O Parlamento de Galicia esixe ao Goberno central que consensúe e dialogue coas comunidades autónomas o novo Plan de vivenda 2026-2030

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se esixe ao Goberno central que consensúe e dialogue coas comunidades autónomas calquera medida ou iniciativa en materia de vivenda, nomeadamente o Plan de Vivenda 2026-2030. En concreto, demándase que respecte a Conferencia Sectorial de Vivenda como máximo órgano de cooperación entre o Estado e as comunidades autónomas e aproveite a reunión do vindeiro xoves, 2 de outubro, para facer efectiva esta colaboración, unidade de acción e respecto ao autogoberno e a diversidades nas políticas públicas de vivenda.

A portavoz popular de Vivenda, María Deza, lembrou que o Goberno galego xa remitiu ao Goberno central hai nove meses as súas propostas para o novo plan estatal, “pero ningunha delas aparece recollida no borrador elaborado, de aí que sexa imprescindible unha nova reunión da Comisión Bilateral”. “O Goberno de Pedro Sánchez non pretende un documento de consenso porque só quere un plan feito á medida dos seus intereses e sen ningunha marxe de negociación para as comunidades”, apuntou.

En concreto, explicou que o novo Plan de Vivenda impón un cofinanciamento mínimo obrigatorio do 40 por cento para que as comunidades autónomas poidan participar. “Pasamos dun financiamento voluntario de menos do 30 por cento a unha achega obrigatoria do 40 por cento, que no caso de Galicia implicaría multiplicar por cinco a contribución ao Plan Estatal”, afirmou.

“A pesar destas condicións, Galicia non renuncia a chegar a un acordo, como xa o fixo saber tanto o Presidente Rueda como a propia conselleira de Vivenda, e amosouse disposta a asumir ese esforzo orzamentario”, indicou a portavoz popular, pero anotou que “un plan que queira ser operativo debe ser flexible e adaptarse ás circunstancias e problemas de cada territorio, máxime se as comunidades autónomas financian un 40 por cento do mesmo”.

María Deza manifestou que o plan “debe articularse como un verdadeiro instrumento de colaboración entre administracións e non basearse en medidas impostas que xa se teñen demostrado ineficaces, como a declaración de zonas de mercado residencial tensionado”. Ademais, avogou porque “se permita a construción de vivendas protexidas en réxime de venda, no só alugueiro, porque o dereito á propiedade tamén existe”. “O problema da vivenda non se soluciona só con axudas ao alugueiro: hai que construír vivenda e, neste ámbito, incentivar o investimento privado”, dixo.

Por último, a portavoz popular alertou que “o atraso que leva o Ministerio de Vivenda na elaboración do novo Plan Estatal pon en perigo a súa execución e que as comunidades autónomas, como Galicia, poidan convocar as axudas no primeiro semestre de 2026”.

ZONAS TENSIONADAS

Por outra banda, no debate dunha iniciativa sobre a declaración de zonas de mercado residencial tensionado, María Deza reiterou que esta medida “non é eficaz para solucionar o problema do prezo da vivenda” e puxo como exemplo o caso de Cataluña, onde a sinatura de contratos de alugueiro caeu durante o primeiro período da regulación case un 18 por cento, a oferta de vivenda caeu en máis de 40.000 inmobles e a oferta de vivendas en alugueiro baixou máis dun 12,5 por cento.

A pesar destes datos, asegurou que “o Goberno galego tramitará con todo rigor todas as solicitudes de zonas tensionadas, aínda co convencemento de que esta declaración non vai solucionar o problema de acceso á vivenda no caso de A Coruña ou de Santiago, do mesmo xeito que agravou estes problemas nos demais lugares nos que se implantou”.

O PPdeG presiona tamén no Congreso para conseguir acceder ao expediente da AP-9: “Sánchez non nolo pode negar”

O PPdeG leva tamén ao Congreso dos Deputados a súa demanda para acceder ao expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa xestión da AP-9 alegando o “dereito” de Galicia a coñecelo “como parte implicada” e advertindo de que o Goberno de Sánchez “non se pode negar”.

