O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central unha moratoria na aplicación do Real Decreto que regula a distribución, prescrición, dispensación e uso de medicamentos veterinarios

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que, namentres non se chegue a un acordo cos colexios profesionais veterinarios, as asociacións protectoras animais e as administracións públicas autonómicas, se adopte unha moratoria na aplicación do Real Decreto 666/23 que regula a distribución, prescrición, dispensación e uso de medicamentos veterinarios.

O deputado popular Juan Casares cualificou de “paragóxico e contraditorio que o Goberno de Pedro Sánchez non fixera unha consulta co servizo veterinario antes de aprobar unha normativa que non só lles atinxe de xeito directo, senón que ten efectos perversos sobre a protección animal”. “Estamos ante unha situación que podemos cualificar tanto de maltrato animal, porque pon en risco a vida de mascotas, como de un menosprezo absoluto á profesión veterinaria, fundamental para a saúde tanto animal como humana”, apuntou.

INCREMENTO DE CUSTOS E BUROCRACIA

A través desta nova normativa, “o veterinario sofre un incremento esaxerado de custos, ao tempo que se xeran efectos colaterais que poden derivar no sufrimento innecesario do animal e, incluso, resolverse coa súa morte por falta de acceso aos tratamentos axeitados”, dixo o deputado popular.

Ademais, indicou que o novo decreto “soterra aos veterinarios en burocracia, menospreza a súa experiencia e coñecemento, e limita perigosamente a capacidade de prescrición de antibióticos, podendo derivar na morte de mascotas”. “Ao mesmo tempo, amedrenta aos profesionais pola vía coercitiva, coa ameaza de multas elevadas ante calquera erro burocrático e pon en risco a viabilidade das clínicas”, engadiu.

Juan Casares asegurou que os veterinarios “sempre estiveron, están e estarán comprometidos co uso racional e sostible dos medicamentos, nomeadamente dos antibióticos, e son conscientes da problemática que xera a resistencia derivada do uso abusivo”. Neste sentido, lembrou que España, segundo a Organización Colexial Veterinaria, é o país europeo cunha maior redución do uso de antibióticos na sanidade animal entre os anos 2014 de 2022.

OUTRAS ACTUACIÓNS NECESARIAS

A proposición non de lei aprobada hoxe no Parlamento galego, ademais de pedir unha moratoria na aplicación do Real Decreto 666/23, tamén pide ao Goberno central homoxeneizar o sistema nacional de declaración de antibióticos que chegan ao poder dos titores de mascotas e gandeiros de animais de produción, así como derrogar de xeito inmediato o réxime sancionador relacionado coas notificacións de prescrición de antimicrobianos, previsto na Lei estatal de Sanidade Animal, substituíndo por un novo que respecte e garanta a proporcionalidade das sancións.

Así mesmo, pídese apoio aos veterinarios, a través da modificación do Real Decreto 1/2015, reforzando a figura da cesión de medicamentos con destino ós animais, necesarios para a atención urxente dos mesmos; simplificar os trámites de importación de medicamentos veterinarios, garantindo que as restricións normativas non dificulten o acceso a tratamentos esenciais para os animais; revisar a normativa para equiparar os prezos dos tratamentos de animais ós de uso humano, cando conteñan os mesmos principios activos; actualizar as fichas técnicas e prospectos dos medicamentos veterinarios para que reflictan os seus posibles usos e aplicacións; e promover a redución do 21 por cento do IVE aplicable aos servizos veterinarios, que penaliza tanto a saúde e benestar animal como a saúde pública.

O Parlamento de Galicia solicita o impulso da recuperación das razas autóctonas ameazadas cun plan de axudas para recría

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta de Galicia o impulso da recuperación das razas autóctonas galegas ameazadas, a través do deseño dunha estratexia común dirixida ao establecemento dun plan de axudas para a recría de femias e machos en favor dos gandeiros e gandeiras titulares das razas bovinas, ovina e cabrúa ameazadas.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Ángel Viso, salientou que “nos últimos 20 anos e gracias ao apoio continuo da xunta e o compromiso das asociacións de criadores, conseguiuse frear o declive e incluso facer medrar os censos dalgunhas razas nun 1.000 por cento, como foi o caso da raza cachena, que pasou de apenas 82 reprodutoras en 1991 a máis de 1.600 en 2007”.

FREO DA RECUPERACIÓN

“Porén, esta recuperación freouse e, se non actuamos agora, corremos o risco de perder séculos de adaptación natural, de diversidade xenética e de saber facer rural”, alertou o portavoz popular, quen apuntou que “é hora de dar un novo pulo, porque os gandeiros e gandeiras precisan ferramentas, axudas e seguridade para continuar co labor de conservar e multiplicar estas razas”.

Miguel Ángel Viso manifestou que “estas razas non só producen carne, leite e ovos, senón que axudan na limpeza de montes, prevén incendios, aproveitan os terreos máis agrestes e alimentan a nosa gastronomía e o noso turismo”. “Ao mesmo tempo, as nosas razas autóctonas son un exemplo de sustentabilidade nun momento no que Europa aposta pola conservación da biodiversidade e pola loita contra o cambio climático”.

O PP esixe ao Goberno que aclare se vai retirar ou non o borrador do mapa concesional de transporte que deixa sen parada a 22 municipios galegos

A deputada do Partido Popular no Congreso pola provincia da Coruña, Tristana Moraleja, anunciou hoxe que a súa formación vén de esixir ao Gobierno Central que aclare se ten pensado retirar ou non o borrador do mapa concesional de transporte que deixaría sen parada a 22 concellos de Galicia.

A popular lembra que dende o seu partido xa presentaron fai semanas unha proposición non de lei (PNL) que foi aprobada (a favor PP, en contra Vox, Junts, Bildu e abstención PSOE e Sumar) para pedir a modificación dun plan que, explicou, supón unha “redución drástica” na prestación do servizo de transporte, debido a que só se teñen en conta criterios económicos.

Neste sentido, a popular explicou que, de saír adiante, o proxecto do Goberno deixaría sen parada en Galicia aos concellos de Arzúa, Melide, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Baralla, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, Quiroga, A Pontenova, Trasmiras, A Mezquita, Ribadavia, Rios, A Rúa, Forcarei, Lalín, Tui, Silleda e O Porriño, que suman máis de 130.000 habitantes; eliminando 87 paradas nas catro provincias.

“O mapa é totalmente contraditorio a un dos piares da lei, como é a cohesión social. Vai en contra do citado principio despois de que vén establecer un servizo de transportes máis directo, con conexións unicamente cos grandes nodos de poboación, deixando fóra ás contornas rurais”, indicou Moraleja, quen incidiu en que esta situación choca de cheo coa realidade dos territorios do mundo rural con ampla dispersión e afectados polo reto demográfico.

“Queremos saber dunha vez por todas se o Goberno vai elaborar unha nova proposta de mapa concesional estatal que teña en conta as características específicas da provincia da Coruña e se, para iso, vai convocar, con carácter previo e urxente, a Conferencia Sectorial de Trasporte, tal e como se aprobou no Congreso”, apuntou a popular.

Moraleja subliña que o Goberno de España non pode pretender impoñer o mapa concesional –a proposición foi aprobada no Congreso e polo tanto o executivo ten que retirar a proposta- sen antes abordar o asunto no seo da Conferencia Sectorial dado que “estamos a falar dunha cuestión que nos afecta en conxunto e tamén á mobilidade do territorio”.

UN MAPA FUNDAMENTAL

Os populares lembran que resulta “fundamental e clave estratexicamente” o mantemento e a mellora do Servizo de Transportes Colectivo do Autobús como ferramenta de cohesión social dada a súa relevancia para os usuarios con menor renda e para a España rural.

Así mesmo, defenden, apuntou Moraleja, a elaboración do mapa en colaboración coas CCAA para que se teña en conta os criterios sociais, xeográficos e demográficos particulares de cada territorio, por encima de criterios meramente económicos.

Alberto Pazos critica que o Goberno de Sánchez insista en converter a Conferencia de Presidentes “nun paripé para tapar o vendaval de casos de corrupción que afectan ao Partido Socialista”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que o Goberno de Pedro Sánchez insista en converter a Conferencia de Presidentes convocada para o vindeiro 6 de xuño “nun paripé, co único obxectivo de tapar o vendaval de casos de corrupción que día tras día están a afectar directamente ao Presidente Sánchez e ás altas esferas do Partido Socialista”. Neste sentido, considerou “imprescindible que o Goberno de España valore seriamente un cambio na organización das Conferencias de Presidentes, dando máis protagonismo ás comunidades autónomas e ás súas propostas, fomentando o debate entre todos os participantes, fuxindo do habitual monólogo de Pedro Sánchez que sofren os presidentes autonómicos en cada reunión e contando, cando menos, cunha mínima documentación sobre os asuntos a tratar, para poder preparar debidamente cada cuestión e poder facer as súas aportacións para chegar a acordos útiles para a poboación”.

Alberto Pazos amosou o apoio do Grupo Popular “á postura adoptada polo Goberno galego, e por todas as comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, de rexeitar o intento do Goberno de Pedro Sánchez de centrar esta Conferencia de Presidentes nos temas de vivenda e formación profesional e universitaria que lle interesan ao Goberno central e convertela nun monólogo do Presidente Sánchez, quedando as comunidades autónomas como meros espectadores, sen posibilidade algunha de debater e facer aportacións sobre outras cuestións nas que tamén están interesadas”.

“De pouco vale que o Goberno central acepte incorporar algunhas das propostas que se puxeron enriba da mesa por parte das comunidades autónomas, se ao final se priva de calquera debate ou intercambio de opinións sobre as mesmas entre os presidentes autonómicos e do Goberno de España”, sinalou o portavoz popular.

ÉXITO EN FUNCIÓN DOS ACORDOS ACADADOS

Neste sentido, afirmou que “o Goberno de España debería ter presente que o éxito das Conferencias de Presidentes non se mide polo número de reunións que se celebran senón polos acordos e consensos aos que se chegan dentro delas, e o que está demostrando o Goberno de Pedro Sánchez é que está máis polo primeiro, é dicir, por sumar unha Conferencia tras outra, servíndose das comunidades autónomas para soltar o seu sermón político, que por pechar unha orde do día da Conferencia coas cuestións que realmente preocupan á gran maioría das comunidades autónomas”.

O portavoz popular explicou que “non só estamos a falar de abordar o novo sistema de financiamento autonómico, porque existen outras cuestións que preocupan as comunidades autónomas e que deberían figurar na orde do día das conferencias de presidentes como o incremento da okupación de vivendas; o financiamento da educación gratuíta de 0 a 3 anos, tal e como se comprometeu o Presidente Sánchez no seu momento; o déficit existente de infraestruturas críticas, no caso de Galicia as vías de comunicación coa Meseta ou o servizo de transporte ferroviario; a seguridade do modelo enerxético, máxime despois do apagón que vivimos hai un mes; o control de fronteiras e a inmigración por parte do Estado; ou o déficit de profesionais sanitarios, algo sobre o que xa vimos insistindo desde Galicia desde hai tempo pero que o Goberno de Pedro Sánchez non acaba de adoptar as medidas que se lle propoñen”.

FALSOS DEFENSORES DO ECOLOXISMO

Por outra banda, Alberto Pazos criticou a “demagoxia e incongruencia” do BNG respecto do sector eólico, porque “os que agora se presentan como máximos defensores do ecoloxismo, protagonizando moitas das demandas que se están a presentar contra proxectos eólicos que se queren implantar neste momento en Galicia, son os mesmos que se vían beneficiados polo concurso eólico do Goberno bipartito de nacionalistas e socialistas”.

“Basta xa de tanto postureo e tanta hipocrisía, porque non se pode estar a favor do eólico cando auguras que pode supoñer uns importantes beneficios persoais e despois ser o principal opositor ao impulso do sector eólico en Galicia, co único obxectivo de paralizar calquera proxecto que se intente poñer en marcha en Galicia, incluso cando falamos de repotenciar parques, reducindo o número de muíños que afean a nosa paisaxe pero incrementando a súa produción”, apuntou.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central o recoñecemento oficial dos títulos de tradución e interpretación xurada que autorizan as comunidades autónomas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno central que, de acordo coas comunidades autónomas con lingua propia, adopte as modificacións normativas necesarias para o recoñecemento oficial dos títulos de tradución e interpretación xurada que autorizan as mesmas.

O portavoz popular de Lingua, José Luís Ferro, explicou que a Xunta aprobou no ano 2002 un decreto polo que se regula a habilitación profesional para a tradución e interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa, unha norma que a Xunta xa está a analizar a súa actualización para a convocatoria de novas prazas de tradutores xurados e ampliar os idiomas traducidos. “Ao abeiro deste decreto, desenvolvéronse convocatorias de probas e tramitáronse solicitudes de habilitación directa, dotando así a Galicia dun cadro de profesionais perfectamente capacitados, que prestan un servizo esencial: garantir que a documentación redactada en galego poida ser válida máis alá das nosas fronteiras e, ao tempo, que os documentos procedentes doutras linguas poidan ser utilizados dentro de Galicia sen mingua da legalidade nin da seguridade xurídica”, apuntou.

SEN CONVOCATORIA DESDE HAI DÉCADAS

Porén, indicou que “o problema é que o Ministerio de Asuntos Exteriores, competente na materia a nivel estatal, non está a convocar probas para linguas cooficiais dende hai décadas, porque esa competencia foi asumida polas comunidades autónomas con lingua propia, o que derivou que o Estado tampouco está a recoñecer oficialmente os títulos outorgados por esas comunidades”. “Esta situación xera unha paradoxa inadmisible: os territorios con lingua propia exercen a súa competencia, forman profesionais, expiden títulos, e logo eses títulos non teñen recoñecemento xeral fóra do seu ámbito autonómico, deixando en situación de incerteza tanto aos profesionais coma aos cidadáns que dependen deses servizos”, dixo.

José Luís Ferro manifestou que “este baleiro normativo provoca, por exemplo, que unha tradución xurada realizada por un profesional habilitado pola Xunta poida non ser aceptada por determinados órganos estatais ou internacionais, aínda que esa tradución cumpra todos os requisitos técnicos e legais e proceda dun sistema público e garantista”.

“A solución pode pasar por reformar o regulamento estatal sobre tradutores e intérpretes xurados, para que inclúa expresamente o recoñecemento dos títulos autonómicos; ou por establecer mecanismos de homologación automática que garantan que os profesionais habilitados por Galicia, Cataluña, Euskadi ou outras comunidades poidan exercer con plena validez en todo o Estado”, indicou o portavoz popular.

Ferro asegurou que “estamos a falar da garantía dun dereito básico recollido no noso Estatuto de Autonomía e na Constitución: o dereito a usar o galego como lingua oficial en pé de igualdade co castelán”, polo que agradeceu o apoio unánime dunha proposta “a favor do galego, da seguridade xurídica e dos profesionais que desempeñan unha función clave para garantir o exercicio real dos dereitos lingüísticos”.

O Parlamento de Galicia demanda ao Goberno de España un sistema coordinado de matrícula entre as facultades de Medicina

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que cree, xunto ás comunidades autónomas e ás universidades españolas, un sistema coordinado de matrícula entre as facultades de Medicina, co obxectivo de dar as máximas garantías aos futuros estudantes e simplificar o proceso a nivel nacional.

O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, afirmou que esta proposta “busca garantir a igualdade de oportunidades, aliviar a presión e o estrés que soportan cada ano milleiros de estudantes e as súas familias, e facilitar a xestión e planificación dunhas prazas que son estratéxicas para o noso sistema sanitario e universitario”.

“O actual sistema de matrícula obriga aos futuros estudantes de Medicina a solicitar praza en varias facultades á vez, nun auténtico exercicio de incerteza e presión”, sinalou o viceportavoz popular. En concreto, apuntou que esta situación “supón unha sobrecarga administrativa para as universidades, que reciben solicitudes duplicadas ou triplicadas, moitas das cales non se chegan a formalizar; e implica un custo económico para as familias, que despois non recuperan”.

DESIGUALDADES NO ACCESO E COMPETENCIA DESREGULADA

García Comesaña explicou que “a falta de centralización na matrícula das universidades presenta diversos problemas, que van desde desigualdades no acceso, a dificultades na planificación e xestión de prazas ou mesmo a disparidades na calidade da formación”. “Ademais, esta non centralización xera unha competencia desregulada entre as universidades e unha fragmentación da oferta educativa, o que repercute na homoxeneidade da formación e na equidade no acceso á carreira”, dixo.

Para rematar, fixou como desafíos desta situación a existencia de desigualdades no acceso, pola falta dunha plataforma única que xera diferenzas significativas nos criterios de admisión e notas de corte; a dificultade na planificación e a xestión, que provoca desaxustes entre a oferta e a demanda, así como problemas na distribución xeográfica dos profesionais; disparidade na calidade da formación; unha competencia desregulada, que prioriza a captación de estudantes fronte á calidade; e unha fragmentación da oferta educativa, que dificulta a mobilidade e a homoxeneidade formativa.

O Grupo Popular pide á Xunta que axilice a tramitación do polígono empresarial de Bértoa e remate o proxecto da variante de Carballo para proceder á licitación da súa primeira fase

O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo demandou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta axilice a tramitación da ampliación do polígono empresarial de Bértoa en Carballo, completando os trámites necesarios á maior brevidade posible. Así mesmo, pediu que se remate o antes posible a redacción do proxecto, trazado e construción da variante de Carballo, para proceder á licitación da execución da primeira fase desta vía.

Rubén Lorenzo lembrou que a Xunta xa anunciou a recente formalización dos contratos dos proxectos de urbanización e parcelamento, así como do proxecto de expropiación da ampliación do polígono empresarial de Bértoa, “actuacións que se comprometeu a definir e executar en colaboración co Concello de Carballo para atopar as solucións máis adecuadas”.

Respecto da variante de Carballo, o deputado popular explicou que “neste momento estase adaptando o proxecto de trazado ao estipulado no informe de impacto ambiental, co obxectivo de proceder posteriormente á aprobación provisional do proxecto de trazado e iniciar o procedemento expropiatorio coa información pública”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta xa dispón dunha partida orzamentaria específica neste 2025 para o desenvolvemento desta variante, así como a previsión plurianual necesaria para a súa materialización.

O PPdeG critica a “hipocrisía” e o “cinismo” do BNG sobre os eólicos: “Pasan do apoio máximo ao bloqueo máximo segundo sopre o vento”

O Partido Popular de Galicia critica que o BNG se poña “a un ou outro lado segundo sopre o vento” no que se refire aos eólicos e cataloga de “hipócrita” e “cínico” o seu “falso ecoloxismo” logo de descubrir que “membros do BNG do ‘non’ aos eólicos hai uns anos eran os do ‘si’ aos eólicos”.

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, en declaracións aos medios esta mañá en Pol, referiuse ás “preocupantes” informacións publicadas esta semana sobre o “paso de empresarios a activistas” de diversas persoas vinculadas ao BNG e que, na súa opinión, confirman que “o independentismo galego pasa do apoio máximo ao bloqueo máximo segundo crea que lle vai tirar máis rédito electoral e deixando ao lado calquera coherencia ou interese cidadán”.

“Creo que, como mínimo, estas informacións requiren explicacións por parte de Ana Pontón e da dirección do BNG”, concluíu explicando que os dirixentes deste partido “xa estaban naquela época” e apelando ao “dano” que estes “falsos ecoloxismos” fan a Galicia como potencia en enerxías renovables.

O EXEMPLO DO QUE OCORRE ONDE NON GOBERNA O PP

A número dous dos populares galegos fixo estas declaracións durante a visita que realizou a Pol xunto á portavoz local do partido e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, para reivindicar que este concello “precisa máis rigor na xestión e moito máis sentidiño no destino de fondos públicos”.

Neste sentido apuntou que Pol é “un grande exemplo do que ocorre onde non goberna o Partido Popular” e que o seu alcalde “está impregnado do peor da marca PSOE”, xa que “deixa de lado os problemas máis urxentes do concello para centrarse só nos seus”.

“Estamos no concello coa débeda per cápita máis alta de toda a provincia de Lugo (en total, máis de 3,5 millóns de euros) e unha das máis altas de Galicia”, denunciou ao tempo que afeaba ao rexedor socialista estar “máis centrado no fútbol que nos récords negativos da súa xestión”.

En contraposición a todo isto, a secretaria xeral do PPdeG apuntou a Nicole Grueira como alternativa e amosouse convencida de que, se a líder local do partido fose alcaldesa, “traballaría para todos os seus veciños e veciñas sen sectarismos e sen deixarse influír pola cor política”.

Nicole Grueira, pola súa banda, quixo agradecer a presenza de Paula Prado no seu concello para coñecer de primeira man os problemas que sofren os veciños ante a “pasividade” dun alcalde “centrado só nos seus problemas”.

“Só se ocupa dos seus caprichos e esquécese do que realmente importa”, afirmou a voceira popular trasladando demandas veciñais como son a necesidade de arranxar as pistas ou dotar duns servizos “en condicións” ao alumnado do centro de educación infantil e primaria da localidade.

O Parlamento de Galicia demanda ao Goberno de España que proceda á devolución sen aprazamentos de todas as contías que os pensionistas tributaron de máis ás mutualidades

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados de BNG nin de PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que derrogue e deixe sen efecto desde a súa entrada en vigor a modificación introducida pola Disposición final décimo sexta da Lei 7/2024 e practique as devolucións correspondentes aos mutualistas que tributaron máis do debido, segundo o establecido polo Tribunal Supremo e a xurisprudencia coincidente.

En concreto, pídese que proceda á devolución íntegra e sen aprazamentos das contías xa solicitadas en tempo e forma polos contribuíntes, aínda despois do 22 de decembro de 2024, para non xerar diferenzas de trato con aqueles que xa percibiron as devolucións das cantidades ingresadas indebidamente diante da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

A deputada popular Felisa Rodríguez lembrou que o Tribunal Supremo ditou unha sentenza en febreiro de 2023 a través da que atendía a reclamación daquelas persoas que tributaron máis do debido en concepto de IRPF tras realizar achegas a diferentes mutualidades profesionais. En concreto, referíase ás cotas abonadas ás mutualidades entre os anos 1967 e 1978 que non puideron ser deducidas en IRPF e que o Tribunal Supremo recoñece o dereito a deducir un 25 por cento da parte da pensión xerada coas aportacións realizadas ás mutualidades.

CAMBIO DE MODELO

“Nun primeiro momento, o Goberno de Pedro Sánchez creou un formulario específico a cumprimentar por cada pensionista para recibir a correspondente devolución, pero a partir de decembro de 2024 variaron este sistema e implementaron un novo excepcional, fragmentado e dilatado no tempo, establecendo un réxime singular de devolución para os mutualistas”, indicou.

Deste xeito, a través da Lei 7/2024 se modificou drasticamente o proceso de devolución de IRPF para os mutualistas, ao tempo que o Ministerio de Facenda anulou as solicitudes de devolución que non se resolveron antes do 22 de decembro de 2024, paralizando incluso as que estaban resoltas pero non pagadas.

Este novo sistema, vixente na actualidade, establece que os mutualistas deberán volver a pedir a devolución en diferentes anualidades cun formulario que se presentará no prazo regulamentario da declaración do IRPF co seguinte calendario: no ano 2025 solicitarase a devolución do exercicio de 2019, en 2026 do exercicio 2020, en 2027 do 2021 e en 2028 do ano 2022.

“Este sorprendente cambio de criterio é arbitrario, excede e retorce o cumprimento do criterio do Tribunal Supremo e vulnera os dereitos dos contribuíntes que non teñen máis culpa que aplicar ben o dereito cando a interpretación da Axencia Tributaria era de todo incorrecta, como se demostrou nos tribunais”, sinalou a deputada popular, quen cualificou de “inxustiza, atropelo e abuso que se pretenda dilatar no tempo ata 2028 o abono dos ingresos indebidos que lle corresponden aos pensionistas mutualistas”.

Felisa Rodríguez incidiu que “nunca se debeu cambiar o sistema de devolución, porque os pensionistas que cotizaron a mutualidade fixeron ingresos indebidos e o Ministerio de Facenda ten que proceder á súa devolución, porque son cartos dos pensionistas”. “Falamos dun cambio da norma en prexuízo do contribuínte, tendo en conta que é un deber das administracións públicas protexer os intereses da cidadanía en xeral e, neste caso, dos nosos pensionistas en particular, evitando o fraccionamento do que lle corresponde por terse pagado en exceso”, manifestou.

O PPdeG pide no Parlamento galego que o Concello de Mondariz-Balneario solicite a incoación do expediente para a declaración da Fonte de Troncoso como ben de interese cultural

O Grupo Popular rexistrou a pasada semana no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se pide ao Concello de Mondariz-Balneario que solicite formalmente a incoación do expediente para a declaración da Fonte de Troncoso como Ben de Interese Cultural (BIC). “O Concello contará coa total colaboración da Xunta no proceso de tramitación desta solicitude e na elaboración da
documentación necesaria para a incoación do expediente, así como posteriormente para solicitar fondos ao Ministerio de Vivenda, con cargo ao programa do 2% cultural co obxectivo de proceder á recuperación deste ben patrimonial”, asegurou o deputado popular Julio García Comesaña.

A Fonte de Troncoso de Mondariz-Balneario é unha obra singular do arquitecto Antonio Palacios, unha das figuras más recoñecidas da arquitectura galega e autor dalgúns dos edificios máis emblemáticos da Comunidade galega. “Porén, a pesar do seu notable valor histórico, artístico e simbólico, atópase nun preocupante estado de conservación a consecuencia do abandono á que a ten sometida o Concello”, lamentou o deputado popular, quen lembrou que a última intervención de consolidación foi promovida pola Xunta hai dous anos.

García Comesaña avogou por “deixar á marxe as liortas partidistas e poñerse a traballar para a conservación da Fonte de Troncoso, para o que o primeiro paso debe de ser a solicitude desde o Concello de Mondariz-Balneario da súa declaración como ben de interese cultural, o que garantiría a súa protección e posta en valor e facilidades para acceder a axudas para a súa conservación”.