Encarna Amigo.
Vaia por diante que son unha defensora da sanidade pública galega, como profesional, como usuaria e como política do PPdeG, a formación na que as galegas e galegos confiaron para exercer a responsabilidade de goberno de Galicia.
Contamos na nosa comunidade cunha sanidade de excelencia, que sempre debéramos poñer en valor. Con todo, tamén é innegable que, especialmente a Atención Primaria, e no conxunto de España, enfróntase a un grave déficit de especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, un problema previsto desde 2018.
Naquel ano, o Goberno de Mariano Rajoy impulsou medidas para paliar a situación, pero tras a chegada do PSOE ao poder, estas quedaron sen aplicar. Desde entón, sucedéronse seis ministros de Sanidade sen tomar medidas efectivas, o que levou a que 13 comunidades autónomas, de diferentes cores políticas, incluída a nosa, Galicia, reclamasen reformas urxentes ao Goberno central, sen éxito.
En resposta á inacción do ministerio, a Xunta de Galicia adoptou medidas propias para mellorar a situación. Unha das máis innovadoras foi a creación dun sistema pioneiro de acceso a prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos, sen oposición, a través da Lei 2/2022. Grazas a esta medida, xa en 2022 se ofertaron 106 prazas, e ata a data cubríronse máis de 350 vacantes, incluíndo postos especialmente sensibles en hospitais comarcais.
Ademais, Galicia aumentou a oferta de prazas en formación MIR en Medicina Familiar e Comunitaria ata 207, máis do dobre das ofertadas polo Goberno bipartito en 2009 (88 prazas). Tamén se melloraron as condicións laborais dos titores MIR, con incentivos como a reserva de tempo na axenda, prioridade formativa e melloras na carreira profesional.
Ao mesmo tempo, o orzamento da sanidade galega tamén experimentou un aumento significativo. O presuposto do Sergas creceu un 45,8% dende 2009, pasando de 3.655 millóns a 5.331,75 millóns en 2025, cun incremento notable nos gastos de persoal (+43%). O número de profesionais sanitarios tamén aumentou en máis de 8.700 persoas desde 2008, chegando aos 45.000 en 2024.
A Xunta impulsou melloras nas condicións laborais dos médicos de atención primaria, como a actualización das retribucións por gardas e prolongacións de xornada, a redución progresiva da xornada anual en 112 horas e a compensación pola cobertura de vacantes. Ademais, nos últimos cinco anos convocáronse nove ofertas de emprego con case 9.000 prazas ofertadas.
En definitiva, Galicia fixo un gran esforzo, dentro das súas competencias, para paliar o déficit de médicos de familia, pero a solución máis efectiva depende da vontade do Goberno central. Por iso, a Xunta segue demandando medidas urxentes que garantan a cobertura de prazas e o fortalecemento da atención primaria en toda España.
A falta de médicos en Atención Primaria é responsabilidade, en gran parte, do Goberno Sánchez, que ignora as demandas das comunidades autónomas. Ante esta realidade, en Galicia, a oposición en lugar de apoiar as reivindicacións da Xunta e apoiar á poboación alíase cunha postura electoralista de ‘canto peor, para eles mellor’ promovendo mobilizacións, tensión e alarma social.
Coincidirán comigo que o que nos fai máis vulnerables é a falta de saúde. Esa é a razón polo que a sanidade debe ser coidada e valorada por todos, sen tentar obter beneficios políticos curtopracistas e demogóxicos á conta do benestar dos cidadáns e sen ter a valentía de reclamar ao Goberno de España que tome en serio a súa responsabilidade na procura de solucións. En defensa da sanidade pública todos deberiamos remar no mesmo sentido.