J.M Barreiro
Cando estala unha crise internacional como a guerra en Oriente Medio hai dúas maneiras de reaccionar: ou ben con titulares e improvisación, ou ben con planificación, rigor e feitos. Galicia está demostrando estes días que sabe cal é o camiño correcto. Mentres o Goberno de Pedro Sánchez chega tarde e cun paquete insuficiente, a Xunta responde á altura mobilizando 277 millóns de euros para protexer ás familias e soster a actividade económica.
A clave está en facer que a xente o pase menos mal. E iso non se consigue con titulares, senón con medidas que se noten na casa e nas empresas. Por unha banda, Galicia activa máis de 150 millóns de euros cun plan autonómico orientado a apoiar aos cidadáns máis vulnerables e aos sectores máis afectados polo impacto da guerra. Un escudo pensado para manter emprego e tecido produtivo apoiando á industria que xera postos de traballo e implementando tamén medidas específicas para o agro, o mar e o turismo, sectores que crean riqueza e,sobre todo, sosteñen o rural.
Ademais, Galicia achega outros 120 millóns de euros en só tres meses para financiar as rebaixas fiscais anunciadas polo Goberno Central. É dicir: unha parte importante das medidas de Pedro Sánchez sostéñense coas arcas das autonomías. E por iso é inaceptable que o presidente do Goberno aprobe decisións sen consultar coas comunidades, cando son elas as que teñen que asumir o impacto nos seus orzamentos e nos servizos públicos.
E por se isto fose pouco, as medidas de Sánchez chegan tarde e son insuficientes. Está claro que a este Executivo lle preocupa máis recada que aliviar. Se de verdade se quere protexer ás familias, hai que baixar impostos de maneira decidida, e especialmente no IRPF. O Partido Popular leva tempo esixindo a súa deflactación, para que a inflación non se converta nunha subida encuberta que castiga salarios e pensións.
A actual crise require respostas rápidas, coordinadas e ambiciosas. Galicia xa fixo o que lle corresponde: planificar, actuar e poñer cartos enriba da mesa. Agora o que fai falta é que Pedro Sánchez entenda que gobernar non é resistir: gobernar é protexer.