Alfonso Rueda aposta polo avance de Santiago co investimento de máis de 70 M€ no CHUS e a creación dun Centro Integrado de FP no eido sanitario

Hoxe, nun almorzo informativo coa sociedade compostelá no que foi presentado polo candidato pola provincia da Coruña Borja Verea

  • Comprométese a seguir mellorando as infraestruturas e os equipamentos da cidade e, nesa liña, ofrece a súa colaboración para a posta en marcha dunha piscina olímpica en Santa Marta e a reforma integral do Salón Teatro
  • “Santiago é marca Galicia e todo o que veña a Santiago ten repercusión en toda a Comunidade”, sostén ao tempo que reivindica un “turismo amable e acolledor” co horizonte posto xa no Xacobeo 2027

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, manifestou hoxe o seu compromiso co avance e o progreso de Santiago de Compostela no eido socio-sanitario destacando un investimento de máis de 70 millóns de euros no CHUS e a súa proposta de poñer en marcha un Centro Integrado de FP de ciencias da saúde en Conxo.

O líder dos populares galegos explicou esta mañá nun almorzo informativo coa sociedade compostelá a súa intención de crear un “polo de ciencias da saúde” na USC para integrar as ensinanzas de Medicina, Farmacia e Enfermería.

Do mesmo xeito, e dentro da súa aposta por seguir potenciando a Formación Profesional, anunciou a creación dun Centro Integrado de FP en Conxo con 2.000 prazas para mellorar a oferta educativa vinculada ao campo sanitario e ás necesidades profesionais neste ámbito.

Rueda remarcou o seu compromiso por seguir mellorando as infraestruturas e os equipamentos da cidade e, nesa liña, ofrece a súa colaboración para a posta en marcha dunha piscina olímpica en Santa Marta e a reforma integral do Salón Teatro. Na mesma liña que outros proxectos que xa son unha realidade como o Centro de servizos innovadores para empresas biotecnolóxicas no parque empresarial da Sionlla ou o Centro de Supercomputación de Galicia.

No eido das infraestruturas, o líder dos populares galegas incidiu na importancia de garantir a conectividade de Santiago e lamentou a falta de compromiso do Goberno central en dúas cuestións que considera fundamentais para avanzar neste eido: a chegada da Alta Velocidade á capital galega, a mellora dos servizos ferroviarios e a conxelación das peaxes da AP-9 e da autoestrada a Ourense “como xa fai o Goberno galego nos tramos e vías que son da súa competencia”.

Puxo en valor, en cambio, a nova senda peonil e ciclista que se porá en marcha entre O Milladoiro e a nova estación intermodal, que se completará ademais cunha conexión ao CHUS e ao novo complexo administrativo de San Caetano. “Trece quilómetros que suporán un investimento de 12 millóns de euros pero que valen a pena”, sinalou.

Recordou así mesmo o recente inicio das obras do centro de protonterapia en Compostela, o primeiro de España, que contribúe a consolidar a cidade como “capital sanitaria” e volveu insistir no seu compromiso de poñer en marcha o aparcamento do CHUS.

NOVO ANO SANTO EN 2027 NO HORIZONTE

Nun lugar turisticamente referente, Alfonso Rueda quere que o número de visitantes a Galicia e á súa capital non teña freo e que desde o sector e as Administracións se siga ofrecendo “un destino amable e acolledor” fronte aos discursos de “turismofobia” que promoven algúns.

E xa co horizonte no Xacobeo 2027, o líder dos populares galegos insiste na necesidade dunha maior implicación do Goberno central neste acontecemento e avogou abertamente por vantaxes fiscais para favorecer os patrocinios. “Santiago é marca Galicia e todo o que veña a Santiago ten repercusión en toda a Comunidade”, concluíu neste sentido