O Parlamento galego aproba incorporar a violencia dixital como nova forma de violencia de xénero

23
Nov

O Parlamento galego aproba incorporar a violencia dixital como nova forma de violencia de xénero

Santiago, 23 de novembro de 2021.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a modificación, impulsada polo Grupo Popular, da Lei 11/2007 galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que se incorpora a violencia dixital como nova forma de violencia de xénero. “Hoxe damos un paso importante na loita contra a violencia de xénero no ámbito da Comunidade galega, e agardamos que tome nota o Goberno de España e poña en marcha os mecanismos que permitan modificar o Código Penal co fin de perseguir axeitadamente estes delitos que van en aumento”, manifestou a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado.

Na súa intervención, Prado agradeceu “a sensibilidade amosada por todos os grupos parlamentarios e a vontade de consenso manifestada ao longo de toda a tramitación parlamentaria, con debates construtivos e co único fin de protexer ás mulleres da violencia de xénero e, neste caso, da violencia dixital”.

 

“No Grupo Popular aspiramos a que desde este Parlamento sexamos exemplo de unidade contra a violencia de xénero, porque é a mellor campaña que podemos facer de cara a este 25 de novembro é o maior compromiso que podemos asumir: mandar unha mensaxe de unidade de que contra a violencia de xénero ‘tolerancia cero’, e que todos e todas remamos na mesma dirección, sen fisuras ideolóxicas e partidistas”, subliñou.

 

Paula Prado lamentou o incremento que se está a producir dos delitos sexuais a través das novas tecnoloxías, producíndose ademais un aumento dos delitos sexuais contra menores de 16 anos. “Hai unha cuestión que non está regulada na Lei estatal, que é a violencia dixital como delito de violencia de xénero, é urxente e impescindible que o Goberno de España modifique o Código Penal e a Ley estatal de violencia de xénero”, concretou. Neste sentido, lembrou que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero recollía unha proposta de actuación dirixida a perfeccionar a tipificación dos delitos no ámbito dixital. “Pasaron xa catro anos desde a aprobación deste Pacto de Estado e aínda non se ten lexislado neste sentido”, dixo.

 

INCORPORACIÓN DE EMENDAS

 

A viceportavoz popular explicou que “a intención do Grupo Popular con esta proposición de lei era describir unhas condutas delitivas cada vez máis en auxe; sensibilizar á xente máis nova dos perigos destas prácticas; e poñer en marcha políticas públicas e medidas de prevención para evitar que estas se produzan”.

 

Así, afirmou que ao longo da tramitación parlamentaria “incluímos, a través dunha emenda do Grupo Popular, como condutas de violencia de xénero dixital non só as que se exercen a través das novas tecnoloxías, senón todo acto cometido, instigado ou agravado, ademais de que se utilicen como medio para cometer o delito os servizos de xeolocalización”.

 

Tamén se transaccionaron cos grupos da oposición emendas relativas á colaboración que debe impulsar o Goberno galego coas plataformas dixitais para traballar no establecemento de criterios e mecanismos áxiles e urxentes de denuncia e retirada de contidos relacionados coa violencia de xénero dixital. “Por último, coincidimos todas na necesidade de incluír no texto una referencia lexislativa para evitar que nun futuro volva sucedes un acontecemento tan deplorable como o sucedido nas festas da Maruxaina”, rematou.

Comparte: