O Parlamento demanda que o Goberno central incremente a porcentaxe do PERTE Nova Economía da Lingua para as propostas en galego

13
Mai

O Parlamento demanda que o Goberno central incremente a porcentaxe do PERTE Nova Economía da Lingua para as propostas en galego


Santiago, 13 de maio de 2022.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que achegue unha porcentaxe significativa de investimentos públicos do PERTE Nova Economía da Lingua para o desenvolvemento de propostas que teñan a lingua galega como elemento fundamental no proceso de transformación dixital da sociedade, con especial atención aquelas iniciativas que estean centradas na aplicación da intelixencia artificial, como é o caso do Proxecto Nós e outras que poidan desenvolverse.

A deputada popular Sandra Vázquez explicou que o PERTE Nova Economía da Lingua foi aprobado no Consello de Ministros o pasado mes de marzo e contará cun orzamento de 1.100 millóns de euros de investimento público. Porén, e a pesar de salientar a vontade integradora e plurilingüe deste PERTE, “unicamente destinan arredor de 30 millóns de euros a apoiar proxectos en linguas cooficiais”, lamentou.

RIQUEZA LINGÜÍSTICA DE GALICIA

“Entendemos e creemos que este investimento non é suficiente e consideramos necesario asegurar que se destina unha porcentaxe significativa e axeitada do orzamento deste PERTE á nosa lingua, ao galego”, manifestou.

Sandra Vázquez manifestou que “Galicia dispón da riqueza de contar con dúas linguas cooficiais que lle abre moitas portas ao mundo: o castelán co mundo hispanofalante e o galego co mundo lusófono”. Deste xeito, engadiu que “apostamos por políticas culturais e de dinamización lingüística orientadas a reforzar os niveis de progreso da cidadanía e acadar avances na transformación dixital da sociedade”.

A deputada popular referiuse ao Proxecto NOS, “unha iniciativa de futuro que situará ao galego ao mesmo nivel que as grandes linguas do mundo, ao tempo que garante a presenza do noso idioma en todos os ámbitos, especialmente no mundo dixital”.

En concreto, o Proxecto NOS é unha iniciativa de desenvolvemento das tecnoloxías da linguaxe, destinada a garantir o dereito dos galegos a acceder na lingua propia a recursos como os asistentes de voz, os sistemas de recoñecemento da fala ou os tradutores de alta calidade para que, deste xeito, se poida interactuar no mundo dixital en igualdade cos falantes doutros idiomas.

Comparte: