Carlos Moledo
Nos últimos días, un episodio no Parlamento galego puxo de manifesto unha das eivas do debate político en Galicia. Sempre se dixo que dous non berran se un non quere, e hoxe temos que engadir que dous non razoan se un non pode.
Neste pleno en cuestión, primou a falta de argumentación sólida e o recurso a estratexias que, lonxe de enriquecer o diálogo, buscan desviar a atención. A deputada do PP de Galicia e presidenta de NNXX, Nicole Grueira, defendeu con convicción as medidas da Xunta relativas ao medio rural. A vontade da intervención, máis alá das cores políticas, foi a de mellorar a calidade de vida das xentes do rural, un dos grandes retos do noso tempo.
Así e todo, a réplica a esta intervención por parte do deputado nacionalista Iago Suárez, foi un exercicio de escapismo político. En vez de formular unha crítica construtiva ou propoñer alternativas útiles, optou pola fórmula máis doada: desviar a atención cara á autora do discurso. Preguntouse se Grueira elaborara o seu propio argumento ou se precisara axuda. A insinuación non só era infundada e malvada, senón que revelaba unha actitude paternalista, machista e inmadura, impropia de quen ostenta unha representación de tal tipo. Tampouco esquezamos que estamos a falar do Secretario Xeral da Unión da Mocidade Galega, que quizais inspirado por algún dos pais do seu pensamento político -grandes defensores dos dereitos das mulleres- decidiu iniciar deste xeito tan pouco benevolente a súa intervención e réplica. E todo isto sen plantexar o que pasaría se os papeis fosen os opostos. Menos mal que a oposición en Galicia non son destes que están todo o día gabándose como máximos e mellores defensores dos dereitos mulleres. En fin.
O ton da intervención do deputado nacionalista non fixo máis que agravar a situación. A seguridade coa que expresou o seu comentario, sumada á actitude de complacencia cara a Ana Pontón, evidencia un patrón preocupante: a utilización da súa suposta superioridade moral como ferramenta política. Esa actitude, tan propia do Bloque e do resto da esquerda (véxase a valentía das Xuventudes Socialistas de Galicia, cos seus grandes éxitos de “Rueda e Feijóo. Eles deixáronme morrer”), amosa que, máis alá das formas, segue a prevalecer un fondo que busca deslexitimar aos adversarios políticos en vez de rebatelos con argumentos.
Realmente o que resulta máis rechamante non é só a ausencia dun discurso razoado, senón a naturalidade coa que se lanzan este tipo de comentarios. Facer unha crítica construtiva require traballo, propostas e un esforzo por mellorar as iniciativas existentes. E neste caso, o deputado nacionalista optou polo camiño máis curto, facendo uso dun comentario que pouco ou nada engade ao debate real, do quen tan preocupados din estar.
Galicia merece moito máis. Para pensar.