O Grupo Popular insistirá no Pleno na demanda ao Goberno central de medidas para as electrointensivas e o encargo dun BAM para Navantia

Santiago, 2 de novembro de 2021.- O Grupo Popular insistirá no Pleno da vindeira semana na demanda ao Goberno central para que active urxentemente medidas en favor da industria electrointensiva para garantir a súa viabilidade presente e futura, así como a construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol.

Seguir leyendo

O PPdeG pide a BNG e PSdeG que “saquen as súas mans da industria de Galicia porque están a afogar o futuro laboral de miles de traballadores”

Santiago, 26 de outubro de 2021.- O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, demandou hoxe a socialistas e nacionalistas que “deixen de poñer paos nas rodas e saquen as súas mans da industria de Galicia porque están a afogar o futuro laboral de miles de traballadores”. Neste sentido, afirmou que “calquera debate sobre emprego que propoñan BNG e PSdeG non é máis que unha cortiña de fume para non falar da situación límite na que están situando a moitas das nosas empresas e aos seus traballadores”.

Seguir leyendo

O Grupo Popular asegura que o transporte sanitario en Galicia “é un modelo de éxito froito de moitos anos de traballo e esforzo continuado”

Santiago, 26 de outubro de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Parlamento galego que a xestión do transporte sanitario en Galicia “é un modelo de éxito, froito de moitos anos de traballo e de esforzo continuado, que ten contrastado un bo funcionamento, con garantías de calidade e que está en permanente revisión e supervisión para que continúe a dar un servizo de calidade aos usuarios que o precisen”.

Seguir leyendo

O Parlamento reitera a demanda para que a UE free a proposta de prohibir as subvencións á compra de combustible do sector pesqueiro

Santiago, 26 de outubro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insiste ao Goberno de España que demande diante da Unión Europea e da Organización Mundial de Comercio (OMC) que se free a proposta de prohibir as subvencións á compra ou a cubrir os custos de combustible do sector pesqueiro, defendendo a igualdade global da actividade marítimo-pesqueira e a competitividade e sustentabilidade da frota galega.

Seguir leyendo

O PPdeG critica o “oportunismo cansino” do BNG e reclámalle que faga valer o seu apoio ao Goberno central en cousas de interese para os galegos

Santiago, 26 de outubro de 2021.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Diego Calvo, criticou hoxe no Parlamento galego o “oportunismo cansino e repetitivo” do BNG ao elevar ao Pleno cuestións que “nin dependen de nós nin son como vostedes as contan aquí, tratando unha vez máis de enganar e tomar por tontos aos galegos”.

Seguir leyendo

O PPdeG afirma que o importante para unha muller que decide interromper o embarazo é que teña boa asistencia sanitaria e nas mellores condicións

Santiago, 26 de outubro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo afirmou hoxe no Parlamento galego que “o importante para unha muller que decide someterse a unha interrupción voluntaria do embarazo é que teña unha boa asistencia sanitaria e que sexa nas mellores condicións”, polo que apoiou que a Xunta adopte as medidas necesarias para garantir que as mulleres poidan exercer, con todas as garantías, o dereito ao aborto no sistema público de saúde.

Seguir leyendo

O PPdeG critica o “cinismo” do PSdeG defendendo a irresponsable xestión no baleirado de encoros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

Santiago, 26 de outubro de 2021.- A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, criticou hoxe o “cinismo insoportable” dos socialistas galegos defendendo a irresponsable xestión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil no inxustificado baleirado dos encoros realizado este verán “cando a propia ministra de Transición Ecolóxica asumiu a súa competencia e recoñeceu que, coa normativa estatal de augas na man, se puido evitar que os encoros galegos quedaran case en secano”.

Seguir leyendo

O PPdeG avoga por seguir debatendo no seo da Comisión de Cultura sobre as cuestións de patrimonio e non crear novos foros como pide o PSdeG

 

  O deputado popular José Luís Ferro remitiu hoxe no Parlamento galego ao PSdeG “a debater no seo da Comisión permanente de Cultura e Educación todas aquelas cuestións que teñan que ver co patrimonio cultural de Galicia, como elemento estratéxico e transversal da política galega, e non crear novos foros parlamentarios para debater cuestións que xa teñen o seu foro parlamentario”.

Seguir leyendo

Actuacións en relación ao expediente de regulación de emprego da fábrica de Vestas en Viveiro

O pasado 28 de setembro de 2021 a multinacional danesa Vestas abría de xeito oficial o período de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE) que pretende levar a cabo na fábrica de Viveiro (Lugo) e que suporá o cese total de súa actividade neste emprazamento antes de fin de ano e o despedimento dos 115 traballadoras e traballadores do seu cadro de persoal directo.

A factoría lucense está especializada na fabricación de aeroxeneradores para a plataformas terrestres de 2 MW, así como paneis de control da turbina mariña V164 para mercados foráneos.

Recentemente constituíuse unha mesa industrial da que xa forman parte sindicatos, o comité de empresa, e a propia Xunta de Galicia e á que agora debera sumarse o Goberno de España –a través do Ministerio de Industria e o Ministerio para a Transición Ecolóxica– para identificar posibles solucións que permitan o obxectivo compartido de manter o emprego, garantindo unha axeitada negociación do ERE.

 

Neste contexto non axuda nada a actual política enerxética do Goberno de España, con cifras récord no prezo da electricidade e cunha transición enerxética errada que está a provocar desconfianza e inseguridade no tecido empresarial e que ten o seu impacto no desmantelamento progresivo de empresas vinculadas ao sector enerxético.

 

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:

1º.- “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

a) Promover -con urxencia- medidas de apoio e acompañamento aos traballadores e traballadoras afectadas polo ERE comunicado por Vestas na súa fábrica de Viveiro (Lugo)

b) Demandar ao Goberno de España que participe e se implique na mesa industrial, xunto coa Xunta de Galicia, a representación dos traballadores e a empresa, para identificar posibles alternativas que permitan un futuro para os traballadores e traballadoras desta factoría.

c) Demandar ao Goberno de España un cambio de actitude, de tal xeito que se aposte realmente por unha transición enerxética xusta e compatible co mantemento da actividade industrial que se está a ver altamente impactada pola actual estratexia enerxética que provoca o desmantelamento de empresas vinculadas a este sector.

2º.- O Parlamento de Galicia acorda, como Resolución, dar o seu apoio á promoción de todas aquelas iniciativas no ámbito das enerxías renovables que conten coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais, fronte aos intentos de estigmatización deste sector, que provoca un impacto no seu desenvolvemento e na actividade empresarial e industrial asociada á produción de enerxía eólica, como é o caso da fábrica de Vestas”.

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-002112