Feijoo felicita aos alumnos con premio extraordinario

Alberto Núñez Feijóo felicitou hoxe aos alumnos con premio extraordinario e aos mestres e todo o sistema educativo galego por acadar a menor taxa de abandono escolar.
Durante o acto de entrega de diplomas dos Premios do Concurso Hispanoamericano de Ortografía e Premios Extraordinarios de Bacharelato, Formación Profesional de Grao Superior e Ensinanzas Artísticas Profesionais de Música, Danza e Artes Plásticas, Feijóo afirmou que a Galicia que queremos é a Galicia das oportunidades, “e as oportunidades –aseverou- están no coñecemento”.
Logo de felicitar aos premiados polo esforzo e a valía, o titular do Goberno galego animounos a continuar ese camiño e quixo facer extensiva esta felicitación, tamén, a todos os mestres que, xunto con todo o sistema educativo público, están a acadar resultados extraordinarios para Galicia.
Sobre este aspecto, Feijóo referiuse aos datos que acreditan unha constante diminución da taxa de abandono escolar temperá no sistema educativo galego, situándose a media do ano 2015 no 17%, case 9 puntos menos ca media de 2009. “Estamos –dixo- na taxa de abandono escolar temperá máis baixa desde que temos estatística”.
Máis polo miúdo subliñou que o dato do último trimestre de 2015 é de 15,7%, “achegándonos así ao obxectivo da Estratexia Educación e Formación 2020 da Unión Europea, do 15%”.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención lembrando que a pesar da recesión económica durante estes anos creáronse máis de 13.000 novas prazas de Formación Profesional, un 50% máis.

O GPP pide ao Goberno un programa de mellora progresiva das estradas lucenses

Santiago, 2 de febreiro de 2016.- O deputado do Grupo Popular Ángel Camino vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se insta ao Goberno galego a poñer en marcha un programa de actuacións progresivas para a mellora das estradas lucenses.
Máis en concreto, o deputado popular empraza á Xunta a acometer as obras necesarias para o reforzo dos firmes de todas aquelas estradas pertencentes ás redes primaria e tamén secundaria de titularidade autonómica.
1.500 QUILÓMETROS DE ESTRADAS AUTONÓMICAS
Camino lembra que a Xunta de Galicia é titular de aproximadamente 1.500 quilómetros na provincia lucense desde que se completou a transferencia destes viarios en aplicación do Decreto  Decreto 3317/1982.
O deputado popular recoñece o compromiso notorio que durante estes case 35 anos fixo o Goberno galego para levar adiante melloras no firme e na capa de rodadura de moitas destas estradas, ao tempo que subliña as obras impulsadas durante este período que implicaron sensibles modificacións no trazado doutras. “Non obstante cómpre seguir traballando para estender estas melloras ao resto da rede autonómica de estradas”, sinala.
ESFORZO ORZAMENTARIO
A través desta iniciativa parlamentaria, o Grupo Popular solicita que se faga un novo esforzo orzamentario que permita atallar o deterioro destas estradas lucenses e, consecuentemente, a fortaleza, seguridade viaria e a comodidade dos usuarios. 
“Isto, aínda tendo contrastado a certeza, como xa se dixo, do esforzo feito pola administración autonómica para resolver o problema do que hoxe tratamos, e sendo para nós tamén notoria a preocupación da Axencia Galega de Infraestruturas por atender esta cuestión”, conclúe Camino.