O Pleno da vindeira semana debaterá a aprobación definitiva da proposición de lei de recuperación da terra agraria

03
Mai

O Pleno da vindeira semana debaterá a aprobación definitiva da proposición de lei de recuperación da terra agraria

Santiago, 3 de maio de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que no Pleno da vindeira semana estarán en disposición de ser debatida para a súa aprobación definitiva a proposición de Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, así como a toma en consideración do proxecto de Lei de creación da Universidade Intercontinental da Empresa.

Pedro Puy iniciou a súa comparecencia ante os medios de comunicación lembrando que nesta xornada celébrase o Día Internacional da liberdade de prensa, “un día triste” logo dos asasinatos dos xornalistas españois David Beriain e Roberto Fraile en Burkina Faso. Neste sentido, indicou que “estamos a ver que en moitos lugares do mundo a liberdade de prensa é unha cuestión moi difícil, pero ao mesmo tempo é importante felicitar a quen exerce a profesión xornalística de forma libre”. “Animamos a seguir exercendo con liberdade esta profesión, nun momento no que estamos vendo que os bulos corren polas redes sociais sen ningún control”, apuntou.

 

 

PRIMEIRA SESIÓN SEN ESTADO DE ALARMA

 

Respecto da sesión plenaria que se celebrará a vindeira semana, Puy lembrou que “será a primeira que se celebre unha vez levantado o Estado de Alarma o 9 de maio, co que nos enfrontamos a unha nova situación moi confusa”. “A nosa opinión é que non se levou adiante, desde o punto de vista normativo, o que era necesario para loitar contra a pandemia con novos instrumentos lexislativos, polo que existen dúbidas de que as autoridades sanitarias teñan a capacidade de adoptar medidas que se amosaron útiles para loitar contra a Covid-19, como os peches perimetrais das comunidades autónomas”, indicou.

 

 

O portavoz popular avanzou que no Pleno debaterase a aprobación definitiva da proposición de Lei de recuperación da terra agraria, unha vez que esta mañá se aprobou o ditame na Comisión 7ª coa abstención do BNG e do PSdeG. Puy salientou que esta nova norma “vai ter moita incidencia para ben no medio rural e será un punto de inflexión no que é a evolución do agro galego”. “E unha lei que da un paso significativo para, respectando os dereitos de propiedade, poñer enriba da mesa o feito de que a propiedade ten unha función social que vai máis alá dos dereitos absolutos sobre a propiedade”, engadiu.

 

 

Neste sentido, salientou “o alto número de emendas aceptadas e transaccionadas dos grupos da oposición, porque a efectividade desta lei recomenda que haxa os maiores puntos de acordo posibles para que sexa efectiva”.

 

 

NOVA UNIVERSIDADE PRIVADA

Así mesmo, na sesión plenaria procederase ao debate de toma en consideración do proxecto de Lei de creación da Universidade Intercontinental da Empresa, unha iniciativa que leva tres anos de tramitación da man da Fundación Galicia Obra Social-Afundación, herdeira da vella Obra Social das caixas de aforro galegas.

Pedro Puy cualificou de “boa noticia que unha entidade bancaria radicada n Galicia decida investir no eido da educación superior, cumprindo a lei e coa esperanza de darlle continuidade a algo que foi fundamental para o desenvolvemento moderno da empresa en Galicia, como é a Escola de Negocios”. Por este motivo, considerou “sorprendente que haxa quen se opoña a este investimento en educación”, aínda que considerou que se trata de algo “ideolóxico por parte de forzas políticas que entenden que todo ten que ser público”.

 

 

Comparte: