Rueda asegura que se presenta ás eleccións porque quere unha Galicia aínda mellor para as familias e para a mocidade: “Votemos polo que funciona”

Hoxe, nun mitin en Ribeira acompañado pola candidata pola provincia da Coruña Fabiola García e a portavoz do PP local, Mariola Sampedro

Rueda asegura que se presenta ás eleccións porque quere unha Galicia aínda mellor para as familias e para a mocidade: “Votemos polo que funciona”

  • Reivindica que a razón de ser do PPdeG non son nin a ideoloxía nin o propio partido: “A nosa razón de ser é Galicia”
  • Asegura que o 18 de febreiro os galegos tamén teñen a oportunidade de buscar alivio nos seus políticos e contribuír a arranxar todo o que o egoísmo e os partidismos avariaron

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe que, fronte a un multipartito de esquerdas que vai en contra dos intereses dos galegos e galegas, a razón de ser do seu partido non son nin a ideoloxía nin o propio partido: “A nosa razón de ser é Galicia”.

No mitin celebrado esta tarde en Ribeira, o líder dos populares galegos apelou á unidade dun pobo unido que teña á súa disposición un Goberno dedicado a nada máis que a gobernar. Algo que, na súa opinión, debería ser o normal pero nestes tempos se converteu en algo excepcional.

 

Neste sentido, lamentou que no conxunto de España a cidadanía teña que mirar con preocupación a unha política que se ten convertido nun tumulto constante do que quere librar a Galicia. Por iso, asegurou, o 18 de febreiro os galegos tamén teñen a oportunidade de buscar alivio nos seus políticos e contribuír a arranxar todo o que o egoísmo e os partidismos avariaron.

Pediu así o voto para que Galicia conserve todo o que funciona desde a serenidade, a sensatez e a eficacia.  E, apelando ao orgullo do que os galegos acadamos xuntos ao longo destes anos, asegurou que se presenta ás eleccións porque quere máis e mellor para Galicia.

Unha Galicia aínda mellor para as familias, para a mocidade e para todos os que día a día recorren a unha sanidade pública que ofrece prestacións únicas en España e que necesita que Pedro Sánchez lle permita contar con todos os médicos que o Goberno galego quere contratar.

“Votemos polo que funciona”, concluíu pedindo a súa confianza a todos os asistentes ao acto e garantíndolles que responderá co valor da palabra dada a toda a confianza que os galegos depositen nel o próximo domingo.