Pedro Puy afirma que a Comisión sobre financiamento permitirá “ter unha visión de conxunto para atender as demandas específicas de Galicia”

11
Xan

Pedro Puy afirma que a Comisión sobre financiamento permitirá “ter unha visión de conxunto para atender as demandas específicas de Galicia”

Santiago, 10 de xaneiro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que a Comisión de estudo sobre a reforma do financiamento autonómico, que mañá iniciará a súa fase de comparecencias, permitirá “ter unha visión de conxunto dun sistema que ten que atender as demandas de todas as comunidades, tendo en conta as cuestións específicas que lle interesan a Galicia para a prestación dos servizos públicos”.

Pedro Puy lembrou que no novo período de sesións atenderanse todas aquelas cuestións relacionadas coa pandemia sanitaria, que na actualidade ten unha incidencia alta que está a repercutir na atención sanitaria. Porén, salientou que “o curso escolar retomouse sen alteracións” e subliñou que Galicia “vai á cabeza na vacinación e ofrece máis garantías e menos contaxios no eido escolar”.

 

Outro dos asuntos que centrarán a actividade política será o reparto dos fondos Next Generation e a implantación dos PERTEs nos sectores produtivos. Puy dixo que “levamos tempo denunciando o retraso na tramitación dos fondos europeos, que teñen que ser decisivos para o inicio da transformación económica, unha mellor sostibilidade ambiental e a modernización e dixitalización do tecido produtivo”.

 

SERVIZOS PÚBLICOS IGUAIS

 

O portavoz popular lembrou que a Comisión de Estudo sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico iniciará mañá as comparecencias de expertos galegos e de fóra da comunidade autónoma. Puy avogou porque a proposta que saia do Parlamento de Galicia “teña un alto grao de consenso” e sexa unha reforma “que atenda as necesidades das comunidades e teña e conta as peculiaridades de todas elas para prestar os servizos públicos esenciais cun nivel de igualdade básica en toda España”.

 

Así mesmo, Pedro Puy afirmou que o novo modelo de financiamento deberá “ter en conta cuestións específicas que lle interesan a Galicia sobre as que xa houbo consensos no Parlamento galego, como o relativo a unha nivelación da totalidade dos servizos públicos ou a necesidade de precisar o custo da prestación destes servizos públicos en cada territorio”.

 

Por último, Puy afirmou que o Grupo Popular aborda o curso político “con outras cuestións relevantes, como a decisión do Goberno de España de non estender a este exercicio os incentivos fiscais vinculados ao Xacobeo”, unha decisión que cualificou de “sorprendente porque a Igrexa foi xenerosa ampliando os beneficios do Ano Santo pero non se está a ver correspondida polo Goberno central”.

 

Tamén amosou a preocupación pola situación que vive a factoría de Alcoa na Mariña lucense, que, “sendo razoable e comprensible a actitude dos traballadores, non é unha boa noticia para Galicia”; así como polas “sorprendentes declaracións do ministro de Consumo, que afectan directamente aos produtores de carne de Galicia”.

Comparte: