O Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno central adecúe a lexislación orgánica para evitar situacións de risco para a saúde

04
Mai

O Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno central adecúe a lexislación orgánica para evitar situacións de risco para a saúde

Santiago, 4 de maio de 2021.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno de España adecúe a lexislación orgánica en materia de saúde pública para afrontar a situación presente e futuras de risco grave para a saúde pública, así como que, mentres non conclúa este proceso, desista de solicitar a suspensión da normativa legal aprobada polas comunidades autónomas para facer fronte á pandemia da Covid-19.

Así mesmo, insistirá na solicitude ao Goberno central para que encargue nos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun buque de acción marítima para a Armada Española.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, lembrou que na sesión plenaria procederase ao debate para a súa aprobación definitiva da proposición de lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste sentido, agradeceu o “ton xeral de cooperación durante a tramitación parlamentaria deste texto lexislativo que se traduce nas máis de 200 emendas incorporadas, xa que todos os grupos parlamentarios éramos conscientes da importancia de acertar no texto final”. “Confío que este esforzo de negociación e pacto permita que esta lei conte na súa aprobación en Pleno cun amplo respaldo de todos os deputados”, apuntou.

 

 

COMPARECENCIA SEN ESTADO DE ALARMA

 

A sesión plenaria continuará coa comparecencia do conselleiro de Sanidade, para informar sobre a evolución da incidencia da pandemia en Galicia no relativo á situación epidemiolóxica e asistencial, e aos avances no Plan galego de vacinación fronte á Covid-19. Puy afirmou que esta comparecencia terá lugar “nun momento relevante no que xa estaremos xestionando a pandemia sen o paraugas do estado de alarma e sen ningunha outra protección legal”, polo que demandou que “mentres non teñamos o proceso de vacinación completado hai que ter moita precaución para que non haxa contaxios”.

 

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular recollerá “un clamor xurídico, institucional e autonómico para mellorar a lexislación sanitaria española” e demandará que o Goberno de España proceda a unha adecuación da lexislación orgánica en materia de saúde publica que proporcione ás autoridades sanitarias un marco xurídico para afrontar as situacións presentes e futuras de risco grave para a saúde, tal e como se tiña comprometido o Goberno de España e como lle reclamaron tanto a Comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso como o propio Consejo de Estado.

 

Así mesmo, namentres non conclúa ese proceso de actualización e desenvolvemento da lexislación orgánica, pídese ao Goberno central que desista de solicitar a suspensión da normativa legal aprobada polas autonomías para facer fronte ás necesidades orixinadas pola pandemia. “Se o Goberno de Pedro Sánchez renuncia a tramitar unha lei estatal, se entende que as comunidades poidan dispoñer esas disposicións legais propias”, indicou o portavoz popular.

 

 

 

PLAN FERROL

 

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular incidirá na demanda ao Goberno de España para que encargue a construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, que dote de carga de traballo inmediata tanto para a plantilla deste centro como para a industria auxiliar.

 

Pedro Puy recordou que a Xunta “vén de propoñer a posta en marcha dun pacto de Estado para a comarca de Ferrolterra, que se está a ver moi afectada pola destrución de emprego e na que o encargo dun barco-ponte pode supor un alivio para todo o sector naval ferrolán ata que se inicie a construción das fragatas F-110”.

 

Por último, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego polo investimento destinado este ano 2021 para programas específicos de recursos integrais de atención especializada destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade; pola implicación do sector primario na convocatoria dos proxectos europeos Next Generation; ou sobre as liñas de actuación para favorecer a presenza do galego en entornos de voz do mundo dixital.

Comparte: