Pedro Puy afirma que Rueda dará “un novo impulso ás políticas de éxito” dos gobernos do PPdeG

09
Mai

Pedro Puy afirma que Rueda dará “un novo impulso ás políticas de éxito” dos gobernos do PPdeG

Santiago, 9 de maio de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que o Pleno de investidura como Presidente da Xunta de Alfonso Rueda, que comeza mañá, permitirá contrastar “o novo impulso ás políticas de éxito” que o Partido Popular de Galicia vén desenvolvendo nos últimos anos á fronte do Goberno galego, “coa receita do nacionalismo do século XIX do BNG, aderezado con novas posturas de índole marxista, e a dependencia e defensa dos socialistas galegos do Goberno de Pedro Sánchez”.

Así mesmo, Puy asegurou que “é difícil atopar alguén que poida entender e posicionar ao Grupo Popular no Senado tendo en conta os intereses de Galicia como Alberto Núñez Feijóo, logo da súa longa experiencia de goberno na Comunidade galega”.

 

Pedro Puy manifestou que con Alfonso Rueda darase “continuidade a unha etapa de éxitos á fronte do Goberno galego, que non foron fáciles xa que sobrelevamos unha crise financeira inmensa e estamos a superar unha pandemia sanitaria”. “Temos un balance bo, sobre todo en termos comparativos co conxunto do país, que foi revalidado polas urnas en reiteradas ocasións”, apuntou.

 

BALANCE POSITIVO

 

En concreto, salientou que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior crecemento do PIB per cápita na última década, cunhas exportacións que marcan récord histórico, con menos paro que cando Feijóo chegou ao Goberno galego e situándose como a quinta comunidade autónoma con menor débeda.

 

En materia educativa, Puy destacou os datos de incremento de matriculados en FP; as taxas universitarias máis baixas de España, logo de 11 anos conxeladas; a redución do abandono escolar ou o incremento do plurilingüismo. Tamén falou de sanidade, onde dixo que se incrementou o orzamento un 26 por cento; cun 17 por cento máis de persoal sanitario; menos tempo de espera para intervencións e consultas; máis centros de saúde; máis e mellores hospitais; e incorporando a mellor innovación.

 

Por último, en políticas sociais, Pedro Puy lembrou que existen máis de 63.500 persoas dependentes atendidas; multiplicáronse por sete os beneficiarios de axuda no fogar; 25.400 prazas en centros de día, residencias e centros de discapacidade; e o impulso das casas do maior. “Todo ilo, conseguindo que a taxa de pobreza estea por baixo da media nacional; e con políticas dirixidas á natalidade, como a tarxeta benvida, deducións fiscais por fillo ou permisos parentais, ademais de 25.000 novas prazas en escolas infantís, todas elas gratuítas a partir do vindeiro curso”, engadiu.

 

FORMA DE SER E ESTILO PROPIO

 

“Alfonso Rueda ten a súa propia forma de ser e o seu estilo, pero estamos convencidos de que teremos e continuaremos gobernando e apoiando desde o Parlamento ao novo Goberno galego para seguir colleitando éxitos”, sinalou o portavoz popular.

 

Respecto dos grupos da oposición, Pedro Puy avanzou que “na medida en que queiran confrontar programas alternativos escoitarémolos”. Neste sentido, apuntou que “o vello son as receitas do nacionalismo do século XIX aderezado con novas posturas de índole marxista do século XX”, procedentes dun “partido nacionalista e soberanista, no ámbito político, e enormemente intervencionista e centralista no económico”. “Estas son ideas do pasado que van ser contrastadas con ideas do presente e o futuro, como construír Europa, optimizar os mercados, e mellorar a eficiencia dos servizos públicos, da solidariedade e das políticas modernas e actuais do Partido Popular”, engadiu.

Sobre o PSdeG, o portavoz popular amosou a súa confianza en que “nos vindeiros meses manteñan a súa man tendida para chegar a acordos e tamén cando se reclama algo para Galicia ao Goberno socialista en Madrid, como o estamos a facer co PERTE da automoción ou a mellora da conexión eléctrica de Vigo”.

BOA NOTICIA

Por último, Pedro Puy referiuse á designación de Alberto Núñez Feijóo e Miguel Tellado como novos senadores en representación autonómica. “Para nós e para toda Galicia é unha boa noticia que unha persoa que coñece tan ben Galicia como Feijóo sexa quen vai tomar as decisións do Grupo Popular no Senado”, e criticou que a oposición trate “de tapar o feito de que temos unha persoa que presidiu a Xunta de Galicia que ten moitas opcións de liderar o Goberno de España e que vai representar a esta comunidade na Cámara Alta”.

“Galicia vai estar magnificamente representada por quen foi o seu presidente durante tantos anos e vai liderar a política do Grupo Popular no Senado de acordo cos principios autonomistas que defendeu en Galicia”, salientou.

Comparte: