Nicole Grueira.
Galicia é hoxe unha terra con futuro. Unha comunidade que avanza con paso firme grazas á estabilidade política, á xestión eficaz e á confianza que os galegos e galegas seguen a depositar maioritariamente, eleccións tras eleccións, no Partido Popular de Galicia.
O recente Debate do Estado da Autonomía confirmou que Galicia está en boas mans. Mentres no Goberno de España reina a incerteza e existe unha dependencia de pactos fráxiles e intereses cruzados, na nosa Comunidade temos un executivo sólido, con rumbo claro, que coñece o territorio, escoita á cidadanía e actúa con responsabilidade. As medidas presentadas polo presidente Alfonso Rueda dan continuidade a un modelo de éxito: reforzo dos servizos públicos, apoio ás familias, impulso á actividade económica e loita decidida contra o desafío demográfico.
Temos un plan realista e ambicioso para a Galicia rural, para a Galicia que emprende, para a Galicia das novas xeracións. E fronte aos que viven instalados no NON permanente —como o BNG, máis preocupado en confrontar ca en construír—, o Partido Popular ofrece certezas, propostas e futuro. O NON do BNG só lles deixa ver unha Galicia en pequeno, unha Galicia que só os representa a eles.
Os populares galegos, en cambio, cremos na Galicia en grande, na Galicia que representa a todos os galegos; unha Galicia que avanza unida, sen exclusións nin fronteiras ideolóxicas. Unha terra que mira ao futuro con orgullo do que é e con ambición polo que quere ser. Esa é a Galicia que construímos desde o PPdeG e Novas Xeracións: con estabilidade, con diálogo e con feitos.
Galicia é presente, pero sobre todo, é futuro.