José Manuel Barreiro.
Galicia volve dar unha lección de boa xestión e seriedade institucional. A Xunta aprobou este venres os orzamentos para que o 1 de xaneiro os galegos volvamos a ter contas públicas. Os de 2026 son os orzamentos máis altos da historia de Galicia con máis de 14 mil millóns de euros, medran en case 300 millóns e o total dese incremento vai para gasto social. É dicir, 3 de cada 4 euros irán para sanidade, educación, políticas sociais e emprego.
Ademais Alfonso Rueda mantén o compromiso de baixar impostos, mantén as 120 rebaixas aprobadas nos últimos anos polos gobernos do PP e pon en marcha 5 novas coas que redobra o apoio ás familias monoparentais, ás rendas medias e baixas, aos menores de 36 anos, ás familias numerosas e aos colectivos vulnerables.
Galicia suma 17 anos consecutivos aprobando as contas en tempo e forma. Dezaseis exercicios de responsabilidade, estabilidade e rigor. Mentres tanto Pedro Sánchez continúa atrapado no seu labirinto de cesións, chantaxes e parálise política.
O que en Galicia é normalidade, en España xa é unha excepción. Aquí, os gobernos do Partido Popular —primeiro con Alberto Núñez Feijóo e hoxe con Alfonso Rueda— demostran que se pode gobernar pensando nas persoas. Alí, o Goberno socialista utiliza os orzamentos como moeda de cambio para mercar apoios e manterse no poder.
Galicia planifica, Sánchez improvisa. Galicia cumpre, Sánchez rectifica. Galicia goberna con sentido común, mentres Sánchez goberna ao ditado de quen queren romper España. Esa é a diferenza entre un proxecto serio, que dá confianza e estabilidade, e un Executivo esgotado, que só xera incerteza e división.
Como dixo Rueda, ter orzamentos é a única forma de empregar eficazmente os cartos dos cidadáns. Cada presuposto aprobado a tempo garante servizos públicos de calidade, investimento produtivo e seguridade económica para as familias e as empresas. Os orzamentos son a proba de que o modelo do PP funciona.
Mentres Sánchez atrasa as contas do Estado, manipula cifras e antepón a súa supervivencia política ás necesidades do país, Galicia demostra que se pode gobernar con rigor e estabilidade. E esa diferenza explica por que Feijóo é a alternativa real que España necesita: porque xa demostrou, en Galicia, que sabe gobernar .
O camiño de Galicia con Feijóo e Rueda é a proba de que outra política é posible. Fronte ao caos, estabilidade. Fronte ao sectarismo, xestión. Fronte ao ruído, resultados. Galicia non se detén, e faino cunha mensaxe clara para toda España: cando o PP goberna, as cousas funcionan.