Axilizar a tramitación da norma que permita a creación e efectiva entrada en funcionamento de novas unidades xudiciais en Galicia con cargo á programación de 2022

05
Mai

Axilizar a tramitación da norma que permita a creación e efectiva entrada en funcionamento de novas unidades xudiciais en Galicia con cargo á programación de 2022

 

Axilizar a tramitación da norma que permita a creación e efectiva entrada en funcionamento de novas unidades xudiciais en Galicia con cargo á programación de 2022

 

Os orzamentos xerais do Estado para o exercicio 2022 prevén a creación de 70 novas unidades xudiciais, se ben a día de hoxe o Ministerio de Xustiza aínda non levou a cabo a distribución e asignación deste número entre as distintas comunidades autónomas, que permitan poñer en marcha con cargo á programación deste ano 2022 novos órganos xudiciais.

Desde distintos estamentos e foros xurídicos ponse de manifesto a necesidade de crear novas unidades en Galicia, para poder afrontar a litixiosidade que dun xeito notable se incrementou nos últimos anos nalgúns órganos e demarcacións da Comunidade Autónoma.

Para a efectiva entrada en funcionamento de novos xulgados, cómpre que o Ministerio de Xustiza tramite dun xeito áxil o real decreto de creación de unidades xudiciais e fixe a data da súa posta en funcionamento.

A axilidade e a previsión son fundamentais para que as comunidades autónomas con competencias en materia de Xustiza coñezan coa antelación suficiente cantas unidades creará o Ministerio no territorio e cales serán estas, a fin de planificar axeitadamente a habilitación de espazos e medios precisos para os novos órganos estean operativos canto antes e axilizar a actividade xudicial.

A meirande parte do custo da posta en marcha das novas unidades correspóndelle á Xunta de Galicia como administración prestacional da Administración de Xustiza, sendo preciso tramitar a dotación do cadro de persoal dos novos xulgados (e sendo a retribución do dito persoal auxiliar da Administración de xustiza asumida pola Comunidade Autónoma), así como a dotación de mobiliario e equipamento informático para todos os maxistrados, xuíces, letrados da Administración de xustiza e funcionarios do órgano, e acondicionar as dependencias nas que se ubicarán.
Conscientes da urxencia que supón a creación de novas unidades xudiciais en Galicia, e dado que o primeiro cuadrimestre do ano está a piques de rematar sen que o Goberno da Nación cumprise coa comunicación da asignación do número de unidades con cargo á mencionada programación 2022, a finais do pasado mes de marzo reuníronse os máximos representantes do Poder Xudicial en Galicia xunto cos responsables en materia de Xustiza da Xunta de Galicia, no foro establecido atal efecto chamado Comisión Mixta, para activar o proceso, e pecharon o acordo que fixou a prelación das unidades cuxa creación resulta necesaria na Comunidade Autónoma, e así llo trasladou ao Ministerio, quedando á espera de que finalmente o Goberno da Nación concrete cantas e cales son as que lle corresponderán a Galicia.

Por iso, desde este Grupo Parlamentario, presentamos a seguinte proposición non de lei en comisión:

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno Central para reclamar que o Ministerio de Xustiza axilice a tramitación da norma ministerial que permita a creación e efectiva entrada en funcionamento de novas unidades xudiciais en Galicia con cargo á programación 2022, atendendo aos termos da proposta acordada pola Comisión Mixta para contribuír á axilización da actividade xudicial en Galicia ”.

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-003063

 

Nota de prensa: http://www.ppdegalicia.com/index.php/gl/novas/item/5937-o-parlamento-pide-ao-ministerio-de-xustiza-que-axilice-a-tramitacion-da-norma-para-a-creacion-de-novas-unidades-xudiciais-en-galicia

 

Comparte: