O Parlamento galego solicita que a Xunta incoe o procedemento de delimitación do Camiño de Inverno

08
Out

O Parlamento galego solicita que a Xunta incoe o procedemento de delimitación do Camiño de Inverno

Santiago, 8 de outubro de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que incoe o procedemento de delimitación do trazado do Camiño de Inverno, dando prioridade ás rutas principais que xa foron recoñecidas previamente.

Así mesmo, demándase a modificación do Plan Básico Autonómico para corrixir o trazado do Camiño de Inverno aló onde xurdan discordancias co inicialmente previsto e o definido na delimitación definitiva do mesmo.

 

O deputado popular José Luis Ferro lembrou que “o Camiño de Santiago é un dos bens patrimoniais que posúe Galicia, que funciona como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da nosa identidade”.

 

“A delimitación dun Camiño de Santiago é un procedemento longo e complexo, que precisa dunha gran cantidade de recursos técnicos e humanos”, explicou o deputado popular.

 

INCORPORACIÓN DAS CORRECCIÓNS

 

Neste sentido, apuntou que os trazados dos camiños non delimitados están recollidos no Plan Básico Autonómico e as correccións vanse incorporando á delimitación provisional da ruta. A revisión do Plan Básico Autonómico é un procedemento complexo que incorpora toda a lexislación sectorial vixente en todas as perspectivas e, polo tanto, as súas correccións están previstas cunha periodicidade anual.

 

José Luis Ferro afirmou que a delimitación dos Camiños de Santiago “é un paso máis na súa protección e, por conseguinte, na posta en valor das rutas”, e destacou que os traballos de mellora, sinalización e acondicionamento do Camiño de Inverno ascenderon a 3,5 millóns de euros desde o ano 2015.

Comparte: