O PPdeG urxe ao Goberno central o traspaso das competencias en materia de autorizacións de traballo das persoas migrantes

A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, urxiu hoxe ao Goberno de España o traspaso a Galicia das competencias executivas en materia das autorizacións iniciais de traballo das persoas migrantes. “Diante da falta de man de obra que existe na actualidade en moitos ámbitos empresariais, resulta intolerable que o Goberno de Pedro Sánchez castigue a estes traballadores atrasando sine die a tramitación do seu permiso para poder emprender a súa vida laboral en Galicia”, indicou.

Noelia Pérez mantivo un encontro cunha emigrante venezolana en Ourense que lle trasladou “a odisea que viven para poder, en primeiro lugar, conseguir unha cita para tramitar o permiso de traballo e, en segundo lugar, que se lles responda á solicitude”. “A única saída que se lles deixa para poder seguir vivindo é acceder pola vía irregular para poder traballar e saír adiante temporalmente”, dixo a portavoz popular.

“Un dos máis significativos síntomas de que o Goberno de España está totalmente desconectado da realidade é o colapso administrativo que existe no acceso aos permisos de residencia e traballo para as persoas migrantes”, lamentou Noelia Pérez, quen lembrou que a solicitude realizada pola Xunta para o traspaso desta competencia conta co apoio unánime do Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei aprobada do Grupo Popular.

Paula Prado asiste á XXIV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar do Pino

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Paula Prado, participou este domingo na XXIV edición da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, celebrada no concello do Pino. O evento contou coa presenza do alcalde Manuel Taboada, que exerceu como anfitrión.

Prado destacou a súa presenza “un ano máis, fiel á miña cita cos veciños e veciñas do Pino e coa súa Festa do Galo Piñeiro”, sinalando a importancia desta celebración como referente gastronómico e cultural da comarca.

A popular festa, que combina tradición, gastronomía e actividades ecuestres, xa prepara a súa edición número 25. “Comeza xa a conta atrás para o 25 aniversario e para celebrar xuntos as vodas de prata desta festa imprescindible”, apuntou Paula Prado, quen tamén puxo en valor o traballo organizativo e o compromiso do concello co evento.

O PPdeG salienta a importancia de contar cunha boa rede de estradas secundarias e locais para mellorar a atención sanitaria urxente dos galegos

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe “a importancia de contar cunha boa rede de estradas secundarias e locais á hora de mellorar a atención sanitaria urxente que reciben os galegos”, polo que demandou unha “actuación coordinada e decidida” de todas as administracións públicas e destacou que a Xunta destinará máis de 18 millóns de euros entre 2025 e 2026 para axudar a 299 concellos galegos na mellora da súa rede viaria rural.

Encarna Amigo manifestou que “o estado das vías de comunicación é un factor determinante para a equidade e a eficacia do sistema sanitario”. “As deficiencias na rede viaria secundaria e local non só alongan os tempos de resposta sanitaria, senón que tamén incrementan o risco de accidentes, dificultan a condución dos vehículos de emerxencia e xeran unha angustia insoportable para pacientes e familias”, apuntou.

“As estradas non son só unha cuestión de desenvolvemento económico e conectividade territorial: son un auténtico salvavidas, xa que en situacións de emerxencia médica, cada minuto conta”, manifestou a portavoz popular, quen destacou as 174 actuacións de mellora de seguridade viaria, reforzo do firme, adecuación de pasos fluviais ou mantemento das marxes das estradas que a Xunta financiará na provincia de Lugo ao longo de 2025 e 2026.

Neste sentido, afirmou que “reforzar a rede viaria do rural é investir en saúde pública, é asegurar que unha persoa que vive en Cervantes, en Xermade, en A Fonsagrada ou no corazón do Courel ten o mesmo dereito a unha atención urxente e de calidade que quen vive en Lugo, Santiago ou Vigo”. “Estamos falando de desigualdade sanitaria e dunha brecha profunda entre o urbano e o rural a consecuencia do estado de moitas das infraestruturas viarias existentes no noso rural”, sinalou.

O PPdeG salienta que Galicia é pioneira na atención ás enfermidades raras, cunha estratexia á que destinará 400 millóns de euros ata 2030

A deputada do Grupo Popular Ethel Vázquez salientou o papel de Galicia como pioneira na atención ás persoas que padecen enfermidades raras, que se traduce na posta en marcha dunha estratexia á que destinará 400 millóns de euros ata 2030. “O obxectivo é reducir nun 30 por cento os prazos de probas diagnósticas e xenéticas, a rehabilitación funcional integral e a ampliación do cribado neonatal de 37 a 49 enfermidades”, manifestou.

Nun encontro mantido en A Coruña con membros da Xunta Directiva e persoal da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Federec), a deputada popular puxo en valor “o firme compromiso e a sensibilidade da Xunta coas persoas e familias afectadas por enfermidades raras, unha realidade que require unha resposta institucional coordinada, próxima e eficaz”.

PAPEL FUNDAMENTAL DAS ENTIDADES

A Estratexia de Enfermidades Raras 2025-2030 impulsada polo Goberno Galego constitúe unha prioridade dentro das súas políticas sanitarias e sociais, cunha vontade clara de avanzar na mellora do diagnóstico precoz, o acceso equitativo aos tratamentos e a atención integral aos pacientes. “Deste xeito, Galicia foi pioneira no impulso de protocolos específicos, na formación dos profesionais sanitarios e no reforzo da coordinación entre niveis asistenciais”, dixo.

Ademais, Ethel Vázquez salientou que a Xunta ten reforzado a colaboración coas entidades do ámbito asociativo, como é o caso de Federec, “que xogan un papel fundamental na visibilización da realidade das enfermidades raras e no acompañamento ás familias”. Neste sentido, apuntou que “este traballo conxunto permitiu deseñar medidas adaptadas ás necesidades reais dos pacientes, sempre desde unha perspectiva humana e de proximidade”.

A deputada popular agradeceu o esforzo que tanto o Goberno galego como a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas están a facer para a atención das persoas con estas doenzas e avanzou que “seguiremos traballando para que Galicia siga sendo un referente na atención ás enfermidades raras, situando sempre as persoas no centro da acción política, porque cada caso conta, cada familia importa e cada paso que damos xuntos é un avance cara a unha sociedade máis xusta, inclusiva e comprometida”.

 

 

Deputadas do PPdeG destacan en Bueu a “excelente aceptación” do Bono Peixe tanto por parte dos consumidores como dos comerciantes

As deputadas do Grupo Popular Loli Hermelo e Felisa Rodríguez, acompañadas da portavoz do PP en Bueu, Elena Estévez, visitaron esta mañá a Pescadería Mayka na parroquia de Beluso en Bueu para comprobar a “excelente aceptación” que está a ter entre os galegos o Bono Peixe, do mesmo xeito que con anterioridade tiveron outras iniciativas como o Bono Comercio ou o Bono Turístico. “Animamos a todos os consumidores a beneficiarse destes descontos facilitados pola Xunta en pescado fresco e marisco, unha media que ao mesmo tempo permite reactivar tanto o comercio de proximidade como as ventas do sector pesqueiro”, manifestaron.

Loli Hermelo e Felisa Rodríguez explicaron que os comercios ou vendedores ambulantes de peixe e marisco fresco que desexen participar nesta campaña da Xunta poderán solicitar a súa inscrición a través da páxina web www.bonopeixe.gal. “É o caso concreto de Pescadería Mayka, un establecemento de proximidade que aposta pola venta directa e cunha clientela fiel nunha das parroquias do Concello de Bueu como é Beluso”, concretaron.

5 EUROS POR SEMANA

Así mesmo, indicaron que as persoas interesadas en gozar do Bono Peixe poden descargalo desde a citada plataforma ou na app móbil, dispoñible tanto para dispositivos Android como iOS. Cada Bono Peixe ten un valor de 50 euros que se van liberando progresivamente a través do desconto dun 25 por cento na compra realizada ata un máximo de 5 euros por semana, acumulando o importe non gastado nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros, que poderán gastarse ao longo dun total de 10 semanas ou ata que se esgote o crédito. Segundo os datos que figuran na plataforma do Bono Peixe, neste momento existen máis de 700 comercios adheridos á campaña e xa se teñen descargado máis de 110.000 bonos.

“Estamos a falar dun incentivo para o consumo de peixe e marisco frescos, produtos que están rexistrando un progresivo descenso na cesta da compra dos galegos”, sinalaron as deputadas populares, quen apuntaron que esta iniciativa da Xunta “axuda ao mesmo tampo a impulsar o comercio de proximidade e o sector pesqueiro, estratéxico na Comunidade galega xa que representa o 5 por cento do PIB cunha facturación de máis de 11.600 millóns de euros”.

O PPdeG critica a “desfeita” que o Goberno de Pedro Sánchez está a facer coa realización dos exames de MIR

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos criticaron hoxe a “desfeita” que o Goberno de Pedro Sánchez está a facer coa realización dos exames de formación sanitaria especializada (MIR), algo que funcionaba ben e o Ministerio de Sanidade “estao convertendo nun proceso opaco, centralizado e inseguro para miles de aspirantes”, ante o que esixiron “explicacións inmediatas, diálogo coas comunidades autónomas e respecto polos profesionais sanitarios”. Así mesmo, avanzaron que o Grupo Popular demandará desde o Parlamento galego explicacións a esta situación que está a provocar unha grave crise profesional e institucional na sanidade pública española.

García Comesaña e Manuel Santos acusaron ao Goberno de Pedro Sánchez de “destrozar todo o que toca, como xa fixo co Estatuto Marco e agora coa organización do exame MIR de 2026, xerando unha grave crise profesional e institucional”. Neste sentido, referíronse á recente dimisión masiva dos comités de expertos encargados da elaboración do exame (nas especialidades de Medicina, Farmacia, Enfermaría, Física e Química), “o que evidencia a ruptura coa tradición de rigor, independencia e consenso que caracterizaba o proceso”.

CASTIGO SEN SENTIDO

A eliminación da sede do exame MIR en Vigo é “especialmente preocupante xa que obrigará a centos de aspirantes desta área metropolitana a realizar longos desprazamentos, cun claro prexuízo persoal e económico”, indicou o viceportavoz popular. “É un castigo sen sentido a unha das áreas sanitarias máis potentes de Galicia”, subliñaron os representantes populares.

Ademais, lembraron que o Ministerio de Sanidade tomou decisións unilaterais, como reducir o número de colaboradores por experto, recortar as retribucións ou trasladar parte da organización ao Ministerio de Función Pública, sen contar coas comunidades autónomas nin co consenso dos profesionais.

No eido da planificación sanitaria, os deputados populares denunciaron tamén a inacción do Ministerio ante o déficit recoñecido de 4.500 médicos de familia. “En lugar de actuar con ambición, este ano só se incrementaron en 36 as prazas de Medicina Familiar e Comunitaria, moi lonxe das 1.000 prazas anuais comprometidas polo Congreso e o Senado para paliar o déficit”, lamentaron.

Alfonso Rueda: “Se queremos a mellor Galicia da nosa historia, temos que acadar os mellores resultados da nosa historia”

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, fixo hoxe balance do traballo feito ao longo deste último curso político “sen caer no inconformismo e co obxectivo de seguir mellorando” e marcoulles un obxectivo claro aos seus de cara á volta do verán: “Se queremos a mellor Galicia da nosa historia, temos que acadar os mellores resultados da nosa historia”.

“Traballaremos polo mellor resultado da historia nas próximas eleccións municipais, autonómicas e xerais”, asegurou coa mirada posta no próximo curso político e incidindo en que as tarefas que o partido ten por diante nestes momentos son “defender o feito, mellorar o que se está facendo e preparar o que queda por facer”.

Aproveitando a presenza do secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, na Xunta Directiva celebrada hoxe en Santiago, o presidente asegurou que cada día queda máis constatado que o PPdeG segue inspirando a Alberto Núñez Feijóo e que “mellor irá canto máis xente saiba como se fan a cousas en Galicia”.

O líder dos populares galegos amosouse especialmente orgulloso ante o feito de que “Galicia funciona” grazas a contar con “un Goberno que cumpre, un partido que traballa e un proxecto que serve”. Aí radica, na súa opinión, gran parte do éxito electoral do seu partido e aí se atopan tamén as razóns de que, despois de tanto tempo, o PPdeG siga contando coa confianza dos galegos e galegas.

“Facemos exactamente o que a xente votou”, resumiu o presidente incidindo na importancia de pedir a confianza da xente con propostas “realizables” e logo “cumprir a palabra dada”. Trátase de algo que “debería ser o normal pero na España de hoxe resulta extraordinario” e que resulta especialmente “marciano” se se compara co Goberno de Sánchez.

Nesta liña reivindicou que “fronte ás chantaxes, a crispación e os egos, en Galicia prevalecen o interese xeral, o sentidiño e a tarefa colectiva de seguir dando motivos á cidadanía para que confíe nos seus gobernantes”. Confianza que se gaña, engadiu, cando un gobernante pode facer balance de promesas cumpridas “sen ruído, sen postureo con eficacia”.

Fixo así un breve balance no que mencionou medidas como a gratuidade da primeira matrícula universitaria, a axilización do proceso de recoñecemento da dependencia, o incremento de prestacións na sanidade pública ou os avances no obxectivo de duplicar o parque público de vivenda.

“Somos a Galicia do ‘si’ a intentar poñer remedio aos problemas sen escusas, do ‘si’ a crer en nós mesmos e nas nosas posibilidades e do ‘si’ ao aproveitamento de todas as oportunidades”, concluíu facendo unha contraposición coa oposición do ‘non’ e nomeadamente un BNG e un PSOE que “queren unha Galicia pechada en si mesma e aos que lles sobra todo menos a súa soberbia”.

Por iso quixo rematar a súa intervención facendo un chamamento ao traballo: “Se hai que competir con alguén non é cunha oposición que non está á altura, senón con nós mesmos e co obxectivo de seguir mellorando”.

A ACTUALIDADE QUE DEMOSTRA QUE GALICIA FUNCIONA

A Xunta Directiva celebrada hoxe coincidiu con dúas noticias que confirman que Galicia funciona e que son por unha banda o respaldo da xustiza europea á tramitación eólica levada a cabo polo Goberno galego e, por outra, a aprobación esta mesma mañá do teito de gasto dos Orzamentos autonómicos de 2026.

“Hoxe e todos os días temos que demostrar con orgullo que Galicia funciona, que Galicia goberna e que o goberno de Galicia funciona”, asegurou ao respecto do avance na tramitación da contas públicas do próximo ano.

No que se refire ao fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o presidente do PPdeG asegurou que é “a demostración do que xa se sabía e do que todos deben saber” e que non é outra cousa que o feito de que “os técnicos da Xunta son uns profesionais que traballan con rigor, obxectividade e sen outra motivación que o imperio da lei”. Un fallo, que, en definitiva, supón “un recoñecemento para aqueles que son inxustamente difamados e nunca xustamente recoñecidos polo seu labor”.

Paula Prado celebra que o PPdeG xa goberna en máis da metade dos concellos galegos

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, celebra que, coa investidura de Belén Cachafeiro como nova alcaldesa de Forcarei, o número de concellos nos que goberna o partido xa supera a metade dos de toda Galicia e que isto supoña ademais a súa consolidación como a formación política con máis mulleres alcaldesas en Galicia, cunha cifra que ascende desde hoxe ás 31.

Esta mañá número dous dos populares galegos estivo presente na sesión plenaria celebrada no Concello de Forcarei para investir a quen xa fora rexedora deste municipio entre 2012 e 2019. Aproveitou para desexarlle moitos éxitos e acertos nesta nova etapa e reivindicou o acto de hoxe como “de xustiza”.

“O PP gañou as eleccións municipais en Forcarei con máis dun 48% de apoio, pero, a pesar de perder e coma sempre, PSOE e BNG decidiron unirse para que nós non gobernaramos”, sinalou incidindo en que “agora chegou o momento de comezar a atender aos veciños logo de seis anos de parálise”.

O PPdeG pedirá no Senado o traspaso das competencias sobre os permisos de traballo de estranxeiros a Galicia

Os senadores do Partido Popular de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- acompañados da presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, e outros representantes da agrupación local, visitaron hoxe a SAT Revolta, na parroquia vilalbesa de Noche, que conta seis socios e cinco traballadores, para dar conta dunha ofensiva que o PP desenvolverá desde a Cámara Alta en apoio da demanda da Xunta pola que pide o traspaso a Galicia das competencias sobre os permisos de traballo de estranxeiros.

Os populares lembran que moitas explotacións do rural están necesitadas de man de obra urxente, que non se ve satisfeita coa oferta laboral dispoñible, e respecto da que existen traballadores estranxeiros interesados, pero que non poden incorporarse pola lentitude e o colapso de moitos trámites que actualmente son responsabilidade da administración estatal.

A presidenta local tamén subliñou “a importancia do sector primario no municipio e na comarca da Terra Chá” e lembrou “a necesidade de man de obra para manter a actividade nas granxas, un dos principais motores económicos e un sector fundamental para asentar poboación no rural”. Polo tanto, considera necesario “axilizar os trámites para que as persoas que chegan doutras nacionalidades e que estean interesadas en traballar nas granxa poidan obter os permisos de traballo con celeridade”.

A iniciativa dos senadores lucenses pide, máis en concreto, ao Goberno de España autorizar o traspaso efectivo a favor da Comunidade Autónoma de Galicia das competencias e dos medios persoais e materiais necesarios para a tramitación e resolución das autorizacións iniciais de traballo por conta allea e propia, dos permisos para actividades laborais de tempada e das autorizacións vinculadas ás estadías de longa duración por razóns de estudo, mobilidade de alumnado, voluntariado ou formación, de persoas estranxeiras cuxa relación laboral desenvólvase en Galicia. Esta mesma demanda xa se solicitou formalmente por acordo do Goberno galego recentemente.

Desde o PP tamén lembran que non se trata dunha petición allea ao ámbito competencial autonómico. De feito, a demanda da Xunta conta co aval do Consello Consultivo de Galicia que, tras analizar as circunstancias deste requirimento, emitiu informe favorable respecto a a disposición de reclamar ao Goberno esta petición. Hai por tanto argumentos xurídicos sólidos e non fantasías de grupos separatistas, que son aos únicos que atende Sánchez, e que permitirían a Galicia avanzar no seu autogoberno, amparado no seu Estatuto de Autonomía e co respaldo do Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. “Buscamos ser útiles aos galegos, aos lucenses, e seremos máis útiles se estes permisos de traballo para estranxeiros se xestionan desde aquí”.

AO PSOE: “DIME DO QUE PRESUMES…”

Que Sánchez e o seu Goberno fagan oídos xordos ás necesidades do rural demostra con claridade o seu abandono a unha provincia como a de Lugo, onde o sector primario ten un peso especial e as súas necesidades non son atendidas desde Moncloa.

Con todo, o abandono aos lucenses demóstrase tamén noutros moitos aspectos, o que levan aos senadores populares a cuestionar a actitude triunfalista do PSOE que días atrás presumía do investimento do Goberno na provincia.

“Resumímolo moi ben tirando de refraneiro: Dime do que presumes e direiche de que careces”. Os senadores lembran que os socialistas “falan dun importante investimento en ferrocarril cando Sánchez condena a Lugo a ser a única provincia galega pola que non circularán trens AVE, AVRIL, AVLO ou deixan á capital sen conexión directa coa rede europea de mercadorías”. Tamén “presumen da nova estación intermodal, pero non explican que seguirán chegando os mesmos trens obsoletos que ata o de agora. E iso cando non recortan frecuencias ou servizos. Por non falar do desmantelamento do FEVE na Mariña, onde só hai investimento para o tramo asturiano. E os usuarios galegos e lucenses teñen que pagar por un servizo deficiente, mentres que en Asturias e Cantabria viaxan gratis”.

E se falamos doutras infraestruturas, máis do mesmo, só hai que ver a situación das autovías e das estradas de competencia estatal na provincia, para observar que “nestes sete anos non se avanzou nada, non hai ningunha nova autovía ou proxecto operativo: “Nin a Lugo-Ourense, nin a autovía da Mariña, nin a Ponferrada-Ourense e a Lugo-Santiago continúa en estar concluída”. E nas estradas nacionais “non realizan nin as obras de conservación e mantemento mínimo”.

Polo tanto, os populares consideran “incrible” que “o PSOE presuma do abandono de Sánchez a Lugo”.

O PPdeG salienta o esforzo económico da Xunta e dos concellos para facilitar a conciliación ás familias galegas a pesar dos recortes de Pedro Sánchez no financiamento estatal

O PPdeG pon en valor o esforzo económico realizado tanto polos seus alcaldes como pola Xunta de Galicia á hora de poñer a disposición das familias galegas medidas que favorezan a conciliación e especialmente logo de que o Goberno central recortase o financiamento estatal neste eido.

Así o explicou esta mañá a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, nunha visita ao campamento de verán impulsado polo Concello de Coristanco grazas a unha axuda de 50.000 euros do Goberno galego. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde Juan Carlos García Pose ademais do vicesecretario de Organización do Partido Popular da provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e o deputado autonómico Rubén Lorenzo.

“Se este campamento e tantas outras actividades que se realizan ao abeiro do Plan Corresponsables son posibles, é grazas ao esforzo económico unicamente dos concellos e do Goberno galego”, sinalou denunciando que o Goberno de Sánchez decidiu este ano recortar nun 25% a súa aportación a este plan. Un recorte que, no caso de Galicia, implicou deixar de percibir 2,3 millóns de euros que tiveron que ser asumidos pola Administración autonómica con fondos propios.

Por sorte, engadiu, as familias galegas “poderán seguir contando co apoio da Xunta á hora de conciliar, xa sexa a través dos campamentos de verán ou doutras medidas que fan de Galicia unha Comunidade pioneira neste eido”.

“Lamentablemente, o Goberno de Sánchez segue máis ocupado nos seus propios problemas que en cuestións como a conciliación”, concluíu ao respecto asegurando acto seguido que “Pedro Sánchez só concilia con Ábalos, Santos Cerdán ou o Fiscal Xeral do Estado, ao que un día máis segue sen cesar”. Neste sentido, cualificou de “inaudita” a situación actual de García Ortiz e insistiu en que “ten que marchar xa”.

O CONCELLO QUE MÁIS INVISTE POR HABITANTE DA COMARCA

Paula Prado enmarcou a realización deste campamento de verán no obxectivo que perseguen tanto o alcalde de Coristanco como o resto de rexedores do PPdeG: “Apostar polas persoas, polo seu benestar e pola mellora da súa calidade de vida”.

Non en balde, reivindicou que Coristanco destaca por ser o concello que máis inviste por habitante de toda a comarca de Bergantiños: “Un nivel de investimento que, a pesar de tratarse dun concello rural, o sitúa á altura de grandes cidades”.

O propio alcalde quixo poñer en valor o “intenso” traballo que se leva feito desde o Concello ao longo dos últimos anos e por iso quixo aproveitar esta visita para “dar conta de todo o traballo feito, acreditar os resultados e compartir os desafíos que quedan por diante de cara ao futuro”.