Solicitud da inclusión dos gobernos autonómicos no acordo para a transición xusta das centrais térmicas en peche

04
Mai

Solicitud da inclusión dos gobernos autonómicos no acordo para a transición xusta das centrais térmicas en peche

 

Iniciativa sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da inclusión dos gobernos autonómicos no Acordo para a transición xusta das centrais térmicas en peche, asinado cos sindicatos e as empresas propietarias

 

O mércores 24 de marzo o goberno central, sindicatos e empresas propietarias de centrais térmicas abocadas ao peche, firmaron o “Acordo para a Transición Xusta das centrais térmicas en peche” na sede do ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

 

No caso de Galicia corresponde a central de Meirama da empresa Naturgy en Cerceda e a central das Pontes, de Endesa no Concello das Pontes.

 

Resulta sorprendente, que con milleiros de empregos en risco, tanto directos, como indirectos, co impacto socieconómico indiscutible nos Concellos nos que se ubican como en todas as comarcas colindantes, o goberno central decida que as Comunidades Autónomas queden exluidas das decisións que afectan ao futuro industrial do seu territorio.

 

É inxustificable que non tivese en conta a petición da Xunta para que Galicia forme parte tamén do Acordo de Transición Xusta que o Executivo central vén de asinar coas empresas e os sindicatos, acordo que recolle ámbitos de actuación de competencia das Comunidades Autónomas como as políticas activas de emprego.

 

Desde Galicia avogamos por actuar de forma coordinada para identificar solucións industriais para os territorios afectados polo peche de centrais térmicas.

 

No caso de Galicia, o Goberno autorizou o peche de Meirama sen ter alternativas sobre a mesa e agardamos que non faga o mesmo nas Pontes, onde defendemos que é viable a continuidade da central e o mantemento dos postos de traballo mediante o uso de biocombustibles.
Calquera actuación nestas comarcas debe contribuír a mitigar os efectos económicos e sociais, tendo en conta os traballadores e o desenvolvemento industrial destes concellos. Porque unha transición enerxética non é xusta se non existe tamén unha transición laboral ,e por iso, a Xunta de Galicia seguirá apoiando aos traballadores das centrais térmicas galegas, a industria auxiliar e os transportistas.

 


Dende Galicia defendemos unha transición enerxética que aposte polas renovables e as tecnoloxías máis limpas pero ten que ser unha transición xusta e ordenada, que garanta o emprego e actividade industrial.

 

O Goberno da Xunta de Galicia leva dous anos ao carón dos traballadores, e ao fronte da busca dunha solución alternativa ao peche da central das Pontes, de forma que non ocurra como no caso de Meirama que o peche se autorizou por parte do Goberno central, sen buscar unha alternativa.

 

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta esta proposición non de lei en Comisión:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno de España para que inclúa aos gobernos das CC.AA. no Acordo para a Transición Xusta, nos que xa se atopan o Goberno Central, os sindicatos e as Empresas”.

 

 

Rexistro:https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001451

 

Comparte: