O PP comprométese a contar coa mocidade na súa lista electoral da Coruña: “É a fórmula para que as súas propostas sexan unha realidade”

05
Ago

O PP comprométese a contar coa mocidade na súa lista electoral da Coruña: “É a fórmula para que as súas propostas sexan unha realidade”

Paula Prado e Miguel Lorenzo reuníronse con membros de Novas Xeracións da cidade

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o presidente local, Miguel Lorenzo, comprometéronse hoxe a contar coa mocidade da Coruña na lista electoral que presentará o PP na cidade de cara ás eleccións municipais. “É a fórmula para que as súas propostas sexan unha realidade”, salientou Prado. 

A secretaria xeral e o presidente local reuníronse este mediodía con membros de Novas Xeracións da urbe herculina. A número dous autonómica constatou así que o Partido Popular “ten futuro” e adiantou que isto se reflectirá en toda Galicia nos vindeiros comicios locais.

 

De feito, Prado sinalou que o compromiso do partido coa mocidade “xa é unha realidade desde o Goberno galego”. Isto demóstrase desde a Xunta, dixo, conxelando as taxas universitarias; co bus interurbano gratuíto ata os 21 anos; coa extensión do Carné Xove; ou coa maior oferta de prazas de campamentos de verán. “Iso todo sumado aos proxectos empresariais para fomentar a creación de emprego e sobre todo o emprego dos máis novos”, engadiu.

 

Pola súa banda, Miguel Lorenzo asegurou ser consciente da “falta de oportunidades” dos máis novos, de que “moitos acaban saíndo da cidade para buscar traballo” e de que tamén hai “un problema grave de vivenda”. “Imos incidir no noso programa en políticas que propicien que os mozos non se atopen ante este problema actual”, incidiu.

 

Así mesmo, o presidente local apuntou un dato de que un de catro parados menores de 25 anos na Unión Europea é español. Por este motivo, considera que “existe un problema ao que hai que darlle solución”. “Non podemos perder o talento nin investir en formación para que despois a xente se vaia da Coruña”, abundou.

 

DESCONEXIÓN DE SÁNCHEZ CON GALICIA E A CORUÑA

Por outra banda, Paula Prado lamentou que esa atención á xuventude non exista non Goberno central, algo que exemplificou no atraso da chegada dos trens Avril á Comunidade. “Sánchez está castigando Galicia e á Coruña. Nós ímoslle pedir que cumpra o seu compromiso, porque non merecemos esa desconexión”, dixo, e ironizou con que “os trens Avril parece que non van chegar nin sequera no mes do seu propio nome, en abril de 2023”.

 

Un dos máis activos con esta petición é precisamente Miguel Lorenzo, a través de iniciativas no Senado. Esta mesma semana, o presidente local foi ratificado como candidato á alcaldía da cidade, polo que Prado augurou “boas novas” o día dos comicios locais: “O 28 de maio de 2023 A Coruña será popular e teremos a Miguel Lorenzo de alcalde”.

 

“A cidade merece un goberno estable e non un goberno como o actual preocupado unicamente polas súas liortas internas. A Coruña merece un goberno serio, comprometido coa cidade e que lle dea estabilidade. Iso pode achegalo o Partido Popular, e Miguel Lorenzo e o seu equipo están absolutamente preparados para iso”, concluíu a secretaria xeral.

Comparte: