Pedro Puy.
Reputado historiador económico, Carlo Cipolla (1922-2000) merece ser recordado por esa pequena xoia que nos legou, o Allegro ma non troppo coas súas coñecidas leis da estupidez humana. Cipolla clasifica aos humanos, o zoon politikon aristotélico, en función do resultado que cada persoa ten cando se relaciona con outra. Dado que unha persoa calquera, poñamos Usa, ao interactuar con calquera outra, digamos Ue, pode obter un beneficio o unha perda, son posibles catro resultados alternativos. Se Usa obtén unha perda e Ue unha ganancia, Usa foi incauto. Usa é intelixente se tras interactuar con Ue ambos sacan proveito. Se é Usa o que perde e Ue o que gaña, Ue foi malvado. E se ambos os dous perden… entón movémonos no ámbito da estupidez: o estúpido, define Cipolla, é o que causa dano a outra ou a outras persoas sen obter proveito para si mesmo, e incluso prexudicándose.
A ciencia económica ten ben estudiados os efectos do proteccionismo comercial, que ten como expresión máis evidente, aínda que non única, o establecemento de aranceis. Estes impostos que gravan ás importacións desde outros países provocan, entre outros, dous efectos salientables. Na orde interna unha transferencia de renda, habitualmente desde o consumidor local do produto gravado ao produtor nacional dese mesmo produto (máis caro e peor). Esta lóxica é a que explica a decisión de Trump: protexer eses perdedores da globalización que lle votan masivamente, pero a costa de maiores prezos dos produtos que consumen todos os norteamericanos, provocando unha importante perda de benestar agregada ao conxunto. Pero hai outro efecto, este na orde exterior. As represalias arancelarias dos demais países e o feito de que os produtores dos bens gravados busquen mercados alternativos, provoca un efecto desviación do comercio. Ábrense novas canles comerciais, polo que o país que impón aranceis non só queda illado a curto prazo, tamén no futuro porque mesmo levantando os aranceis pode tardar en recuperar as liñas de subministro que os aranceis pecharon.
Trump acaba de dinamitar a orde comercial internacional coa imposición xenérica de aranceis fronte ao resto do mundo. Entre o ano 2000 e o 2023 o Producto Interior Bruto per capita dos Estados Unidos multiplicouse por 2,3 (pasou de 36.000 dólares a case 83.000, dados do Banco Mundial). O da Unión Europea multiplicouse menos, por 2 (de 23.000 dólares a 48.000 dólares). Semella que era unha situación intelixente, da que ambas partes sacaban proveito, e os Estados Unidos en particular xa que o diferencial débese ao incremento da produtividade.
Ao presentar os novos aranceis, Trump describiu á Unión Europea como malvada, e aos Estados Unidos como incautos. Moitos europeos pensan xustamente o contrario: que o malvado é Trump, e nós os incautos. O que estamos é diante dunha enorme estupidez. E como argumentaba Cipolla, o malo de quen fai unha estupidez é que non sabe que o é, polo que os seus resultados son devastadores. Á espera de que a intelixencia retorne á Casa Branca, a Unión Europea debería buscar interaccións intelixentes…. Mercosur ou a India non soan mal. Aínda que as estupideces poden xurdir en calquera parte.