Pedro Puy
A procura na web do termo inglés crisis of democracy arroxa máis de 140 millóns de entradas. Só nos últimos dous anos, reproducen literalmente ese título máis de cincoenta libros e un millar de traballos de investigación. O buscador salienta o grao de atención á crise da democracia por comparación con «solucionar a desigualdade», que ten só 5 millóns de resultados. Se cinguimos a procura á expresión «regresión da democracia» (democratic backsliding) aparecen algo máis de dous millóns de referencias en total.
Unha regresión é, literalmente, unha «evolución que constitúe un retroceso». Un termo coñecido no ámbito sicolóxico, onde fai referencia ou a un tipo de comportamento ou a unha técnica terapeútica. Como comportamento, a regresión é un mecanismo de defensa diante de situacións de medo, de inseguridade ou de alto estrés, e consiste en voltar ao pasado e reproducir conductas, no caso dos adultos, mesmo infantís. Pensar na crise da democracia como un proceso de regresión pode resultar útil para comprender algúns comportamentos dos actores políticos e institucionais. Moi graficamente no caso do gran protagonista da situación internacional actual, que cando sae a escena semella empeñado en parecerse cada vez máis ao dancing baby da abogada Ally McBeal.
Pero se escoitamos ao presidente do Goberno falar da alianza trasatlántica, ou vemos como se ausenta da reunión na que a maioría dos países occidentais falan de abrir o estreito de Ormuz, ¿estamos presenciando unha regresión dos socialistas cincoenta anos atrás cando Fernando Morán plantexaba, no seu libro Una política exterior para España: una alternativa socialista (1980), unha equidistancia entre os bloques occidental e comunista próxima a dos países non aliñados en plena Guerra Fría? E cando observamos ás múltiples formacións á esquerda do PSOE intentar coligarse para concurrir ás eleccións mobilizadas polo «Non á guerra», ¿non semella que estamos diante dunha regresión ao momento fundacional daquela Izquierda Unida constituída en 1986 tras o referéndo da OTAN (o que levou á sustitución de Morán por Fernández Ordóñez), baixo o lema «OTAN non, bases fora»?
Sen recorrer ao concepto de regresión, ¿cómo interpretar que os deputados máis novos do BNG diante de calquera problema o expliquen co argumento de que Galicia é unha «colonia»?, ¿ou que o BNG se embarque nun proceso de actualización reivindicativa dunhas bases constitucionais elaboradas en 1977, cinco anos antes da propia fundación do BNG?
Aínda que para regresións fondas, as da extrema dereita, con deputados que defenden no Congreso que «la etapa posterior a la Guerra Civil no fue una etapa oscura… sino una etapa de reconstrucción, de progreso y de reconciliación». Unha extrema dereita refuxio (irracional) do medo ao cambio, e que en toda Europa condiciona en maior ou menor grao o discurso da dereita democrática e liberal. Outra regresión.
A diferenza das crises, que son pasaxeiras e levan en si mesmas o xerme da súa saída, parece que as regresións requiren terapia. E non precisamente unha terapia de regresión. Semella que as axeitadas son máis de traballar a madurez emocional. Psicoloxía, oficio con futuro.