Paula Prado acusa a Pedro Sánchez de volver “tomarlle o pelo aos galegos” coas axudas para vivenda prometidas hai 9 meses e desbotando a eliminación das peaxes na AP-9 e AP-53

El puente de Rande de la Autopista del Atlántico
  • A secretaria xeral do PPdeG sinala que “pouco beneficio trae a Galicia, máis alá de embarrar a campaña”
  • Recorda que as axudas para vivenda foron unha das promesas do PSOE nas eleccións municipais e que a día de hoxe aínda non son unha realidade
  • A número dous dos populares galegos cree que a negativa a rebaixar as peaxes das autoestradas estatais non se produciría no caso de Cataluña ou o País Vasco: “Se dependese dos votos de Galicia, estas peaxes xa non existirían”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, critica que Pedro Sánchez “volvera esta fin de semana a Galicia para volver tomarlle o pelo unha vez máis aos galegos” anunciando unhas axudas para a compra de vivenda que xa prometera hai nove meses e desbotando a promesa do seu propio candidato de eliminar as peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53.

A número dous dos populares galegos explica que as axudas para a compra de vivenda xa foran un dos anuncios de Pedro Sánchez na campaña das eleccións municipais e “a día de hoxe non foi capaz de poñelas en marcha”. O cal contrasta co feito de que “os galegos xa gozamos destas axudas para mercar vivenda grazas á eficacia dos gobernos do PPdeG”, que supuxeron un investimento de máis de 700 millóns de euros e beneficiaron a preto de 140.000 familias galegas.

A TRANSFERENCIA DA AP-9, FÓRA DA DOUTRINA SOCIALISTA

“Pouco beneficio trae Sánchez a Galicia, máis alá de embarrar a campaña”, lamenta a secretaria xeral do PPdeG poñendo como exemplo claro as peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53. Neste sentido, lembrou que estas peaxes subiron un 6% o pasado 1 de xaneiro: “Comprobámolo os usuarios cada vez que pasamos pola cabina, pagando polo uso das autoestradas máis caras de España”.

Recordou ademais que os socialistas galegos teñen anunciado a eliminación das peaxes na AP-9 e na AP-53, “pero o propio Pedro Sánchez, nunha entrevista nun xornal galego, bota abaixo esta promesa e incluso fuxe de falar dela”. Unha actitude que, segundo Paula Prado, sería moi diferente se se tratara de autoestradas en Cataluña ou no País Vasco: “Se dependese dos votos de Galicia, estas peaxes xa non existirían”.

Para rematar, Paula Prado lamenta que a transferencia a Galicia da AP-9 “xa non figure na doutrina socialista” e critica ao PSOE que “voten unha cousa no Parlamento galego para despois torpedeala todo o que poden no Congreso co obxectivo de que non chegue ao seu fin”.