O Grupo Popular pide a BNG e PSdeG que “abandonen a estratexia deliberada de desprestixio da sanidade pública galega”

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, pediu hoxe a BNG e PSdeG que “abandonen esa estratexia deliberada de desprestixio da sanidade pública galega” e acusounos de “ser incapaces de reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez máis médicos, de votar a favor das medidas da Xunta para cubrir as prazas de difícil cobertura e mesmo rexeitan iniciativas para previr a violencia contra os sanitarios”.

“Recoñecendo que queda marxe de mellora e que niso está o Goberno galego, hoxe a sanidade en Galicia ten máis actividade, menos espera, mellores resultados e responde con eficacia aos retos presentes e futuros”, afirmou a portavoz popular, polo que demandou aos grupos da oposición “unha política construtiva e capaz de votar a favor das cousas importantes, comezando por unirse ao Partido Popular para facer fronte ao principal problema da sanidade pública en Galicia e en toda España, que é a falta de profesionais que só o Goberno central pode arranxar e non quere facelo”.

REFERENTE DA SANIDADE PÚBLICA UNIVERSAL E DE CALIDADE

Encarna Amigo lamentou que BNG e PSdeG “son incapaces de asumir que hoxe a sanidade en Galicia conta co maior orzamento da súa historia, de aceptar cando os usuarios fan valoracións positivas do sistema de saúde de Galicia ou de recoñecer a evolución da activiade asistencial do SERGAS”. “A gran mentira da esquerda é esquecer que en Galicia somos referente da sanidade pública universal e de calidade”, subliñou.

A portavoz popular recoñeceu que “existen retos e problemas que hai que afrontar para prestar o mellor servizo sanitario aos cidadáns”, pero tamén puxo en valor “o extraordinario traballo, esforzo e implicación que fan os profesionais da sanidade publica galega para incrementar a actividade asistencial en todas as áreas e reducir paulatimente as listas de espera”.

En concreto, salientou que “superamos as 200.000 operacións cirúrxicas nun só ano, o que supuxo incrementar un 5,6 por cento respecto do pasado ano; situando o tempo medio para operarse en Galicia en 67,1 días”. “Somos a terceira comunidade con mellores tempos de espera cirúrxica, mentres que en 2008, cando gobernaban socialistas e nacionalistas, éramos a cuarta comunidade pola cola”, apuntou.

O Grupo Popular pide ao Goberno central máis psiquiatras e psicólogos clínicos, así como fondos para implantar o Plan estatal de saúde mental

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, demandou hoxe no Pleno ao Goberno central “máis profesionais de psiquiatría e psicoloxía clínica, así como máis fondos para a implantación do Plan estatal de saúde mental, que se aprobou a pasada semana no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde pero que nace sen orzamentos, do mesmo xeito que pasa coa Lei da ELA, a modificación da Lei de dependencia e con todas as leis que está aprobando o Goberno de Pedro Sánchez e os seus socios”.

Raquel Arias manifestou que “o compromiso da Xunta coa saúde mental quedou patente xa hai moitos anos” e lembrou a implementación en 2017 do Plan de prevención do suicidio en Galicia, o primeiro plan autononómico posto en marcha en España; ou a aprobación en 2022 do Plan de saúde mental 2022-2024, ao que se sumou nesta lexislatura a creación dunhs Subdirección específica de saúde mental.

CREACIÓN DE UNIDADES PSICOXERIÁTRICAS NAS RESIDENCIAS

“Ademais, e con respecto ao Goberno bipartito de PSdeG e BNG, os gobernos do PPdeG dobraron os psicólogos clínicos formados e multiplicáronse por 10 as prazas de formación de enfermería en saúde mental”, apuntou.

Respecto das persoas usuarias de residencias con enfermidades mentais, Raquel Arias asegurou que “teñen dereito a unha praza pública residencial exactamente igual que calquera outra persoa, sufra a patoloxía que sufra e sen estigmas nen señalamentos”. “Por iso, desde a Xunta avógase pola atención, pola conciliación, pola sensibilización, e pola inclusión de todas as persoas que padecen esta enfermidades”, indicou.

Por este motivo, recordou que a carteira de servizos para a atención á dependencia da dependencia “conta con programas específicos de atencións psicosocial e se incrementou a atención en residencias para persoas con patoloxías psiquiátricas con especialistas en saúde mental a través de acción directa, a consultoria e o apoio por telemedicina, ao tempo que xa se está a traballar nunha maior especialización dos diferentes servizos e dos diferentes recursos con que contamos nestes momentos”.

A portavoz popular explicou que “a propia Valedora do Pobo recolle no seu informe sobre a atención nas residencias de maiores galegas que ‘as medidas que está tomando a Xunta entendemos que son axeitadas, e que soamente teñen como obxectivo a mellora constante, tanto para os propios traballadores como para os propios usuarios dos diferentes centros residenciais”. “E neste proceso de mellora contínua, o novo modelo de residencias de Galicia xa inclúe a creación de unidades psicoxeriátricas especializadas nos centros de maiores”, afirmou.

Alberto Pazos: “A sanidade pública galega nunca contou con tantos recursos, nin con tanto persoal como agora”

O voceiro do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, sinalou que a sanidade pública galega goza dunha saúde excelente, e destacou que nunca contou con tantos recursos, nin con tanto persoal, como baixo os gobernos do Partido Popular na Xunta.
“Hoxe hai máis de 7.000 profesionais sanitarios que cando chegamos ao Goberno galego. A realidade é que estamos ante o momento de maior investimento na sanidade pública en Galicia”, engadiu.

Tamén lembrou que os actuais niveis de concertación con servizos privados están moi por debaixo dos que existían baixo gobernos anteriores, incluídos aqueles que hoxe promoven mobilizacións.“É curioso que quen máis privatizou sexa agora quen máis berra. Pero os berros non curan, nin melloran a sanidade. Para iso, traballamos nós cada día”, sentenciou.

Pazos fixo memoria sobre a folla de ruta iniciada hai sete anos, durante o Goberno de Mariano Rajoy, para abordar os retos comúns das comunidades autónomas no ámbito sanitario.“Aquel acordo foi paralizado semanas despois coa chegada do Goberno de Pedro Sánchez, e ningún dos seus seis ministros de Sanidade foi quen de darlle continuidade. Mentres uns esquecen os acordos, nós seguimos traballando”, declarou.

Finalmente, o voceiro popular reiterou o compromiso do Partido Popular coa sanidade pública:“A nosa prioridade segue sendo garantir que os galegos conten cun dos mellores sistemas sanitarios de Europa. Non negamos que existan problemas, pero asumímolos con responsabilidade, e non con consignas. Mentres outros se dedican á pancarta, nós traballamos”.

Os deputados Julio García Comesaña e Manuel Costa reúnense con responsables do sector vitivinícola galego e salientan a preocupación do sector ante os aranceis impostos por EE.UU.

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos Costa visitaron esta mañá as Bodegas Terras Gauda para coñecer de primeira man as preocupacións e incertezas no sector vitivinícola galego ante a proposta do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, de impoñer novos aranceis.

No encontro celebrado co presidente, director xeral e CEO de Terras Gauda, José María Fonseca, Iago Becerra e Antón Fonseca, respectivamente, os deputados populares constataron que a imposición de aranceis por parte dos EEUU suporía a posibilidade de perder un dos mercados mais importantes das exportacións da denominación de orixe Rías Baixas. En concreto, no ano 2024, un total de 85 bodegas desta denominación exportaron cerca de tres millóns de litros a este país, xerando uns ingresos de 23,4 millóns de euros, polo que as políticas arancelarias poderían ter graves consecuencias.

NEGOCIACIÓN FUNDAMENTAL

“O mercado de EE.UU. é fundamental para a sostenibilidade económica do sector vitivinícola da Unión Europea e non existe agora mesmo un mercado vitivinícola alternativo que poida compensar esta perdida”, manifestaron os deputados populares, quen incidiron especialmente que a imposición dos aranceis “prexudica especialmente ás pequenas e medianas empresas, que son a gran maioría das bodegas, xa que teñen menor capacidade para diversificar as súas exportacións e dependen máis dos principais mercados de exportación, ademais de que teñen menor capacidade económica para afrontar situacións complicadas como esta”.

Julio García Comesaña e Manuel Santos consideraron “fundamental que as autoridades europeas e estadounidenses negocien para evitar que o viño se converta en moeda de cambio en disputas comerciais entre a Unión Europea e os Estados Unidos”.

Nesta situación, salientaron que a Xunta de Galicia seguirá apostando por potenciar a calidade diferenciada das nosas producións agroalimentarias, como fórmula para manter a competitividade do sector nos diferentes mercados. En concreto, destacaron a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas e o apoio aos consellos reguladores, para sufragar os seus gastos de funcionamento e para apoiar os seus programas de control da calidade e da orixe de produtos agroalimentarios con distintivo de calidade.

Por último, os deputados populares reclamaron ao Goberno de España “unha resposta de país, coordinada e consensuada coas comunidades autónomas, que nos permita asegurar que o apoio chega aos afectados, ao tempo que se busquen novos mercados e se potencien os mercados internos español e europeo, en lugar de decisións unilaterais cuxos intereses descoñecemos”.

As deputadas Cristina Sanz e Nicole Grueira visita MOEXMU e destacan que o programa de titorización da Xunta xa axudou a máis de 450 persoas en 2024

As deputadas do Grupo Popular Cristina Sanz e Nicole Grueira visitaron a XLI edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU) en Cospeito onde salientaron a importancia do Programa de titorización para a incorporación da actividade agraria posto en marcha pola Xunta, a través do que pasado ano xa recibiron axuda máis de 450 persoas.

Nicole Grueira lembrou que “o relevo é fundamental para garantir a continuidade das actividades agrícolas, gandeiras e forestais, esenciais tanto para a economía como para a sustentabilidade do territorio”. Deste xeito, apuntou que a Xunta “considera unha prioridade estratéxica fomentar a incorporación de persoas mozas e novos agricultores ao sector primario”.

Para iso, explicou que o Goberno galego puxo en marcha en 2024 o Programa de Titorización para a incorporación á actividade agraria, a través do que os beneficiarios dispoñen dun acompañamento real e efectivo a través dunha rede de técnicos das oficinas rurais, que exercen como titores e guían aos novos agricultores durante os seus primeiros anos de actividade.

CONTINUIDADE NO CAMPO GALEGO

“Este programa xa está a ter os seus efectos positivos ao facilitar o relevo xeracional e asegurando que o campo galego teña continuidade, ao tempo que se frea a desaparición de explotacións familiares e se impulsa a formación e capacitación, asegurando que as novas explotacións teñan viabilidade e competitividade”, apuntou a deputada popular.

En definitiva, esta iniciativa da Xunta converteuse nun instrumento clave para o futuro do rural, contribuíndo ao relevo xeracional e fomentando a recuperación de terras en desuso, ao tempo que favorece o asentamento de novos produtores para garantir a sustentabilidade do rural galego.

Incautos, intelixentes, malvados e estúpidos

Pedro Puy.

Reputado historiador económico, Carlo Cipolla (1922-2000) merece ser recordado por esa pequena xoia que nos legou, o Allegro ma non troppo coas súas coñecidas leis da estupidez humana. Cipolla clasifica aos humanos, o zoon politikon aristotélico, en función do resultado que cada persoa ten cando se relaciona con outra. Dado que unha persoa calquera, poñamos Usa, ao interactuar con calquera outra, digamos Ue, pode obter un beneficio o unha perda, son posibles catro resultados alternativos. Se Usa obtén unha perda e Ue unha ganancia, Usa foi incauto. Usa é intelixente se tras interactuar con Ue ambos sacan proveito. Se é Usa o que perde e Ue o que gaña, Ue foi malvado. E se ambos os dous perden… entón movémonos no ámbito da estupidez: o estúpido, define Cipolla, é o que causa dano a outra ou a outras persoas sen obter proveito para si mesmo, e incluso prexudicándose.

 A ciencia económica ten ben estudiados os efectos do proteccionismo comercial, que ten como expresión máis evidente, aínda que non única, o establecemento de aranceis. Estes impostos que gravan ás importacións desde outros países provocan, entre outros, dous efectos salientables. Na orde interna unha transferencia de renda, habitualmente desde o consumidor local do produto gravado ao produtor nacional dese mesmo produto (máis caro e peor). Esta lóxica é a que explica a decisión de Trump: protexer eses perdedores da globalización que lle votan masivamente, pero a costa de maiores prezos dos produtos que consumen todos os norteamericanos, provocando unha importante perda de benestar agregada ao conxunto. Pero hai outro efecto, este na orde exterior. As represalias arancelarias dos demais países e o feito de que os produtores dos bens gravados busquen mercados alternativos, provoca un efecto desviación do comercio. Ábrense novas canles comerciais, polo que o país que impón aranceis non só queda illado a curto prazo, tamén no futuro porque mesmo levantando os aranceis pode tardar en recuperar as liñas de subministro que os aranceis pecharon.

Trump acaba de dinamitar a orde comercial internacional coa imposición xenérica de aranceis fronte ao resto do mundo. Entre o ano 2000 e o 2023 o Producto Interior Bruto per capita dos Estados Unidos multiplicouse por 2,3 (pasou de 36.000 dólares a case 83.000, dados do Banco Mundial). O da Unión Europea multiplicouse menos, por 2 (de 23.000 dólares a 48.000 dólares). Semella que era unha situación intelixente, da que ambas partes sacaban proveito, e os Estados Unidos en particular xa que o diferencial débese ao incremento da produtividade.

Ao presentar os novos aranceis, Trump describiu á Unión Europea como malvada, e aos Estados Unidos como incautos. Moitos europeos pensan xustamente o contrario: que o malvado é Trump, e nós os incautos. O que estamos é diante dunha enorme estupidez. E como argumentaba Cipolla, o malo de quen fai unha estupidez é que non sabe que o é, polo que os seus resultados son devastadores. Á espera de que a intelixencia retorne á Casa Branca, a Unión Europea debería buscar interaccións intelixentes…. Mercosur ou a India non soan mal. Aínda que as estupideces poden xurdir en calquera parte.

Paula Prado destaca a aposta do PPdeG pola remuda xeracional para que o rural galego teña moito presente e aínda máis futuro

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, destaca a aposta da súa formación pola remuda xeracional no sector agrogandeiro para garantir que o rural galego siga tendo moito presente e aínda máis futuro.

Esta tarde visitou a 41ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) no concello de Cospeito acompañada polo alcalde Armando Castosa, o senador José Manuel Barreiro, e outros representantes do PP na comarca.

Unha visita na que puido comprobar de primeira man o traballo incansable, o compromiso coa excelencia e o amor pola terra que hai detrás de cada un dos exemplares. O cal, en opinión da número dous dos populares galegos, confirma que os gandeiros de Galicia son o motor que impulsa o rural creando emprego, xerando riqueza e mantendo viva a súa contorna.

Consciente disto, o presidente Alfonso Rueda comprometeuse nas eleccións a adoptar unha serie de medidas específicas para este sector que, a día de hoxe, xa pasaron do dito ao feito. É o caso do aumento da porcentaxe de axudas que concede a Xunta para os seguros agrarios, o impulso da incorporación das persoas mozas ás gandarías ou o establecemento de axudas para a recría en pureza das razas autóctonas en perigo de extinción.

Paula Prado subliñou así mesmo a importancia do sector nunha provincia como a de Lugo, que, tal e como apuntou, debe estar aberta a calquera tipo de investimentos que xeren emprego, actividade económica, riqueza e contribúan a un futuro máis verde e sostible para Galicia no seu conxunto.

O PPdeG demanda ao Goberno de España que impulse dunha vez a execución da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada

Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Cristina Campero anunciaron hoxe a presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa a través da que se demanda ao Goberno de España que impulse dunha vez a execución da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada, por tratarse dunha infraestrutura estratéxica para acceder á Meseta desde o interior da Comunidade galega, vertebrando as comarcas de Valdeorras, Quiroga e Lemos das provincias de Lugo e Ourense.

Nun encontro celebrado coa portavoz do PP no Barco de Valdeorras, Inmaculada Rodríguez, e veciños desta localidade ourensá, os deputados populares lamentaron “o bloqueo ao que o Goberno de Pedro Sánchez está a someter a esta autovía clave para acceder á Meseta desde o interior de Galicia, unha situación que conta coa complicidade do BNG ao aceptar o incumprimento do pacto que asinaron cos socialistas para colocar a Pedro Sánchez na Moncloa”.

NIN PLANIFICACIÓN NIN ORZAMENTOS

“O Goberno central nin avanza na planificación dos tramos necesarios para impulsar a A-76 nin habilita os investimentos correspondentes”, criticaron os deputados populares, quen apuntaron a negativa do Ministerio de Transportes a facilitar información algunha sobre o estado da tramitación desta autovía e as previsións reais para a súa execución.

Miguel Viso e Cristina Campero lembraron que esta autovía foi considerada como prioritaria pola patronal das empresas construtoras (Seopan) nun informe sobre as actuacións a acometer polo Estado no horizonte 2024-2035.

A esta demanda sumouse o recente informe realizado polo Eixo Atlántico sobre infraestruturas viarias e ferroviarias da Eurorrexión, no que se pon de manifesto que, “vinte anos despois da inclusión da A-76 no Plan Estratéxico de Infraestruturas do Transporte 2005-2020, non se ten materializado nin un só quilómetro desta autovía, que é reiteradamente reivindicada non só como conexión de Galicia coa Meseta norte, senón tamén como medio para acadar unha mellor comunicación de Valdeorras coa súa capital de provincia e o resto de Galicia”.

O PPdeG leva ao Parlamento galego a demanda para que o Goberno central arranxe con urxencia o tramo da N-550 na Ponte en Padrón

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, acompañado do deputado e concelleiro padronés Ángel Rodríguez anunciaron hoxe a presentación dunha iniciativa no Parlamento galego a través da que se solicita ao Goberno central a realización urxente das obras de humanización do tramo da estrada N-550 ao seu paso pola Ponte en Padrón, actualizando o proxecto existente para mellorar a seguridade viaria e peonil, a renovación da sinalización e a mellora da iluminación deste treito.

Ángel Rodríguez lembrou que “o proxecto de orzamentos aprobado polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018 xa recollía unha partida económica de 4,5 millóns de euros para a mellora da N-550 ao seu paso polo municipio de Padrón, pero a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España, logo da moción de censura, privou de levarse a cabo esta obra, chegando ao punto de que desapareceu dos orzamentos do Estado desde aquela data”.

PREOCUPACIÓN COMÚN

Os deputados populares fixeron un percorrido pola marxe deste treito da estrada N-550 e comprobaron “o extremo deterioro no que se atopa esta estrada nacional logo de moitos anos de esquecemento por parte do Goberno central”. En concreto, as condicións malas e de inseguridade desta vía tradúcense en fochancas, sinalización deficiente polo desgaste da pintura e, sobre todo, as graves carencias de accesibilidade e de seguridade peonil, ademais de insuficiente iluminación nalgúns puntos que derivan dun incremento do risco de accidentes.

“O deterioro que presenta este tramo da N-550 é unha preocupación de todos os grupos políticos do Concello de Padrón e o seu arranxo unha demanda compartida, que agora o Grupo Popular queremos levar ao Parlamento galego porque é imprescindible que o Goberno central adopte as medidas oportunas para mellorar a seguridade e a humanización desta estrada”, sinalou Ángel Rodríguez.

Paula Prado: “O PPdeG representa á Galicia que goberna fronte ao independentismo e o socialismo que bloquean”

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, subliña a importancia que ten para os concellos galegos o feito de contar con gobernos estables na medida en que isto contribúe a fortalecer “a Galicia que goberna” fronte ao “bloqueo” do independentismo e o socialismo.

Así o manifestou esta mañá en declaracións aos medios antes de participar nunha reunión de traballo na sede do PP de Oleiros con representantes do partido na área metropolitana da Coruña. Unha reunión na que tamén participaron o vicesecretario de Organización e Territorio do PP na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e o deputado autonómico Jesús Fernández Rosende.

A número dous dos populares galegos remarcou a importancia deses gobernos estables precisamente nunha área onde “brillan pola súa ausencia”, tal e como se puido comprobar esta semana en Cambre. Por sorte, apuntou, os veciños e veciñas si poden contar coa estabilidade un Goberno como o de Alfonso Rueda, que está facendo realidade o novo complexo hospitalario da Coruña (Chuac).

“Máis de 500 millóns de euros de inversión para renovar e ampliar edificios sanitarios, construír novos accesos e aparcamentos ou mesmo poñer en marcha unha gardería infantil”, explicou poñendo en valor que o Chuac “ano tras ano recolle premios como un dos mellores hospitais públicos de Galicia e de España”.

Algo que é posible, tal e como engadiu, grazas “á Galicia que goberna, que lidera e é referente grazas á súa aposta por medidas arriscadas e o seu investimento en infraestruturas, en tecnoloxía e en reforzo do persoal” e a pesar do “alarmismo” dos partidos da oposición.

“Como en tantos temas, o PSOE e o BNG só saben alarmar e ao final acaban dándose de fronte coa realidade”, asegurou ao tempo que afeaba ao socialismo a súa “submisión a un Pedro Sánchez que leva 6 ministros de Sanidade en 7 anos e ningún foi quen de tomar as medidas necesarias dentro das súas competencias”.

Do mesmo xeito, definía ao BNG como “o partido do ‘non’ a todo” sinalando que os independentistas galegos “son incapaces de apoiar calquera medida da Xunta, nin en Galicia nin en Madrid, pero despois son os primeiros que se poñen detrás dunha pancarta”.

Fronte a todo isto, concluíu, o PPdeG “seguirá dedicándose a gobernar, en Galicia e, en dous anos, espero que en máis concellos desta área metropolitana”.