O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que estude a posibilidade de substituír ou combinar as bengalas con luces LEDs para favorecer a supervivencia en situacións de emerxencia no mar

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que estude a posibilidade de substituír progresivamente as bengalas ou, en todo caso, combinalas con sinais luminosos baseados en tecnoloxía LED como medida para favorecer a supervivencia en caso dunha emerxencia no mar. Así mesmo, pídese que se estude a posibilidade de sinalizar os polígonos de bateas e calquera outra instalación de acuicultura ou flotante con vértices virtuais nas cartas de navegación, de tal xeito que resulten perfectamente identificables polos plotters GPS.

A iniciativa do Grupo Popular demanda, ademais, que o Goberno central implemente formación práctica no uso de bengalas ou de calquera outro elemento co que se combinen ou substitúan, aproveitando aquelas unidades próximas á súa data de caducidade como unha maneira máis de darlle saída antes da súa destrución.

EMBARCACIÓNS DE SUPERVIVENCIA

Por último, pídese que se prohiba ou condicione a navegación, tanto profesional como deportiva, en función das previsións sobre determinadas condicións meteorolóxicas; así como instalar nos pesqueiros, de certa envergadura e en función do seu número de tripulantes, embarcacións de supervivencia ou salvamento ríxidas, reguladas pola normativa, semellantes ás empregadas nos mercantes e nas que se poida abandonar o buque en condicións de sobrevivir no mar.

O deputado popular Jesús María Fernández Rosende tivo unha lembranza para o capitán e catedrático de Navegación e Instalacións Mariñas na Universidade Laboral de A Coruña, José Manuel Costas Capelo, recentemente falecido e que colaborou intensamente na elaboración desta iniciativa parlamentaria, ao tempo que tamén agradeceu as aportacións realizadas polo profesor Vicente Yáñez.

O PPdeG asegura que a nova Lei de cooperativas de Galicia suporá un novo incentivo para a modernización, profesionalización e fortalecemento destas entidades

As deputadas do Grupo Popular Noelia Pérez e Cristina Campero salientaron hoxe que a futura nova Lei de cooperativas de Galicia, que a Xunta ten previsto aprobar este ano, suporá un novo incentivo para a modernización, profesionalización e fortalecemento destas entidades.

Noelia Pérez e Cristina Campero visitaron a Sociedade Cooperativa de Explotacion Comunitaria Antelana, en Xinzo de Limia, onde foron recibidas por un dos socios fundadores desta entidade, Celso Parra, quen lles informou que neste momento están en proceso de expansión e crecemento, un paso máis no seu compromiso co desenvolvemento económico da comarca e coa creación de emprego sustentable.

Pola súa banda, as deputadas populares trasladaron que “a celebración en 2025 do Ano Internacional das Cooperativas é o mellor momento para dar un paso máis no fortalecemento do cooperativismo en Galicia, como un piar fundamental da economía galega”. “Consideramos necesario impulsar as cooperativas como unha forma de emprendemento empresarial democrática, redistributiva e socialmente sostible, incentivando ao mesmo tempo esa labor promocional e informativa nos axentes intermedios”, indicaron.

COMPROMISO DA XUNTA

Na actualidade, en Galicia existen máis de 2.000 cooperativas, que facturan máis de 3.500 millóns de euros e xeran un impacto social anual superior aos 850 millóns de euros. Ademais, estas entidades contribúen á estabilidade laboral e á inclusión social, xerando emprego para mulleres, persoas maiores de 55 anos, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Noelia Pérez e Cristina Campero destacaron “o compromiso da Xunta co cooperativismo e a economía social, que se traduce nos case 45 millóns de euros que este ano destinará a este sector e se completa con esa nova Lei de cooperativas que ten previsto aprobar este ano da man de todos os axentes implicados, que permitirá adaptar a normativa á realidade actual do sector e do seu dinamismo, co obxectivo de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as existentes dándollo un pulo ao rexistro autonómico de cooperativas”.

INCONGRUENCIA DO BNG

Para rematar, as deputadas populares criticaron “a incongruencia amosada polo BNG respecto do apoio ás cooperativas galegas, xa que foron capaces, en só cinco días, de votar a favor e en contra dunha mesma proposta sobre estas entidades”. En concreto, explicaron que nas negociacións das propostas de resolución presentadas polos grupos parlamentarios no Debate de Política Xeral celebrado a pasada semana, o BNG rexeitou aceptar unha emenda do Grupo Popular, co que finalmente non resultou aprobada, que recollía literalmente o que cinco días despois apoiaron e se aprobou na Comisión 5ª do Parlamento galego.

Esta iniciativa parlamentaria instaba á Xunta a seguir impulsando a Estratexia Galega de Economía Social e a mellora da orde de apoios aos centros especiais de emprego para favorecer a inserción no mercado laboral. Ademais, pedíase avanzar nun novo marco regulador coa aprobación da nova Lei de cooperativas de Galicia neste ano 2025, co obxectivo de axilizar a creación de novas entidades e consolidar ás existentes.

“O Grupo Popular defendeu o mesmo tanto no Debate de Política Xeral como días despois na Comisión do Parlamento galego, o que da mostra da coherencia e da defensa do proxecto que defendemos e polo que traballamos, unha postura que contrasta totalmente coa incongruencia que amosou o BNG neste asunto: primeiro rexeita un acordo co Partido Popular e despois apoia esa mesma proposta sen ruborizarse nin o máis mínimo”, sinalaron.

O PPdeG asegura que as novas axudas da Xunta para rehabilitar e renovar inmobles baleiros son un novo aliciente para a rehabilitación de vivendas para o aluguer no barrio da Milagrosa en Lugo

Os deputados do Grupo Popular Cristina Sanz e José Manuel Mato salientaron hoxe que as novas axudas da Xunta para rehabilitar, renovar e asegurar inmobles baleiros e que saian ao mercado de aluguer con contratos dunha duración mínima de cinco anos, anunciadas polo Presidente da Xunta no recente Debate de Política Xeral, “serán un novo aliciente para que os propietarios do barrio da Milagrosa en Lugo se decidan a poñer os seus inmobles no mercado, ao tempo que se incentive a rehabilitación de edificios nesta zona”.

Nunha visita ao barrio lucense da Milagrosa en compañía de veciños, Cristina Sanz e José Manuel Mato lembraron que o Presidente Rueda anunciou a posta en marcha dun novo programa de axudas para rehabilitar e renovar inmobles baleiros que precisen dunha reforma para poder saír ao mercado do alugueiro. As achegas irán dirixidas a propietarios que garantan que van alugar a vivenda durante polo menos cinco anos e cada beneficiario recibirá unha media de 12.000 euros para as obras, contía que será superior no caso de que se alugue o inmoble a xente nova ou familias con fillos pequenos.

OUTRAS MEDIDAS DE AXUDA Á VIVENDA

“O apoio da Xunta á rehabilitación da Xunta non é algo novo, xa que cada ano convoca diferentes convocatorias para mellorar a accesibilidade ás vivendas, reformar edificios localizados no trazado do Camiño de Santiago ou mellorar a súa eficiencia enerxética”, explicaron os deputados populares. A estas axudas súmanse outras medidas complementarias, como avais para a adquisición de vivendas ou contar cunha das fiscalidades máis baixas para mercar unha vivenda para os mozos, para as familias numerosas ou para as persoas con discapacidade.

Cristina Sanz e José Manuel Mato lamentaron “o triste abandono histórico que sofre o barrio da Milagrosa por parte do Concello de Lugo, que precisa urxentes actuacións de rehabilitación de inmobles e mellora dos servizos que teñen os veciños”. “A Xunta é a única administración que está a tomar medidas concretas para a mellora desta zona porque, a pesar dos compromisos anunciados polos responsables municipais, o barrio segue á espera das prometidas actuacións de rehabilitación que nunca dan chegado”, lamentaron.

O PPdeG solicita impulsar as campañas destinadas ao coñecemento do patrimonio arqueolóxico subacuático

A deputada do Grupo Popular e voceira do PP en Camariñas, Paula Mouzo, anunciou hoxe que solicitará no Parlamento galego que a Xunta intensifique a cooperación coas entidades competentes no ámbito do patrimonio arqueolóxico subacuático para impulsar campañas destinadas ao coñecemento dos bens existentes nas costas galegas.

Paula Mouzo reuniuse co delegado da Real Liga Naval Española na Costa da Morte, Rafael Lema, a quen anunciou a presentación desta iniciativa no Parlamento de Galicia dada a relevancia do patrimonio arqueolóxico subacuático existente nas costas galegas, así como a necesidade de reforzar as políticas existentes para a protección, investigación e recuperación destes achados, que outorgan ademais grandes oportunidades turísticas.

PREVIR O ESPOLIO E ASEGURAR A SÚA CONSERVACIÓN

A deputada popular e Rafael Lema lembraron que a Xunta recuperou recentemente un canón de bronce pertencente a un buque do século XVI en Punta Sardiñeiro, no concello de Fisterra. “O obxectivo é previr o espolio e asegurar a correcta conservación desta peza, que pasará a formar parte dunha exposición museística”, explicou Paula Mouzo.

Así mesmo, indicou que a realización de campañas de coñecemento do patrimonio arqueolóxico subacuático “permitirá seguir afondando no estudo e difusión de sucesos acontecidos no pasado nas costas galegas, para o que resulta fundamental a difusión dos obxectos achados e o impulso de accións dirixidas á recuperación doutros bens afundidos”.

Ángeles Vázquez traslada a Europa a “preocupación” de que o Goberno central aínda non contara con Galicia para o Fondo Social para o Clima, que reparte 9.000 M€

A responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez, trasladou esta semana a Dolors Montserrat, vicepresidenta da Comisión de Peticións e membro da Comisión de Medio Ambiente, a súa “máxima preocupación” polo feito de que o Goberno de España aínda non contara con Galicia para o Fondo Social para o Clima, que reparte un total de 9.000 millóns de euros de fondos comunitarios.

Ángeles Vázquez, no marco do Congreso do EPP celebrado en Valencia, reivindicou ante a nova secretaria xeral dos populares europeos o papel protagonista que lles corresponde ás autonomías no acceso ás axudas contidas no Fondo Social para o Clima, e criticou que o Goberno central aínda non facilitara a Galicia ningún texto, a pesar de que a Comisión Europea insta aos Estados Membros a permitir a participación das rexións.

“Exiximos que se lle obrigue ao Goberno español a que nos traslade o texto e saibamos de primeira man onde quere facer a inversión destes fondos europeos”, reclamou, sobre unha iniciativa de grande envergadura, dado que ten previsto mobilizar ao redor de 86.700 millóns de euros de financiamento público durante o período 2026-2032. No caso de España, correspóndenlle 9.000 millóns.

Os fondos proceden das poxas do Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión e dos Estados membros, que deberán cofinanciar o programa nun 25% a través dos seus Plans Sociais polo Clima.

Se ben son os Estados Membros os que deben presentar os plans, está previsto desenvolver unha consulta pública previa, na que as autoridades locais e rexionais han de ter voz para identificar as medidas e investimentos que consideran máis axeitados para desenvolver nos seus territorios. O prazo remata a finais do mes de xuño: “Dános a impresión de que non se vai cumprir o mandato de facilitar a documentación as rexións”, alertou Ángeles Vázquez a Dolors Montserrat.

A responsable de Medio Ambiente do Goberno galego remarcou que o Executivo central debe permitir que as comunidades marquen as súas prioridades, seguindo os preceptos que establece Europa. Un dos factores que Galicia considera primordial, polas súas características, é a atención á dispersión da poboación. Pero o Goberno central “amosa unha vez máis o pobre concepto que ten da cogobernanza”, desoíndo ademais, neste caso, o mandato da Comisión Europea, que foi “moi clara” ao respecto.

Galicia, lembra a conselleira, xa formulou a finais de marzo as pertinentes aportacións na fase de consulta pública previa. O Fondo Social para o Clima —que forma parte do paquete lexislativo Fit for 55 que implementa o Pacto Verde Europeo— supón unha destacada contribución para acadar os obxectivos climáticos fixados pola Comisión Europea de cara a 2030: as liñas nas que se artella son descarbonizar o sector do transporte, mellorar o rendemento medioambiental e enerxético dos edificios, combater a pobreza enerxética e apoiar o crecemento económico sostible, creando emprego verde.

O PPdeG pide ao Goberno central que habilite de maneira urxente unha solución habitacional para os migrantes que deben deixar o centro Cemar de Mondariz-Balneario

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña, Manuel Santos e Felisa Rodríguez solicitaron hoxe que o Goberno de España habilite de maneira urxente unha solución habitacional para as persoas migrantes que, tras ver denegadas as súas solicitudes de protección internacional, se ven obrigadas a abandonar o centro Cemar de Mondariz-Balneario sen ningunha alternativa.

Acompañados pola alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia Bello; e a portavoz municipal do PP en Mondariz-Balneario, Marisa Dominguez Alvarez, os deputados populares denunciaron “a absoluta falta de planificación e de responsabilidade do Goberno de Pedro Sánchez, que trasladou a 200 migrantes a Mondariz-Balneario sen coordinación coa Xunta nin cos concellos e que agora se desentende completamente da súa situación, deixando a estas persoas literalmente na rúa, sen recursos, sen fogar e en situación administrativa irregular”.

DENEGACIÓN DE ASILO

A situación destas persoas, procedentes maioritariamente de países como Senegal, Mali ou Mauritania, agravouse recentemente ao coñecerse que a moitas delas se lles notificou a denegación das súas solicitudes de asilo, quedando obrigadas a abandonar as instalacións do centro de acollida no que permanecían. A consecuencia directa é que estas persoas fican na actualidade sen fogar, sen acceso a recursos públicos, en situación administrativa irregular e sen posibilidade de inserción social ou laboral.

“A solidariedade non pode depender só da boa vontade dos concellos ou dos veciños, polo que o Goberno de España non pode lavarse as mans e abandonar ás persoas ás que el mesmo decidiu trasladar de xeito unilateral”, sinalou García Comesaña. Pola súa parte, Felisa Rodríguez destacou que o novo regulamento da Lei de Estranxeiría que entra en vigor este mes “imposibilita incluso a vía do arraigo como alternativa, condenando aos migrantes a anos de irregularidade e exclusión”.

Os deputados populares anunciaron a presentación no Parlamento galego dunha iniciativa a través da que se solicita ao Goberno central que informe á Xunta e aos concellos aos que se destinaron estes migrantes do número destas persoas que están a ter unha negativa da súa solicitude de asilo, ao tempo que se lle pide que active medidas que lles permitan acceder a recursos básicos de subsistencia mentres non se exploran alternativas legais de permanencia no país.

“Reiteramos o compromiso do Partido Popular cunha política migratoria humanitaria, coordinada e respectuosa cos dereitos das persoas”, sinalaron os deputados populares, quen lembraron que “Galicia non ten competencias en materia migratoria, polo que é o Estado quen debe asumir a súa responsabilidade”.

Alberto Pazos pide ao BNG que “saia da súa burbulla nacionalista e negacionista, e recoñeza o bo traballo feito polo Goberno galego durante o apagón eléctrico desta semana”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe ao BNG que “saia da súa burbulla nacionalista e negacionista e recoñeza a gravidade da situación que vivimos e o bo traballo feito polo Goberno galego, en coordinación coa Delegación do Goberno, durante o apagón eléctrico que sufriu toda a Península Ibérica o pasado luns e martes”.

Alberto Pazos comezou a súa intervención trasladando o agradecemento especial polo traballo feito neses días ás Forzas do Orde Público e aos profesionais na sanidade e os servizos sociais. “E tamén quixera destacar o civismo e saber estar nestas longas horas por todos os galegos, demostrando unha vez máis que somos unha sociedade avanzada que sabe adaptarse e convivir con situacións difíciles e imprevistas como a vivida este luns e martes”, engadiu.

Fronte á coordinación que houbo entre a Xunta e o Goberno central para a adopción das medidas oportunas que garantiran seguridade e transmitiran tranquilidade á cidadanía nestes momentos de apagón eléctrico, Alberto Pazos criticou a “negatividade e demagoxia amosada polo BNG, que non se lle ocorreu outra cousa respecto da complexa situación vivida que criticar a activación por parte da Xunta do nivel 3 do Plan Estatal de Xestión de Emerxencias de Protección Civil en Galicia”.

ACTUACIÓNS CONXUNTAS E COORDINADAS

“Parece mentira que lle teñamos que explicar que estamos a falar dun apagamento en toda a Península Ibérica, que requiría actuacións conxuntas e coordinadas a nivel de toda España e Portugal,  e que por iso era necesario que o mando sobre as actuacións a realizar na Comunidade galega recaera, nun momento determinado e ata que se recuperou o subministro eléctrico en toda Galicia, no Goberno central”, explicou..

Alberto Pazos criticou que “o BNG vive illado no seu mundo nacionalista e negacionista, incapaz de recoñecer a gravidade da situación que atravesamos o luns e o martes, na que Galicia tiña pouco que dicir, porque era unha afectada máis dentro apagón xeral vivido en toda a Península Ibérica e no que a solución, como se puido comprobar, tiña que vir desde o Goberno central e da Rede Eléctrica Española”.

Así mesmo, o portavoz popular denunciou “a incompetencia amosada polo Goberno de Pedro Sánchez na xestión deste apagón: primeiro, para trasladar información e tranquilizar á cidadanía sobre a situación que se estaba a vivir; e segundo, para dar unha explicación convincente e con aval técnico sobre as causas que motivaron este apagón, de xeito que se poidan adoptar as medidas necesarias co obxectivo de que esta situación no se volva a repetir xamais”.

DESENVOLVEMENTO DE COMPETENCIAS AUTONÓMICAS

Alberto Pazos tamén fixo unha valoración do Debate de Política Xeral celebrado a pasada semana, no que finalmente se aprobaron 53 resolucións, das que sete foron apoiadas por todos os grupos parlamentarios.

Porén, o portavoz popular referiuse a aquelas resolucións aprobadas pero que tiveron o voto en contra tanto de BNG como de PSdeG. En concreto, amosou a súa sorpresa pola falta de apoio de nacionalistas e socialistas a propostas como que se reforce a Unidade de Policía Adscrita á Comunidade galega, e se cubran a totalidade das vacantes do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil; que o Goberno central faga un reparto con criterios obxectivos e equitativos dos menores migrantes non acompañados, ademais de dotar este plan do financiamento adecuado; que o Estado transfira ás comunidades autónomas a xestión directa dos fondos europeos, en particular os do ámbito industrial; que o Goberno central implante medidas para o incremento de profesionais sanitarios, como a homologación de títulos, elevar a idade máxima para exercer a profesión médica ou a implantación da especialidade de urxencias; ou que o Goberno galego siga avanzando en alivios fiscais para os cidadáns, incluíndo nos vindeiros orzamentos de 2026 novas rebaixas fiscais.

“Podemos chegar a entender que os deputados socialistas se opuxeran a algunha destas cuestións, así como outras relacionadas co cofinanciamento das escolas infantís, o abono do 50 por cento da Lei de dependencia ou a reforma do modelo de financiamento, porque a súa prioridade é defender ao Goberno de Pedro Sánchez e seguir ao ditado o que lles marcan desde Moncloa, deixando sempre a un lado os intereses de Galicia e dos galegos, como xa nos teñen acostumados”, indicou Alberto Pazos, pero asegurou que “non chegamos a comprender como os deputados do BNG, que tanto defenden o autogoberno de Galicia, se opoñan a cuestións que afectan tan directamente ao desenvolvemento das nosas competencias autonómicas, como pode ser a defensa da Unidade da Policía Adscrita; a transferencia de fondos europeos para a nosa industria ou as medidas para a incorporación de novos profesionais á nosa sanidade pública”.

Para rematar, dixo que “pechamos un Debate de Política Xeral no que os galegos puideron confirmar que gozan dun Goberno galego con ideas e proxectos para que Galicia siga sendo un referente, a nivel nacional e europeo, de estabilidade e de confianza para os inversores que desexen apostar pola nosa terra; e, enfronte, existe unha oposición que só mira polos seus intereses particulares, onde os nacionalistas rexeitan incluso aquelas cuestións que poden fortalecer o noso autogoberno, confirmando que son os do non a todo o que teña que ver co futuro da nosa industria, da nosa sanidade ou da nosa educación, e os socialistas galegos non teñen máis proxecto que defender a Pedro Sánchez, dicindo nós tampouco a todo o que supoña atender as necesidades e demandas que Galicia lle fai ao Goberno de España”.

FELICITACIÓNS POLO CONGRESO DO PP EUROPEO

Por último, Alberto Pazos felicitou ao Partido Popular Europeo polo éxito do seu congreso celebrado esta semana en Valencia, no que saíu reelixido como Presidente o alemán Manfred Weber, e como secretaria xeral a española Dolors Montserrat, “a quen felicitamos expresamente pola súa estreita relación e as atencións que sempre tivo, e estamos seguros que seguirá mantendo, co Partido Popular de Galicia”. Así mesmo, saudou a designación do vicesecretario de Institucional do Partido Popular de España, Esteban González Pons, como novo responsable da portavocía do PP no Parlamento Europeo.

Rueda reivindica que la inversión en los servicios de emergencias “no siempre es la más lucida, pero es la más rentable cuando realmente hace falta”

El presidente del PPdeG, Alfonso Rueda reivindica que invertir en emergencias de forma cuantiosa como Galicia lleva años haciendo “no es tirar el dinero, sino todo lo contrario”.

“Se ha demostrado que la inversión en emergencias quizás no sea la más lucida, pero es la más rentable cuando realmente hace falta», ha explicado hoy en una visita al Centro Integrado de Atención a las Emergencias-112 Galicia en A Estrada.

Acompañado por el presidente nacional del PP, Alberto Núñez Feijóo, el líder de los populares gallegos hizo balance de la gestión del apagón desde Galicia y aseguró que “se gestionó de una forma aceptable y muy profesional”.

Por ello quiso felicitar y agradecer por su contribución al éxito de esta gestión tanto a los profesionales de emergencias gallego como a todo el personal de la Administración autonómica implicado.

O PPdeG critica que o patrón maior de Rianxo “utilice o seu posto na Confraría para facer oposición á Xunta, convertendo esta entidade nunha sucursal do PSOE”

Os deputados do Grupo Popular Miguel Figalgo, Loli Hermelo, Manuel Santos e Magdalena Pérez criticaron hoxe que o patrón maior de Rianxo “utilice o seu posto na confraría para facer oposición política á Xunta de Galicia e converter esta entidade nunha sucursal do PSOE”.

Nunha visita ao porto de Rianxo, acompañados do portavoz do PP neste concello, José Luís Castiñeiras, os deputados populares demandaron ao patrón maior de Rianxo “que aclare cando fala se o fai como representante da Confraría ou como concelleiro do Partido Socialista”.

“A Confraría non debe converterse nunha plataforma electoral do PSOE”, indicaron os deputados, e lamentaron que o patrón maior “estea utilizando permanentemente as necesidades das persoas que traballan no mar como trincheira política contra a Xunta”. Así mesmo, consideraron “lamentable que empregue o seu cargo no sector para medrar no PSOE e facer oposición política ao Partido Popular e á Xunta de Galicia, á vez que trata de manipular ao resto de confrarías da ría no seu propio beneficio político”.

CRÍTICA Á XUNTA, SILENCIO CONTRA O GOBERNO CENTRAL

Miguel Fidalgo lembrou que, “desde que este señor preside a Confradía, os resultados do pósito non paran de baixar, de xeito contrario ao que está acontecendo noutras entidades pesqueiras veciñas”, polo que lle demandou que “centre os seus esforzos en atender á súa responsabilidade na Confraría en lugar de facer campaña política permanente en contra da Xunta”. “Se quere traballar para o PSOE, que deixe o cargo de patrón maior”, manifestou.

“Non pode utilizar o marisqueo como ferramenta política para facer campaña para o PSOE”, sinalaron os deputados populares, quen consideraron “curioso que critique á Xunta mentres cala diante do Goberno de Pedro Sánchez, que se nega a eliminar as cotizacións sociais ao marisqueo ou a reducir o IVE do peixe e do marisco”.

Por este motivo, pediron ao patrón maior que “se realmente quere defender ao sector, que apunte cara a quen crea os problemas: cara a Pedro Sánchez e as súas políticas, e non cara a quen traballa todos os días para protexer o noso mar”.

O PPdeG destaca o rigor medioambiental e xurídico do Goberno galego na avaliación de proxectos industriais fronte a quen “antepón a ideoloxía á lexislación”

O Partido Popular de Galicia reivindica o rigor medioambiental e xurídico do Goberno galego no proceso de avaliación e tramitación de proxectos industriais que queiran instalarse na nosa Comunidade e contrapono a aqueles grupos políticos que antepoñen a ideoloxía á lexislación.

Así o fixeron a responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez, e a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, na reunión que mantiveron coa comisaria de Medio Ambiente da Unión Europea, Jessika Roswall, no marco do Congreso do PP Europeo celebrado en Valencia.

Unha reunión na que tiveron ocasión de explicarlle a Roswall como se leva a cabo o proceso de tramitación ambiental en Galicia e, nesta liña, incidir en que, tal e como quedou plasmado en catro pronunciamentos do Tribunal Supremo, dito proceso faise desde o “máximo rigor” co que traballan os técnicos da Xunta.

De feito, Vázquez tendeu a man aos comisarios europeos con competencias na materia para que se trasladen á nosa Comunidade e coñezan ‘in situ’ e con total transparencia como se realizan estas tramitacións ambientais e cales son os criterios técnicos que se empregan nas mesmas.

Advertiu que “Galicia está a sufrir os efectos da contestación permanente e o rexeitamento sistemático de certos sectores á implantación industrial”, facendo fincapé que é primordial que exista seguridade xurídica nas avaliacións ambientais de cara a “frear a certos grupos políticos que fan primar a súa ideoloxía fronte á lexislación vixente co fin de paralizar o asentamento de proxectos industriais na Comunidade”.

BLOQUEO DO DESENVOLVEMENTO EÓLICO

Un contexto no que resulta especialmente preocupante a situación de bloqueo do desenvolvemento eólico na medida en que, tal e como manifestou Ángeles Vázquez, se traduce nunha “parálise inédita en España” e supón a perda de 2.574,19 MW de enerxía limpa que se podería estar xerando desde Galicia.

A titular de Medio Ambiente do Goberno galego explicou á responsable desta área na Comisión Europea que a nosa Comunidade conta con 191 parques eólicos en funcionamento que suman unha potencia de 3.954,8 MW, así como con outros 140 parques autorizados cunha potencia de 3.153,6 MW e que están á espera de entrar en funcionamento. Xa que, destes 140 parques, 98 están afectados por recursos xudiciais e administrativos.

Por iso solicitou a Roswall un “control exhaustivo” das trasposicións das normas comunitarias que aínda non levou a cabo o Goberno de España e lembroulle que Galicia agarda que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se pronuncie “á maior brevidade posible” sobre a cuestión prexudicial elevada polo Tribunal de Superior de Xustiza de Galicia e que cuestiona a trasposición que fixo hai máis dunha década o Estado español da normativa comunitaria a través da Lei estatal de avaliación ambiental de 2013.

Tal e como manifestou na reunión, Galicia agarda que a decisión da Xustiza europea permita desbloquear os proxectos que están paralizados e proporcione a seguridade xurídica que precisan os seus promotores.