Os eurodeputados do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, valoran positivamente que a Comisión Europea non apreciase “infracción ambiental algunha” na execución do proxecto de Altri, fronte ao “continuo alarmismo” do BNG.
“Ana Miranda e o BNG só queren estar en Europa para falar mal de Galicia e frear o seu desenvolvemento económico e social. Parece que queren que volvamos ao pleistoceno”, sinalan Millán Mon e Vázquez, avanzando que no seu caso, durante esta lexislatura, seguirán apostando en Europa por unha Galicia que “funciona, crece e xera emprego”.
“O BNG, que está moi pouco afeito ás cuestións de goberno e xestión, pretende que o Parlamento Europeo investigue a Galicia por un proxecto para o que a Xunta aínda segue realizando os estudos de impacto necesarios para o seu desenvolvemento”, conclúen.
“UN ÓRGANO CULTURAL VALORANDO UN PROXECTO INDUSTRIAL?”
Doutra banda, desde o Partido Popular de Galicia lamentan a “nula independencia” do informe sobre Altri do Consello da Cultura Galega e se preguntan, sobre todo, “que fai un órgano especializado na cultura valorando unha instalación industrial de tanta complexidade e envergadura”.
Os populares consideran que o texto está “inundado de opinións de expertos que durante os últimos meses xa se posicionaron claramente en contra do proxecto unicamente por unha motivación política”.
Así mesmo, sinalan que os “supostos especialistas” que redactaron o informe participaron ao longo deste ano en mesas redondas, colaboracións con medios de comunicación ou mobilizacións “sempre en contra de Altri” e “como parte da órbita do BNG”.
“O informe do CCG contrasta coa independencia dos funcionarios da Xunta, que seguen analizando a proposta de forma rigorosa e atendendo unicamente a criterios técnicos”, subliñan desde o PPdeG.