Un ano despois da reunión que o Partido Popular de Lugo mantivo coa Asociación Lugo Monumental, na que se acordou trasladar ao Parlamento Europeo a xestión dos fondos europeos na peonalización do casco histórico de Lugo, a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de admitir a trámite o estudo sobre esta xestión.
Así o comunicou hoxe o eurodeputado popular Adrián Vázquez Lázara aos representantes da asociación que cursou a petición, nun encontro no que tamén participou a portavoz do PP de Lugo, Elena Candia.
A portavoz popular, Elena Candia, informou que a nova de que Lugo recibirá fondos europeos para Plan Novo Norte “debe ser un aliciente para que o goberno local rectifique na maneira de xestionar este diñeiro”. A popular engadiu que “hai que aprender dos erros cometidos e garantir que cada euro que chega a Lugo repercuta de forma positiva na veciñanza evitando proxectos como un carril bici que non se usa, un coliving de artistas sen artistas, un edificio Impulso Verde infrautilizado e unhas caldas pechadas. Non se trata de gastar por gastar, senón de planificar proxectos con futuro, útiles e transformadores para a cidade”.
Os populares lembran que “non houbo participación nin se buscou o consenso” destacando que en 2023 o PP presentou unha iniciativa para mellorar a xestión das obras do casco histórico e minimizar os perxuizos a residentes e negocios, iniciativa que tumbaron socialistas e nacionalistas.
O eurodeputado popular explicou que a Comisión de Peticións abre agora un proceso de análise para determinar se houbo mala utilización dos fondos europeos en Lugo subliñando que “é unha oportunidade para corrixir o rumbo. Os fondos europeos son unha ferramenta para o progreso, non para proxectos sen utilidade nin planificación.”
O BLOQUEO DO BNG
Coincidindo coa semana na que se votaba a admisión a trámite en Europa esta petición o tenente de alcalde Rubén Arroxo desprazouse a Bruxelas para participar nun encontro sobre vivenda.
“Resulta cando menos chamativo que o fixese xusto nese momento”, sinalaron os populares, que lembraron como Evislusa, a empresa municipal de solo que podería ser o instrumento para promover vivenda protexida (así se recolle no punto 2 apartado d dos seus estatutos), está infrautilizada e sen xustificar a súa existencia, segundo se recolle nos informes da Conta Xeral e de Intervención.
“Agora xa sabemos a que foi Rubén Arroxo a Europa: é probable que quixera tapar este mecanismo para mellorar a xestión os fondos europeos; a tentar frear unha tramitación” en alusión ao voto en contra emitido na Comisión de Peticións polos os seus socios, os verdes que intentaron paralizar este trámite”, apuntan desde o PP.