José Manuel Barreiro.
Hai momentos na política nos que un Goberno debería demostrar altura, responsabilidade e decencia. O escándalo das pulseiras fake de protección contra maltratadores é un deses momentos. A Memoria da Fiscalía Xeral do Estado destapou o que o Executivo de Sánchez intentou ocultar: un fallo técnico nas pulseiras antimaltrato que fixo desaparecer a información sobre a posición de maltratadores deixando a centos de mulleres desprotexidas e abrindo a porta á absolución de ducias de agresores.
O máis grave é que mentres a Fiscalía alertaba dos riscos e os tribunais arquivaban casos o Ministerio de Igualdade dedicábase a restarlle importancia ao problema, pero o dano xa estaba feito. A consecuencia é tan clara como inaceptable: a desprotección das vítimas de violencia machista que confiaron a súa seguridade a un dispositivo que debía ser infalible. Como dixo Alberto Núñez Feijóo, gobernar desde a incompetencia pon en perigo todo.
A incompetencia deste Goberno non é nova, xa vimos os efectos da chamada Lei do «só si e si» que permitiu a excarceración anticipada de máis de mil agresores sexuais. Erro tras erro, este Executivo demostra que non está preparado para protexer. ¿Que mensaxe se lle está trasladando ás vítimas? ¿Que poden ser desprotexidas impunemente e aquí non pasa nada? Non hai nin unha soa dimisión. Ninguén dá a cara. Pedro Sánchez e os seus ministros están tan ocupados en defenderse a si mesmos que esqueceron o seu deber máis esencial: protexer ás persoas máis vulnerables.
Dende o Partido Popular esiximos a dimisión inmediata da Ministra de Igualdade, Ana Redondo, e a apertura dunha investigación que aclare por que un fallo técnico deixou a tantas mulleres en situación de risco durante tantos meses. Onde están as feministas do PSOE? As mesmas dirixentes que cada 8 de marzo encabezan pancartas permanecen agora caladas.
As mulleres non precisan fotos nin discursos, precisan protección real e responsables que dean a cara cando o sistema falla.
España non merece un Goberno de neglixentes e incompetentes. Desde o Partido Popular seguiremos esixindo transparencia, responsabilidades e, sobre todo, dignidade. Farémolo mañá mesmo no Senado, nunha sesión monográfica sobre a violencia contra as mulleres. Porque o que está en xogo non é unha pulseira, senón a vida e a seguridade de centos de vítimas.