O eurodeputado galego Francisco Millán Mon celebrou hoxe que a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, cumprira o seu compromiso da campaña electoral de nomear un comisario específico de Pesca.
“Celebro que, por fin, no novo Colexio de Comisarios haxa un Comisario de Pesca que non comparta carteira con Medio Ambiente. É unha boa noticia. Von der Leyen cumpriu así o compromiso de campaña que fixo público en Galicia, durante a recente campaña electoral ás elección europeas”, declarou Millán Mon esta mañá tras facerse públicos os comisarios propostos pola presidenta da Comisión Europea.
O eurodeputado galego referiuse así á promesa de ter un Comisario específico de Pesca que lanzou Von der Leyen o pasado 1 de xuño na súa visita a Galicia, acompañada de Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo, durante a campaña ás eleccións europeas.
Segundo explicou Millán Mon, “agora ábrese o procedemento de audiencia parlamentaria do candidato, previo á formalización do seu nomeamento”.
O eurodeputado galego expresou a súa confianza en que o señor Costas Kadis (Chipre), que conta cunha longa experiencia de Goberno e que foi proposto como Comisario por un Goberno do Partido Popular Europeo, “teña unha visión equilibrada da actividade pesqueira, na que estea presente a dimensión económica e social”.