Alfonso Rueda reivindica que a prioridade do seu programa é axudar ás familias mentres que a do nacionalismo é a independencia de Galicia

Hoxe, nun mitin no Barco de Valdeorras ao que asistiron 600 persoas e no que tamén participaron o presidente do PP de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, o líder provincial do PP de Ourense, Luis Menor, o candidato pola provincia Xosé Manuel Merelles e a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Mª Carmen González

  • Defínese con orgullo como un “político xestor” fronte a aqueles que “consideran absurdo e unha perda de tempo dedicarse a administrar ben os cartos da xente para facer cousas”
  • “A miña principal motivación para querer seguir sendo presidente de Galicia non é impoñer a miña ideoloxía, nin adoutrinar, nin derrotar a ninguén. A miña primeira e única motivación é servir a Galicia e que sigamos mellorando”, asegura
  • Chama ao voto “para que a Galicia orgullosa de si mesma poida seguir estándoo, para que a Galicia aberta siga sento unha terra amable para os que veñen e para que Galicia próspera siga aproveitando todas as súas posibilidades para seguir crecendo”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe que o seu partido é o que apoia ás familias como nos países máis avanzados de Europa fronte a un nacionalismo que só busca dividir: “A prioridade do noso programa é axudar ás familias. A do nacionalismo, a independencia”.

Asegurou neste sentido que o seu programa é “o mellor” porque “toma como base o que xa está feito e pensando no que podemos facer para seguir avanzando e progresando”. Por iso pediu o voto sacando peito de todo o conseguido “porque se conseguiu cos cartos de todos e cun Goberno que se dedicou a xestionar tomándose moi en serio cada euro dos galegos”.

De feito, reivindicouse con orgullo como un “político xestor” fronte a aqueles que “consideran absurdo e unha perda de tempo dedicarse a administrar ben os cartos da xente para facer cousas”. E acto seguido explicou a diferenza entre os políticos que cumpren co que prometen e aqueles que só fan promesas. Algo para o que tomou de exemplo o acontecido nos incendios que afectaron á comarca de Valdeorras hai dous anos.

“Pedro Sánchez veu de mala gana e a prometer axudas para os damnificados. Sen embargo, mentres que as axudas do Goberno galego estaban convocadas á seguinte semana e comezaron a pagarse tres meses despois, as que prometeu Sánchez seguen sen pagarse dous anos despois”, recordou para poñer en evidencia a diferenza entre “a política boa e a política mala”.

Rueda apuntou que os bos datos de emprego, endebedamento, exportacións, educación, axudas aos maiores e apoio ás familias avalan a xestión feita nestes anos, pero mostrouse inconformista e por iso aspira a que “Galicia siga funcionando e superándose a si mesma” a partir do 18 de febreiro.

“A miña principal motivación para querer seguir sendo presidente de Galicia non é impoñer a miña ideoloxía, nin adoutrinar, nin derrotar a ninguén. A miña primeira e única motivación é servir a Galicia e que sigamos mellorando”, asegurou ao tempo que trasladaba o seu desexo de ser “un presidente de todos e a favor de todos”.

A UNIÓN POR RIBA DA DIFERENZA

Aproveitando a presenza no acto do presidente do PP de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, o líder dos populares galegos apelou a todo o que une a ambas comunidades e, de feito, considera que “hai máis puntos de unión que de diferenza”.

“Con nós non vai esa manía que ten o nacionalismo de levantar muros, crear diferenzas e buscar a crispación e o enfrontamento. Non vai con nós porque nos somos como á xente e non pretendemos impoñer á xente como ten que ser”, afirmou antes de recordar a “discriminación” que comparten tamén ambas comunidades por parte do Goberno central no que respecta a un viaduto da A-6 en Pedrafita que se está reconstruíndo “a paso de tartaruga”.

O presidente tamén fixo referencia ás enquisas electorais que se están publicando estes días e recoñeceu que prefire aquelas que dan malos resultados “porque nos obrigan a traballar, a estar motivados e a ser conscientes en todo momento de que nos xogamos seguir desfrutando de estabilidade ou comezar a dar pasos atrás”.

Por iso concluíu facendo un chamamento ao voto “para que a Galicia orgullosa de si mesma poida seguir estándoo, para que a Galicia aberta siga sento unha terra amable para os que veñen e para que Galicia próspera siga aproveitando todas as súas posibilidades para seguir crecendo”.

LUIS MENOR: “VALDEORRAS É MERECENTE DE MAIOR ATENCIÓN”

Pola súa banda, Luis Menor lembrou que, á súa chegada á presidencia da Deputación de Ourense, comprometeuse a canalizar a voz dunha comarca como Valdeorras, afastada xeograficamente, pero que nunca ía estar afastada da xestión da institución provincial.

“Somos plenamente conscientes de que Valdeorras é merecente de maior atención pola súa distancia, pero tamén polo peso económico das súas producións senlleiras e polo seu potencial como recurso turístico e natural e tamén polas súas deficientes comunicacións, que de seguro lastran aínda máis o seu desenvolvemento”, afirmou o líder provincial do PP.

Por iso, subliñou, este é o momento de fixar como prioridade loitar con máis intensidade se cabe por unhas comunicacións propias do século XXI e seguir reclamando con forza as infraestruturas esquecidas polo Goberno central, “porque para Sánchez, Valdeorras é un territorio sen interese salvo para sacarse fotos e prometer axudas polos incendios que nunca chegaron”