Nicole Grueira.
Co inicio do novo curso 2025-2026, Galicia consolida un modelo educativo que a sitúa á cabeza de España en igualdade de oportunidades. Non é froito da casualidade, senón da política educativa dun Partido Popular que funciona e fai da educación gratuíta e universal un eixo central da súa acción.
Cómpre lembrar de onde vimos. No período do bipartito en Galicia, entre 2005 e 2009, as escolas infantís eran un luxo para moitas familias, con prazas escasas e custos elevados. As taxas universitarias eran das máis altas do Estado e a aposta pola Formación Profesional era claramente insuficiente. Aquel goberno falaba de igualdade, pero non puxo en marcha medidas estruturais que aliviasen de verdade o peto das familias nin que fixesen da educación unha ferramenta real de ascenso social.
Co regreso do PP á Xunta de Galicia no 2009, as políticas educativas cambiaron co obxectivo de eliminar barreiras económicas e garantirlle oportunidades e facilidades á xuventude. Por iso, impulsou a gratuidade universal das escolas infantís de 0-3 anos, un medida decisiva, que beneficiou aos nenos e nenas e ás súas familias, e que tamén favoreceu a conciliación. Outra medida clave foi a posta en marcha da matrícula universitaria gratuíta, conseguindo que hoxe un estudante galego aforre de media uns 3.000 euros por grao. E a Xunta tamén impulsou a FP, converténdoa nunha das opcións máis atractivas grazas á súa gratuidade, á ampliación da oferta e á súa conexión co tecido produtivo galego.
En definitiva, mentres o bipartito deixou unha herdanza de custos altos e falta de planificación, o PP puxo en marcha unha política educativa que funciona e ambiciosa, que entende a educación como investimento e non como gasto. Un investimento que non só mellora a vida das familias, senón que fortalece a competitividade da nosa economía e contribúe a reter o talento.
Hoxe, Galicia pode presumir de ter un sistema educativo gratuíto, universal e de calidade, que non só forma a máis persoas, senón que forma mellor e con máis facilidades. Un modelo pioneiro, froito da visión e da responsabilidade dun goberno serio e comprometido coa Galicia en grande que queren os galegos e galegas.