Faino a través do deputado Celso Delgado, que vén de rexistrar varias iniciativas parlamentarias que pasan desde a solicitude dunha copia íntegra do referido expediente ata unha pregunta oral para que o Executivo aclare cal é a súa posición en relación ao ditame motivado por Bruxelas e no que se solicita a España que respecte as normas europeas en materia de contratación pública no referido a Autopista do Atlántico.

Desde o PPdeG subliñan que “Galicia, como parte implicada, ten todo o dereito a ser informada sobre o expediente instruído pola Comisión Europea en relación á principal autoestrada da Comunidade” e que o Goberno de Sánchez “non se pode negar”. Ao tempo, insisten en que a solución para a AP-9 pasa polo rescate da concesión e a eliminación das peaxes.

Trátase dunhas reivindicacións que xa trasladou hai uns días o eurodeputado galego Adrián Vázquez á propia Defensora do Pobo Europeo, Teresa Anjinho; de quen solicitou a súa “intermediación” para que o Goberno galego poida saber en que situación está a AP-9 e cales son tanto a postura do Goberno de España ao respecto como a resposta das institucións europeas.

FRONTE COMÚN DAS COMUNIDADES DO NOROESTE

Co obxectivo de establecer unha “fonte común” para conseguir que o Goberno central cambie o seu criterio no referido ás concesións das autopistas estatais, Celso Delgado asina ambas iniciativas parlamentarias xunto á deputada asturiana Esther Llamazares, facendo extensivas estas reclamacións á A-66 (Autopista do Huerna).

Esta última é, tal e como argumentan, a principal e única vía de alta capacidade que conecta Asturias coa Meseta Central. E, dado que alternativas como a antiga N-630 “non ofrecen condicións competitivas e especialmente no inverno”, a peaxe do Huerna convértese nun “escollo obrigatorio” para mercancías, turismo e mobilidade cotiá co resto de España.

“As peaxes da AP-9 e da AP-66 constitúen desde hai décadas unha carga económica para os cidadáns e empresas de Galicia e Asturias, xerando un agravio comparativo respecto a outros territorios nos que o Estado ten liberado peaxes en vías de alta capacidade”, conclúen subliñando a “esperanza” que existía en ambas comunidades de que, a raíz da tramitación do expediente de infracción da UE, o Goberno “se formulara a posibilidade do rescate e da liberación das peaxes destas autoestradas”.

O PPdeG demanda aos concellos da ría de Vigo unha maior implicación na mellora das redes de saneamento para aliviar os vertidos ao mar

As deputadas do Grupo Popular Patricia García e Loli Hermelo pediron hoxe aos concellos da ría de Vigo unha maior implicación na mellora das redes de saneamento para aliviar os vertidos ao mar. “Debemos ter presente que unha boa xestión de todas as redes de saneamento locais reverterá nunha mellora substancial das augas interiores”, indicaron.

Nun encontro celebrado co patrón maior da Confraría de Cangas, Javier Costa, Patricia García e Loli Hermelo lembraron que existe financiamento europeo e autonómico, a través de Augas de Galicia, dirixidas á revisión, estudo e planificación de proxectos para a mellora ou solución dos problemas dos concellos coas súas redes de saneamento.

ACADAR FONDOS FINALISTAS

“Non podemos deixar de pensar que na ría de Vigo, na que existen vertidos continuos procedentes do saneamento municipal, ningunha das administracións locais decidira por man á obra e dar o paso de traballar coa Xunta co fin de acadar os fondos finalistas existentes dirixidos a mellorar o noso medio ambiente mariño”, lamentaron.

En concreto, as deputadas populares coincidiron co patrón maior de Cangas “no problema existente coa falta de mantemento das depuradoras municipais e a falta de control das redes de saneamento, así como unha deficiencia na separación das augas de pluviais e fecais, unha cuestión imprescindible para que as depuradoras funcionen correctamente”.

O PPdeG destaca en Cenlle un proxecto de emprendemento como exemplo de innovación, sustentabilidade e xeración de emprego no rural galego

Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luís Ferro, acompañados da alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo, visitaron á empresa Cienporcel, localizada na aldea de Osmo deste concello ourensán, un proxecto que amosa a importancia da innovación e o emprendemento como valores fundamentais para xerar riqueza e emprego no rural galego. Ademais da posta en marcha dunha explotación sostible e ambientalmente positiva dunha raza autóctona galega, destacaron a nova aposta desta empresa por outras actividades como o turismo, a través de visitas guiadas á explotación, catas e degustación de embutidos de porco celta maridados con viños da denominación de orixe Ribeiro.

Cienporcel é unha empresa familiar liderada por Martín Touceda e creada no ano 2020 en Osmo, na que foi a primeira das aldeas modelo impulsadas pola Xunta de Galicia. A súa actividade abrangue o ciclo completo: desde a fase de produción mediante a cría e engorde de porcos celta, á transformación da carne en produtos derivados ata a distribución e comercialización.

“Da granxa á mesa, como xeito de quedar con todo o valor engadido da produción e, ao mesmo tempo, poñendo en valor o rural como un espazo para vivir nel e del”, sinalou Juan Casares.

Os deputados popular destacaron a nova aposta empresarial que está a impulsar Cienporcel, baseada no atractivo turístico da súa actividade, amosando aos visitantes a explotación acompañada de catas de degustación de produtos cárnicos maridados con outros de proximidade como o viño do Ribeiro.

Deste xeito, José Luís Ferro subliñou “a aposta desta empresa por sistemas de explotación sostibles e ambientalmente positivos, introducindo novas variedades de produtos no mercado froito dunha inquietude e capacidade de emprendemento constantes”.

Cienporcel está adscrito ao selo de calidade Artesanía alimentaria de Galicia, o que garante que os seus produtos están elaborados por un artesán e que seguen uns procesos produtivos controlados dentro dos parámetros e características que rexen a artesanía e que diferenza ao produto final do obtido pola industria.

Desde a súa creación, esta empresa ten sido recoñecida con galardóns como o Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente, que organiza o Clúster Alimentario de Galicia.

Alfonso Rueda participa na firma da ‘Declaración da Rexión de Murcia’

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou esta mañá xunto ao resto de dirixentes dos gobernos autonómicos do Partido Popular no acto de presentación e firma da ‘Declaración da Región de Murcia’, que estará encabezado polo presidente nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo.

Unha declaración que ten por obxectivo facer fronte aos grandes retos que afronta España en materia de igualdade, inmigración, transporte, infraestruturas e enerxía e defensa do sector primario.

Alfonso Rueda destacou a abordaxe de tres «retos crave» como son o financiamento autonómico, a vivenda ou a migración. «Un compromiso conxunto para recuperar a política como servizo público e dar respostas reais á xente», asegurou.

As senadoras populares Nidia Arévalo e Pepa Pardo piden a dimisión inmediata da ministra de Igualdade pola súa “incompetencia” beneficiando a agresores en lugar de protexer as víctimas de violencia de xénero

As senadoras populares Nidia Arévalo e Pepa Pardo piden a dimisión inmediata da ministra de Igualdade,  pola súa “incompetencia”, por atacar directamente ás vítimas de violencia de xénero, beneficiando a agresores en lugar de protexer as víctimas de violencia, a víctimas que temen pola súa vida e que están en risco.

Nidia Arévalo indicou que estamos antes un novo ataque á dignidade das mulleres por parte do goberno de España.

“O goberno que se autodefine como o máis feminista da historia da democracia e o que vén a ser é o goberno que leva cometido a maioría dos escándalos máis duros, máis atroces da historia da democracia en materia de violencia de xénero e de igualdade. A dignidade das mulleres se respecta, se defende e se protexe, non se negocia con ela. Pero esta non é a realidade do PSOE e da ministra Redondo” precisou a senadora popular.

“Pulseiras antimaltrato compradas nunha plataforma non oficial, pulseiras de AliExpress. Que provoca? Provoca falta de cobertura, provoca poder manipulalas e provoca ademáis a desaparición de moitísimos datos que están beneficiando aos agresores e están deixando tiradas ás víctimas, desprotexidas e tememos pola súa vida”, destacou Nidia Árevalo.

“A pregunta que nos facemos é cantas víctimas están desprotexidas. Cantas víctimas temen pola súa vida? Cantas mulleres están en situación de pánico e cantos agresores foron beneficiados? Podemos ver como as mulleres non queren o sistema porque teñen o agresor na súa porta e non o saben. Podemos ver como hai mulleres que lles salta a alarma toda a noite, cando o seu agresor está moi lonxe da súa casa. Este é o sistema que pon en marcha o PSOE·, precisaron.

“Quero rematar facendo unha pregunta á cidadanía, facéndolle unha pregunta á ministra Redondo e tamén a todos os socialistas. Que pasaría se fose unha ministra do PP a que excarcerase agresores, a que deixara ás víctimas con pulseras que non funcionan? Que pasaría?”, pregunta Nidia Arévalo.

O PPdeG salienta que o futuro protocolo de prevención fronte a situacións de violencia para traballadoras do SAF mellorará a seguridade e tranquilidade coa que se presta este servizo

Os deputados do Grupo Popular Ethel Vázquez e Jesús María Fernández Rosende salientaron hoxe que o futuro protocolo de prevención fronte a situacións de violencia ou agresións para as traballadoras do servizo de axuda no fogar (SAF), no que están a traballar conxuntamente a Xunta e a Fegamp, permitirá mellorar a seguridade e tranquilidade coa que se presta este servizo en Galicia.

“A pesar de tratarse dun servizo de competencia municipal, o Goberno galego está firmemente comprometido coa prestación deste importante servizo a máis de 23.000 galegos e en garantir a máxima seguridade ás traballadoras que o prestan”, manifestou Ethel Vázquez. Así, afirmaron que neste momento estase a recompilar información sobre os procesos, funcións e tarefas das traballadoras do SAF co obxectivo de avanzar na redacción dun borrador que será presentado a todas as partes implicadas na prestación deste servizo.

USUARIOS MULTIPLICADOS POR 8

Neste sentido, os deputados destacaron que o numero de usuarios do servizo de axuda no fogar en Galicia multiplicouse por 8 desde 2009, “un incremento de beneficiarios que non se viu acompañado por unha suba das aportacións do Goberno de Pedro Sánchez para a prestación dos servizos de dependencia”. En concreto, criticaron que, mentres a Xunta incrementou un 12 por cento o orzamento destinado á dependencia, chegando a sufragar na actualidade máis do 65 por cento do custo, o Goberno central abona menos do 34 por cento, cando a lexislación vixente obrígao a aportar o 50 por cento.

Fernández Rosende considerou “indignante que mentres o Goberno de Pedro Sánchez rebaixou en Galicia a súa aportación para a prestación da dependencia do 40 ao 34 por cento entre os anos 2023 e 2024, xa se comprometeu co País Vasco a asumir o 50 por cento da dependencia”.

“A esta situación súmase os máis de 2.500 millóns de euros que o Goberno central xa debe a Galicia pola prestación da dependencia, unha cifra resultante da suma de todo o tempo que leva sen abonar o 50 por cento do custo da prestación deste servizo que lle corresponde por lei”, apuntaron.

O PPdeG salienta que a Xunta dispón de axudas de ata 200.000 euros para os viticultores afectados polos incendios forestais

Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira, Enrique Barreiro e Raquel Arias, acompañados do alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, visitaron hoxe distintas zonas de viñedo deste concello lucense afectadas polos incendios forestais e salientaron “a axilidade e o forte compromiso da Xunta coa rehabilitación dos espazos que resultaron queimados, que se traduce en que calquera produtor afectado polo lume pode acceder ata un máximo de 200.000 euros de subvención para recuperar a súa explotación, ademais de 12.700 euros por hectárea afectada polos incendios”.

Os deputados populares contrastaron “o importante esforzo económico que realiza a Xunta para paliar as consecuencias dos incendios forestais coas axudas ridículas que o Goberno de Pedro Sánchez porá enriba da mesa: un máximo de 10.000 euros de axuda directa por explotación e o abono dunha parte do seguro agrario”.

“Pero é que seguimos esperando a que o Goberno de España cumpra a súa promesa de actualizar as contías das axudas para, en principio, adecualas aos danos que causaron os incendios, xa que os importes que se concederán son os que aparecen nunha normativa que data de hai 20 anos e nunca se actualizou”, sinalou Nicole Grueira.

DILIXENCIA

Pola súa banda, Raquel Arias agradeceu ao operativo de loita contra os incendios, os veciños e voluntarios que participaron na extinción dos incendios, e lembrou que tanto desde o Concello de Pantón como desde o de Sober se axudará aos afectados na tramitación das axudas.

Así mesmo, manifestou que “esperamos que o Goberno de Pedro Sánchez sexa máis dilixente coas axudas para os afectados polos incendios forestais en Galicia que o está sendo para paliar os danos provocados hai catro anos pola erupción do volcán na illa da Palma: a día de hoxe, milleiros de familias seguen malvivindo en aloxamentos provisionais, pequenos empresarios seguen esperando unha resposta ás súas demandas e os agricultores e gandeiros continúan sen recibir as compensacións polos danos que sufriron as súas explotacións”.

“O mínimo que lle pedimos ao Goberno de Pedro Sánchez é un esforzo económico semellante ao que está a facer o Goberno galego para axudar aos afectados polos incendios, que dispuxo de inmediato dun amplo paquete con oito liñas de axudas destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e apícolas”, dixo o deputado Enrique Barreiro.

O PPdeG contrapón a «máxima prioridade» que se lle dá á vivenda en Galicia fronte aos «anuncios baleiros» e as «improvisacións» do Goberno central

O PPdeG sitúa a vivenda como unha das “máximas prioridades” do Goberno galego nesta lexislatura e contrapón este compromiso “ambicioso” e “decidido” fronte aos “anuncios baleiros” e as “improvisacións” dun Goberno central cuxa política neste ámbito é “inexistente”.

Así o manifestaron hoxe a secretaria xeral Paula Prado e o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, durante a clausura da xornada informativa organizada polo partido en Barbadás para abordar, desde distintas perspectivas e con especial atención á mocidade, o problema do acceso á vivenda.

“É unha obriga buscar solucións reais, pragmáticas e aplicables ante este problema”, sinalou ao respecto a número dous populares galegos ao tempo que poñía en valor as “receitas eficaces” que se levan aplicando desde hai anos en Galicia e entre as que destacou o compromiso do presidente Alfonso Rueda de duplicar o parque público de vivenda ata chegar ás 8.000.

Entre as medidas pensadas especificamente para a mocidade, e dada a importancia que teñen para unha provincia como Ourense, citou as axudas dirixidas a menores de 36 anos para a adquisición da súa primeira vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes. Unhas axudas das que se concederon un total de 49 nesta provincia e 15 delas só no concello de Xinzo de Limia.

“Así é como se fai unha política seria, realista e apegada ao territorio”, subliñou ao tempo que criticaba “as políticas de vivenda inexistentes ou, no mellor dos casos, erradas”, do Goberno central nesta materia. Puxo como exemplo a Lei de Vivenda, que “venderon como remedio para todos os males e só conseguiu agudizalos”.

De aí que demandase ao Executivo estatal, como xa ten reivindicado o presidente Alfonso Rueda en numerosas ocasións, a cesión das vivendas que a Sareb ten en Galicia, un novo Plan Estatal de Vivenda “eficiente e dialogado” e máis seguridade para os propietarios ante a ocupación ilegal.

Paula Prado concluíu a súa intervención animando a todas as administracións a “remar na mesma dirección” e evocando as palabras do presidente do PPdeG, quen no seu día sinalou o camiño a seguir afirmando que “en Galicia somos menos de anuncios baleiros e máis de chaves en man dos galegos e galegas”.

LUIS MENOR: “O GOBERNO DE RUEDA DEMOSTROU UNHA GRAN CAPACIDADE DE RESPOSTA E AXILIDADE ANTE A PERDA DE VIVENDAS NOS LUMES”

Pola súa banda, Luis Menor afirmou que os partidos políticos e os gobernos teñen “a imperiosa obriga” de ofrecer solucións reais a un problema como a vivenda, “que leva camiño que converterse no maior obstáculo de progreso da sociedade do século XXI”.

Nesta liña subliñou o “absoluto compromiso” do Goberno de Alfonso Rueda para combater as dificultades de acceso á vivenda, cunha folla de ruta “ben definida” e que terá o seu impacto positivo en toda a cidadanía, “contribuíndo a que haxa vivenda dispoñible, sexa nas cidades, vilas e sobre todo no rural”.

O presidente provincial incidiu no mundo rural, salientando “a gran capacidade de resposta” da Xunta de Galicia fronte aos lumes de agosto, que provocaron a perda de preto de 200 vivendas. O Goberno galego atendeu coa máxima axilidade ás persoas que perderon os seus fogares e propiedades ofrecendo unha ampla cobertura de axudas para inmobles habituais, rehabilitacións, enxoval doméstico ou segunda residencia. “E o que máis importa é que non só comezaron a tramitarse, senón que xa empezaron a pagarse”, dixo.

SEGURIDADE XURÍDICA E PLANS DE AXUDA EN VIVENDA

A xornada comezou coa intervención do coordinador da Área de Vivenda e Urbanismo do PPdeOU, Benito Iglesias, quen subliñou a necesidade de derrogar a Lei Estatal de Vivenda “para dotar de seguridade xurídica a propietarios e inquilinos e mobilizar vivenda baleira cara o mercado de aluguer”.

Mentres, a concelleira do grupo popular no Concello de Ourense, Sonia Ogando, desmontou cunha análise xurídica o mito da recualificación urbanística de terreos tras un incendio forestal, ao tempo que repasou as axudas impulsadas pola Xunta en materia de vivenda tralos devastadores lumes de agosto.

Pola súa banda, Pilar Fernández, directora territorial en Ourense da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, debullou ás liñas de axuda para facilitar o acceso á vivenda da mocidade, así como para os propietarios de pisos baleiros que queiran incorporalos ao mercado de aluguer. Axudas, dixo que abren o camiño a un fogar digno, “porque ofrecer vivenda tamén é ofrecer futuro”.

O Parlamento de Galicia demanda seguir reforzando o desenvolvemento educativo e persoal do alumnado de etnia xitana

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicita á Xunta de Galicia que siga reforzando as liñas de actuación dirixidas a favorecer o desenvolvemento educativo e persoal do alumnado de etnia xitana, promovendo a súa inclusión e loitando contra os prexuízos e estereotipos que aínda poidan existir.

O deputado popular Raúl Santamaría salientou que “Galicia deu pasos firmes, recoñecidos por entidades e pola propia comunidade educativa na inclusión do alumnado de etnia xitana, e queremos que esa senda se consolide e reforce”.

VANGARDA EN INCLUSIÓN

Neste sentido, lembrou a posta en marcha pola Xunta da Estratexia de Inclusión Educativa 2030, “que marca un modelo educativo inclusivo, equitativo e de calidade, e que inclúe iniciativas pioneiras como o proxecto piloto Impulso Mentor dirixido especificamente ao alumnado de etnia xitana”.

“Galicia debe continuar sen vangarda en inclusión, de xeito que ningunha alumna nin alumno quede atrás por cuestións de etnia, orixe ou condición social”, incidiu o deputado popular, quen recordou que “o noso sistema educativo é recoñecido pola súa calidade, pero queremos que tamén o sexa pola súa humanidade e pola súa capacidade de integrar a todos”.