Pedro Puy.
No barrio madrileño de Lavapiés, non podía ser noutro, abondan as librarías alternativas especializadas en publicacións antisistema. «Anti» o sistema político vixente, quérese dicir. Presidindo a entrada dunha delas, hai colgada unha gran pancarta que chama a deter o xenocidio en Gaza e a boicotear a Israel. Uns centímetros máis abaixo, na xanela superior da porta desa libraría, outro cartel, este de imprenta e ilustrado cunha tirafonda, e probablemente concibido para a defensa das pequenas tendas de libros, proclama «las librerías contra Goliat». Quen, como é sabido, era un xigantesco guerreiro filisteo, pobo asentado no que actualmente coñecemos como Gaza e que de acordo co relato bíblico declarara a guerra a Israel, e que foi abatido dunha pedrada por un rapaz chamado David, da tribo de Xudá. Un paradoxo acaído, valga o oxímoro.
Sen abandonar a Biblia, dúas personaxes xudías (non se ten certeza de se son o patriarca Abraham e o seu fillo Isaac, ou os profetas Ezequiel e Xeremías) volven á casa. Non eles, senón as súas dúas efixies, talladas en pedra no taller do Mestre Mateo. Segunda reincorporación ao público, de onde nunca deberon saír, de bens apropiados pola familia Franco tras o éxito do pazo de Meirás (con outra ampliación recente polo Tribunal Supremo a respecto dos bens artísticos e documentais sitos nel). Que se saiba, as únicas dúas actuacións exitosas en democracia contra o patrimonio acumulado ilegalmente polo ditador en vida.
Conflúen, en ambas as dúas ocasións, algúns elementos comúns. O primeiro é que ambos procedementos foron levados adiante sobre a base dun amplísimo consenso político baseado nunha previa e rigorosa análise histórica e documental, coa colaboración de varias Administracións de distinta cor política, incluído ese PP que algúns aínda cualifican como herdeiro do franquismo. O segundo é que se seguiron os trámites previstos na lexislación vixente, e a través de procedementos xudiciais. É dicir, desa Xustiza que algúns consideran herdeira do franquismo e practicante do lawfare. Hai aínda outro paradoxo acaído. Unha das chaves para o éxito das demandas que permitiron recuperar o pazo e as esculturas é precisamente que o patrimonio público (os bens demaniais) é inalienable (non se pode vender, salvo por procedementos moi específicos) e imprescritible (non se poden adquirir, tampouco, polo seu uso continuado no tempo, ou usucapión). A inalienabilidade e imprescritibilidade dos bens demaniais foi introducida no dereito administrativo español moderno en 1964, na franquista lei de Patrimonio do Estado.
Queda un último paradoxo por salientar, espero que tamén acaído. Os carteis, as okupacións e as carpideiras («que veñan a toda présa e entoen un pranto por nós, que os nosos ollos se desfagan coas bágoas, que as nosas pálpebras chorreen auga», Xeremías, 9:17) liberan ou activan conciencias. Pero o realmente efectivo neste Estado de dereito no que vivimos, sexa contra Goliat ou contra os abusos na Ditadura, é a fundamentación histórica e científica, o imperio da lei e o consenso. Desde Gaza a Compostela, pasando por Lavapiés, para os grandes retos non hai tirafondas mellor.