millóns de euros de fondos propios para compensar a súa incompetencia”.

Nicole Grueira destacou que “fronte a ese modelo do Goberno de Pedro Sánchez hai unha Xunta que actúa con medidas para axudarlle á xente nova a acceder a unha vivenda digna”, citando en concreto medidas como as bonificacións fiscais, as axudas directas, os aloxamentos compartidos, a reserva do 40 por cento das novas vivendas públicas en alugueiro para menores de 36 anos, os avais que cobren o 20 por cento da hipoteca ou o bono emancípate.

O Grupo Popular afirma que BNG e PSdeG pasarán á historia de Galicia como o Goberno que máis incrementou os concertos sanitarios e máis pacientes derivou da sanidade pública á privada

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “BNG e PSdeG pasarán á historia por dirixir o Goberno de Galicia que máis incrementou o gasto en concertos e que máis pacientes derivaba da sanidade pública á sanidade privada”.

No debate dunha iniciativa sobre a atención sanitaria no Hospital Povisa de Vigo, Encarna Amigo lembrou que “foi o Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas os que blindaron este centro sanitario en virtude dun acordo ao que se chegou en 2006, blindando este concerto incluso a través da Lei de Saúde de Galicia do ano 2008”.

“Ademais, no Acordo básico pola saúde da área sanitaria de Vigo, asinado en 2006 entre a Consellería de Sanidade e a dirección de Povisa, no que tamén participaron representantes sindicais da CIG, recóllese o compromiso polo mantemento do emprego do sector sanitario da comarca viguesa tanto no ámbito público como no privado que preste atención concertada, falando tamén da conveniencia de manter e potenciar os instrumentos de concertación e cooperación público-privada”, explicou.

FERRAMENTA LEXÍTIMA

Encarna Amigo afirmou que “os concertos son unha ferramenta lexítima que socialistas e nacionalistas impulsaron, que lles servían e empregaban cando gobernaban pero que agora os critican”.

Deste xeito, manifestou que desde o Partido Popular “seguiremos apostando por todos os recursos que garantan a mellor prestación sanitaria para os galegos” e, no caso concreto de Povisa, subliñou que “o obxectivo esencial e prioritario por parte da consellería é velar por garantir a equidade e a calidade asistencial da súa poboación de referencia e, máis en concreto, a todos aqueles que libremente elixan este centro hospitalario”.

O PPdeG denuncia que as prórrogas á tramitación da transferencia da AP-9 no Congreso alcanzan xa as 40 desde que Pedro Sánchez é presidente

Os deputados do PPdeG no Congreso denuncian a “enésima aldraxe” de Pedro Sánchez a Galicia logo de coñecerse a aprobación da prórroga número 40 ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei relativa á transferencia da AP-9 desde a súa chegada á Moncloa.

Unha prórroga que acordou hoxe a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, e que supón que, só no que vai de lexislatura, xa se adiase en 25 ocasións a tramitación parlamentaria desta iniciativa emanada da unanimidade do Parlamento de Galicia.

“É indignante este boicot por parte dunha Mesa totalmente servil a Pedro Sánchez e que non permite nin sequera que esta proposición poida pasar a Comisión para debatela e que os grupos poidan facer as súas aportacións”, asegura o deputado galego Celso Delgado, que, xunto a Tristana Moraleja e Pedro Puy, forma parte da ponencia encargada debater a iniciativa.

Os representantes do PPdeG neste órgano denuncian neste sentido que o Goberno de Sánchez está a exercer un “autoritarismo” inadmisible sobre a institución na que reside o poder lexislativo. Ao que habería que engadir o seu “desprezo” cara o Parlamento galego na medida en que é desta cámara da que procede a demanda de transferencia da AP-9.

“Reclamamos unha vez máis que se poña fin a esta lamentable situación e que, dunha vez por todas, se proceda a elaborar un estudo sobre o custo do rescate da AP-9 e a liberación das súas peaxes”, conclúen apelando ao “anhelo” dos galegos de que esta autopista sexa xestionada por e para Galicia.

A INSUFICIENCIA DAS BONIFICACIÓNS ÁS PEAXES DA AP-53

En relación ao anuncio da aprobación no Consello de Ministros de hoxe de bonificacións ás peaxes da AP-53 entre Santiago de Compostela e Dozón, os populares galegos celebran esta “boa nova” pero lamentan que “chega tarde” e que, ademais, é “insuficiente”.

Recorda Celso Delgado que tanto os usuarios desta vía como a Xunta de Galicia e o Parlamento galego levan anos demandando a liberación total da AP-53 das peaxes coas que conta desde a súa posta en marcha. Ou, cando menos, que o Goberno central siga o exemplo do Goberno galego, que habilitou a gratuidade do tramo da súa competencia –entre Lalín e Ourense– a través dunha peaxe na sombra.

O Grupo Popular subliña que a Xunta xa amosou a vontade de solicitar a transferencia dos servizos de meteoroloxía, que se recollerán na futura Lei do Clima

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta xa anunciou a súa vontade de solicitar a transferencia ao Estado das competencias nos servizos de meteoroloxía, que recollerá na futura Lei do Clima de Galicia, e acusou ao BNG de “pretender que o PSOE secuestre no Congreso outra competencia para a Comunidade galega, como está a facer coa AP-9”.

Gonzalo Trenor lembrou que a transferencia dos servizos de meteoroloxía “foi unha petición constante desde Galicia”. Neste sentido, lembrou que o conselleiro de Presidencia xa anunciou no debate de orzamentos a vontade do Goberno galego de solicitar este traspaso; a conselleira de Medio Ambiente dixo que na futura Lei do clima daríase rango normativo ás funcións de Meteogalicia; e o Pleno do Parlamento galego aprobou, o pasado 4 de decembro e coa abstención do PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se solicita a transferencia da competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos. “Sen esquecer que o Partido Popular presentouse ás eleccións autonómicas cun programa de goberno real, no que unha das 872 propostas é o traspaso dos servizos meteorolóxicos”, apuntou.

MESMO TRATO QUE OUTRAS COMUNIDADES

“O lóxico é que Galicia faga uso dos medios á súa disposición, que son máis completos que os que ten a Axencia Estatal de Meteoroloxía, pois o noso servizo está mellor preparado e mellor equipado”, salientou o portavoz popular. Así, explicou que “Meteogalicia está considerada unha das axencias máis importantes e punteiras dentro do seu campo, con 160 estacións, case o triplo que a Aemet, que ofrecen información real cada dez minutos, e colaboran estreitamente con sanidade, medio rural e Augas de Galicia”.

O portavoz popular incidiu en que “queremos que Galicia reciba o mesmo trato que outras comunidades autónomas por parte do Goberno de Pedro Sánchez”, logo de que a comezos do mesmo de marzo asinou o acordo para o traspaso dos servizos de meteoroloxía ao País Vasco.

Trenor lamentou que “na reivindicación de ampliar o noso teito competencial estamos sos, porque tanto socialistas como nacionalistas galegos, cando teñen que elixir entre Pedro Sánchez e Galicia, sempre elixen Pedro Sánchez”. “Xa o vimos coa Lei do litoral, á que se opuxeron levándoa ata o Constitucional; e agora estámolo a ver coa transferencia da AP-9, secuestrada pola Presidenta do Congreso usando subterfuxios antidemocráticos ante un BNG e PSdeG feliz e sen alzar a voz ante este atropelo”, manifestou.

“Son vostedes os do non e xamais van a facer valer o seu voto, nin sequera de forma simbólica, a favor de Galicia”, criticou o portavoz popular, quen anotou que “non o fixeron coa Lei do litoral, nin o fan co secuestro da AP-9, nin cos recursos para a prestación da dependencia, nin para modernizar unha infraestrutura tan deteriorada como as liñas ferroviarias do século XIX”, rematou.

Galicia, primeira rexión europea en contar cunha Lei de desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, que blinda os dereitos dos cidadáns nas relacións coa Administración

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, cos votos a favor do Grupo Popular e socialista, e a abstención do BNG e Mixto, a lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, unha norma pioneira a nivel europeo que asegura os beneficios que poderán obter con esta nova tecnoloxía tanto o tecido produtivo como a cidadanía na súa relación coa Administración galega e que garante aos galegos os seus dereitos sempre que interveña a intelixencia artificial.

“En definitiva, un novo marco xurídico estable que ofrece á cidadanía confianza e certeza nas súas relacións coa Administración pública galega e que blinda os seus dereitos”, afirmou o viceportavoz popular, Julio García Comesaña.

Na súa intervención, García Comesaña explicou que a nova lei “regula ata onde as nosas competencias na materia nolo permiten e sendo moi respectuosos co Regulamento Europeo, co fin de aplicar a intelixencia artificial para ofrecer os mellores servizos onde estas tecnoloxías o permiten e de conformidade coas necesidades e as demandas da cidadanía e das empresas”.

TRES OBXECTIVOS

En concreto, citou tres obxectivos principais desta lei: mellorar a eficacia da Administración autonómica e a súa relación coa cidadanía; dispoñer en Galicia dunha intelixencia artificial segura e salvagardar os dereitos da cidadanía; e consolidar a Galicia como rexión de referencia en Europa en intelixencia artificial.

“Por iso, estamos ante unha lei que regula que sistemas de intelixencia artificial podemos desenvolver ou comprar desde a Administración e como debemos usalo; que asegura que as persoas teñen sempre a última palabra; que establece cal é a responsabilidade e funcións de cada un dos servidores públicos e entidades no proceso de planificación e implantación desta tecnoloxía; que define os criterios para a compra ou desenvolvemento de sistemas de intelixencia artificial; e que fomenta a implantación dunha intelixencia artificial axeitada aos intereses estratéxicos de Galicia por parte das empresas e da sociedade no seu conxunto”, explicou.

O viceportavoz popular rematou a súa intervención salientando que “somos unha comunidade autónoma que posúe un ecosistema fortalecido ao redor da ideación, desenvolvemento e demanda de intelixencia artificial, capaz de albergar a AESIA e cunha infraestrutura de computación avanzada e un crecente investimento nesta tecnoloxía por parte da industria e os servizos”, ao que agora se engade “a primeira lexislación rexional europea para o desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas”.

O Grupo Popular solicita ao Goberno central o reintegro inmediato aos mutualistas das contías que tributaron de máis en concepto de IRPF

O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a través da que se solicita ao Goberno de España que derrogue e deixe sen efecto a modificación lexislativa que anula as devolucións correspondentes aos mutualistas que tributaron máis do debido, procedendo ao reintegro íntegro e sen aprazamentos das contías xa solicitadas en tempo e forma polos contribuíntes.

Os viceportavoces do Grupo Popular, Paula Prado, Julio García e Cristina Sanz, xunto coa deputada Felisa Rodríguez, mantiveron un encontro esta mañá co responsables de asesorías e colectivos de afectados pola anulación das solicitudes de devolución daquelas persoas que tributaron máis do debido en concepto de imposto sobre a renda logo de realizar achegas a diferentes mutualidades profesionais.

CAMBIO DE CRITERIO

O Tribunal Supremo ditou unha sentenza o 28 de febreiro de 2023 a través da que atendía a reclamación realizada por afectados que viron como non se consideraban deducibles as cotas abonadas ás mutuas entre os anos 1967 e 1978, conseguindo que a partir dese pronunciamento xudicial se recoñecese o seu dereito a deducir un 25 por cento desas achegas.

Para acceder a esta devolución, os afectados dispoñían dun formulario específico ao que debían acompañar a fotocopia do documento nacional de identidade e o número de conta bancaria.

Porén, o Grupo Socialista no Congreso, a través dunha emenda á Lei 7/2024, cambiou drasticamente este proceso de devolución do IRPF para os mutualistas ao anular as solicitudes que non se presentaran antes do 22 de decembro de 2024, o que supuxo que unha gran parte dos mutualistas que solicitaran a devolución non a vaian a recibir na súa integridade ata o 2028.

Este novo sistema establece que os afectados deberán volver a pedir a partir deste ano 2025 a devolución en diferentes anualidades a través dun formulario que se presentará no prazo regulamentario da declaración do IRPF. Así, no ano 2025 solicitarase a devolución do exercicio de 2019 ou anteriores non prescritos; en 2026, a devolución do exercicio 2020; en 2027, a devolución do exercicio de 2021; e en 2028, a devolución do exercicio de 2028.

DEREITOS DOS CONTRIBUÍNTES

Paula Prado cualificou de “sorprendente este cambio de criterio arbitrario, que excede e retorce o cumprimento do criterio do Tribunal Supremo e pugna abertamente cos dereitos dos contribuíntes, que non teñen máis culpa que aplicar ben o dereito cando a interpretación da Axencia Estatal de Administración Tributaria era de todo incorrecta, como se demostrou nos tribunais”.

“Por este motivo, solicitamos que o Goberno de España deixe sen efecto a reforma lexislativa e proceda de inmediato á devolución íntegra das contías que lles pertencen a estes mutualistas, de xeito que non se produza unha diferenza de trato con aqueles que xa percibiron os reintegros das cantidades ingresadas indebidamente diante da AEAT”, sinalou.