Hoxe, nunha visita a unha explotación gandeira en Friol acompañado polo candidato pola provincia de Ourense José González, o candidato pola provincia de Lugo Enrique Barreiro e o alcalde José Ángel Santos
- Anuncia que impulsará a conectividade nas zonas rurais proporcionando servizos alternativos de conexión a Internet cando non sexa posible contar cunha conexión estable e de calidade
- “É a nosa responsabilidade que o rural galego siga sendo atractivo e rendible. Porque fixar negocios no rural é tamén fixar poboación e permitir, polo tanto, que se poida vivir do rural e no rural”, subliña
O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que impulsará a conectividade nas zonas rurais proporcionando servizos alternativos de conexión a Internet cando non sexa posible contar cunha conexión estable e de calidade.
Sendo consciente de que o traballo nas explotacións agrarias e gandeiras require cada vez máis dunha boas conexións, o líder dos populares galegos aposta así por seguir impulsando medidas para garantir no rural todos os servizos básicos que se poden desfrutar no resto de Galicia.
Puxo así en valor iniciativas pioneiras na nosa Comunidade como as Casas Niño ou a recentemente anunciada axuda para sufragar desde o Goberno galego o 100% dos gastos de adaptación das televisións das vivendas en zonas de sombra polo apagón da TDT SD fixado para hoxe. Deste xeito, a Administración autonómica asumirá o custo do novo receptor necesario e garantirá que “todo o mundo teña garantido o dereito fundamental de acceso á información”.
“É a nosa responsabilidade que o rural galego siga sendo algo atractivo e rendible economicamente. Porque fixar negocios no rural é tamén fixar poboación e permitir, polo tanto, que se poida vivir do rural e no rural”, subliñou Rueda ao tempo que vinculaba o futuro de Galicia ao futuro do seu rural e avogaba por seguir mellorando as infraestruturas e continuar axudando tanto a particulares como aos pequenos concellos.
Durante a súa visita á Gandería SAT Os Carrís, ubicada na parroquia de Nodar (Friol), acompañado por máis de medio cento de gandeiros do municipio, o presidente e candidato do PPdeG quixo poñer de manifesto a mellora experimentada por este tipo de explotacións en Galicia.
Falou así das permutas de terra para facilitar a dispoñibilidade e rendibilidade dos terreos ou a introdución de nova maquinaria “para modernizar as explotacións, facilitar o traballo, obter maior rendibilidade e facer máis atractivo este traballo”.
A proba deste éxito está, para Alfonso Rueda, na remuda xeracional que se está dando nas explotacións agrarias galegas coa incorporación de xente nova que “ve que vale a pena e aprecia moito marxe de mellora en cuestións como a innovación ou a tecnoloxía”.
Destacou así mesmo que Galicia é líder do sector leiteiro español (producimos ao redor do 42% do leite a nivel nacional) e que somos a autonomía que más creceu en produción de leite nos últimos cinco anos.
O presidente e candidato do PPdeG concluíu manifestando o total apoio do seu partido ás reivindicacións que está facendo o sector primario en Galicia e en toda España “para trasladar a Europa a mensaxe de que a competitividade das explotacións pasa tamén por unha normativa que teña en conta que, sen discutir obxectivos medioambientais, hai que vivir sobre o territorio e todo se pode compatibilizar”.