O titular da Xunta, acompañado por membros do Goberno galego, presidiu a sinatura do convenio entre o Executivo autonómico e as Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020
Feijóo di que o Plan de Financiamento Universitario permitirá acadar unha universidade máis especializada, máis internacional e á cabeza dos novos desafíos científico-tecnolóxicos
- Afirma que o novo Plan de Financiamento supón un compromiso explícito coa educación pública, coa modernización do ensino superior, e coa función que desempeña a Universidade como catalizador do tecido produtivo dun país
- Sinala que foi grazas a ter anteposto os intereses xerais fronte a vontades particulares como se lograron o pasado ano fitos históricos para a universidade galega, como o primeiro acordo sobre docencia clínica no grao de Medicina; a conxelación das taxas un ano máis e este novo Plan de Financiamento
- Destaca que o Plan mobiliza un 18% máis de fondos que o anterior, chegando a preto de 2.480 millóns en total, polo que a Xunta garante a estabilidade e a suficiencia financeira das tres universidades e establece un novo reparto; máis simple e transparente porque se eliminan so chamados ‘criterios históricos’
- Asegura que hoxe remata un proceso de varios meses de negociacións entre a Xunta e as tres universidades para acadar un plan de financiamento ambicioso, xa que nunca antes mobilizara tantos fondos para o Sistema Universitario Galego nin recibira a aprobación unánime da Comunidade Universitaria
Santiago, 7 de xaneiro de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que o novo Plan de Financiamento Universitario 2016-2020 permitirá acadar unha universidade máis especializada, máis internacional e á cabeza dos novos desafíos científico-tecnolóxicos.
Así o expresaba o titular da Xunta na sinatura do convenio entre o Goberno galego e as Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020, onde tamén estiveron presentes o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, así como o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.
Alí, Feijóo aproveitou para agradecer ao reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, ao da de Vigo, Salustiano Mato, ao reitor en funcións da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e ao seu sucesor no cargo, Julio Abalde, a súa visión de conxunto e a súa altura de miras. Como sinalou, o novo Plan de Financiamento supón un compromiso explícito coa educación pública, coa modernización do ensino superior, e coa función que desempeña a Universidade como catalizador do tecido produtivo dun país.
Os fitos históricos para a universidade galega acadados en 2015
O presidente da Xunta sinalou que o sistema universitario conta con tres universidades e con sete campus docentes, pero quere proxectarse no espazo europeo e no resto do mundo como un campus global, especializado en diversas áreas e á vangarda da investigación. De feito, apuntou que foi grazas a esa unidade e antepoñendo os intereses xerais fronte a vontades particulares, como se lograron o pasado ano fitos históricos para a universidade galega.
Así, lembrou que se acadou o primeiro acordo sobre docencia clínica no grao de Medicina, que implica ás tres universidades nun obxectivo común, que é dar valor aos recursos humanos e ao sistema hospitalario do Sergas na docencia clínica.
Do mesmo xeito, e por cuarto ano consecutivo, volveron conxelarse os prezos públicos das matrículas, convertendo unha vez máis a universidade galega na máis accesible de todo o Estado.
E, ademais, como destacou, xestáronse os tres convenios que hoxe se asinan coas universidades galegas a través dos que cada unha delas se suma ao novo Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 elaborado pola Xunta.
As características do Plan de Financiamento
Segundo Feijóo, o Plan mobiliza máis fondos, polo que a Xunta garante a estabilidade e a suficiencia financeira das tres universidades e establece un novo reparto deses fondos; máis simple e transparente porque se eliminan os chamados ‘criterios históricos’.
Así mesmo, prioriza a eficiencia na xestión, en liña cos principios que xa foron aplicados na Administración xeral, e incrementa o peso do financiamento segundo resultados, tanto docentes, como de investigación ou pola transferencia de coñecemento, co obxectivo de que en 2020 o 40% dos fondos se repartan en función destes criterios.
Ademais, como resaltou o titular do Goberno galego, o novo Plan conta con máis fondos porque estará dotado con preto de 2.480 millóns de euros para os vindeiros cinco anos, o que supón un 18% máis que co plan anterior. Este incremento de fondos notarase xa neste ano que acaba de comezar porque as universidades recibirán máis de 392 millóns de euros, o que significa un aumento do 4,8% con respecto ao que recibiron en 2015.
Trátase, como sinalou Feijóo, dunha suba, este 4,8%, que é superior ao crecemento que rexistran para este 2016 os Orzamentos da Xunta, que é do 4,3%, polo que queda demostrado o esforzo investidor do Goberno galego na universidade pública.
Por outra banda, no tocante ao reparto de fondos, outra das novidades que introduce este plan é que diferenza dous tipos de financiamento: o financiamento estrutural, que é o que garante a suficiencia do sistema e no que inflúe a distribución do alumnado e dos créditos matriculados en cada universidade; e o financiamento por resultados, que ten como obxectivo que en 2020 o traballo docente e investigador acapare o 40% dos fondos.
Para iso, potenciarase o fomento da I+D+i cun investimento de 50 millóns de euros en 2016 para seguir impulsando as axudas de captación, formación e retención de talento, e a investigación de referencia.
Do mesmo xeito, establécese un panel de 12 indicadores relacionados coa investigación, a transferencia de coñecemento e a docencia, que servirán para medir o reparto doutros 55 millóns de euros que se destinarán a esta partida en 2016.
Xunto con isto, o novo plan contempla, tamén, diversas accións para potenciar a cooperación interuniversitaria, para fomentar a impartición de graos en inglés ou para impulsar a especialización dos campus periféricos (como é o caso do Campus da Auga de Ourense, o Campus Terra de Lugo ou o Campus Industrial de Ferrol).
Como concluíu o presidente, logo da súa aprobación unánime polo Consello Galego de Universidades, e despois do visto e prace por parte do Consello da Xunta, hoxe remata un proceso de varios meses de negociacións entre a Xunta e as tres universidades para acadar un plan de financiamento ambicioso, xa que nunca antes mobilizara tantos fondos para o Sistema Universitario Galego nin recibira a aprobación unánime da Comunidade Universitaria.