Feijóo avanza unha achega de 22M€ en 2016 para impulsar a concentración parcelaria

Santiago, 3 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 22 millóns de euros en 2016, o maior investimento nos últimos sete anos, para impulsar a concentración parcelaria. “Seguimos avanzando e, aproveitando a mellora da situación económica, hoxe aprobamos que en 2016 se faga o maior investimento dos últimos sete anos para impulsar a concentración parcelaria: 22 millóns de euros. Multiplicamos por tres o investimento dedicado a concentración parcelaria e pasamos dunha media de oito millóns anuais a 22 millóns en 2016”, dixo.

Nun primeiro termo, Feijóo asegurou que con este investimento remataranse as 137 zonas activas e empezarase a traballar nas zonas prioritarias agro-grandeiras. “E os criterios de priorización –precisou- son as zonas con importancia hortícola, vinícola e forestal”.

Así mesmo, explicou que as 137 zonas supón actuar en preto de 120.000 hectáreas, en case un millón de parcelas e beneficiar a 100.000 propietarios.

Logo de precisar que dentro de catro anos estarán finalizadas administrativamente practicamente todas as concentracións parcelarias que se iniciaron en Galicia, o mandatario salientou que a orde de prioridade para decidir as actuacións será a seguinte: aquelas que favorezan o final de procesos de reestruturación parcelaria que estaban a piques da súa finalización definitiva; as que propicien o avance dos procesos de reestruturación que teñan unha incidencia económica importante; e os traballos previos ao decreto de utilidade pública de novas zonas de reestruturación parcelaria.

Feijóo lembrou que o proceso de concentración e ordenación da estrutura agrícola ten cinco obxectivos principais: “Mellorar a rendibilidade da actividade produtiva; facilitar que os predios abandonados ou que non formen parte de explotacións poidan mobilizarse para uso agrario; minimizar os efectos que poidan ter as grandes obras públicas ou explotacións de coutos mineiros; potenciar a conservación das zonas de maior interese ambiental; e reducir as emisións que se derivan dos longos desprazamentos polas explotacións dispersas”.

Feijóo anuncia licitación da xestión do Centro de Tratamento de Residuos Industriais

Santiago, 3 de marzo de 2016.- O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación da licitación da xestión do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia, que ata agora xestionaba Sogarisa, cun contrato que vence este ano e que agora se saca a concurso público entre todos os operadores de residuos que queiran participar.
Como destacou Feijóo, co novo contrato, a Xunta seguirá a ser titular da instalación, terá o poder xeral de ordenación das normas de uso e conservación e tamén exercerá as facultades de supervisión, impulso e control da mesma.
Sobre a nova adxudicación, o presidente do Goberno galego aclarou que non xerará ningún gasto para a Xunta, xa que a retribución do adxudicatario consistirá no importe recadado pola prestación de servizos. É máis, suporalle ingresos, xa que a adxudicataria deberá abonar ao Goberno galego un canon anticipado de 3,5 millóns de euros, outro canon anual fixo de 45.000 euros e outro variable segundo os beneficios.
Ademais, destinarase o 5 por cento da facturación bruta anual das actividades de tratamento de residuos a dotar un Fondo Local para o Concello das Somozas, onde se sitúa a instalación.
Segundo matizou Feijóo, á hora de adxudicar o contrato, a Xunta terá en conta das ofertas presentadas a viabilidade do plan de explotación. Así mesmo, valorará o Plan de investimentos que acheguen, dando maior puntuación ás que susciten un maior volume de investimento e priorizaranse aqueles plans que propoñan a ampliación da infraestrutura para mellorar e optimizar o tratamento de residuos.
A estratexia do Goberno galego en materia de residuos, como sinalou Feijóo, persegue a implantación dun novo modelo máis sostible, facendo especial fincapé na prevención e na valorización.
En definitiva, este contrato por 20 anos ten un valor estimado de 230 millóns de euros e a retribución do adxudicatario consistirá no importe do prezo que recada pola prestación dos servizos abonado polos usuarios.
Como lembrou o titular da Xunta, nun primeiro momento aprobouse e púxose en marcha o Plan de Xestión de Residuos Urbanos e agora os esforzos da Xunta céntranse no eido dos residuos industriais, tendo en tramitación o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia e contando nos orzamentos para 2016 con 3 millóns de euros para prevención e reciclaxe deste tipo de residuos.

Feijóo avanza tramitación do anteproxecto de Lei de protección de animais de compañía

Santiago, 3 de marzo de 2016.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei galega de protección e benestar dos animais de compañía, que equipara a nosa normativa ás doutras Comunidades e Estados europeos, implanta medidas no control do abandono dos animais e aposta pola educación da cidadanía no respecto e a protección aos animais.
O mandatario destacou que un dos principais obxectivos desta nova Lei é loitar contra o maltrato animal, non só na súa na súa representación como violencia extrema, senón tamén noutras manifestacións, tales como someter ao animal a condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables, ou o seu emprego en espectáculos prohibidos ou nos que non se garantan unhas condicións mínimas de benestar.

As características da nova lei
Nesa liña, o texto establece a prohibición expresa de determinadas mutilacións nos animais, coma o corte de orellas ou rabo, que se facía co fin de manter unha serie de características dun tipo de raza. Tamén se prohibe o emprego de calquera trebello destinado a impedir ou limitar a mobilidade dun animal que lle produza danos ou sufrimentos ou lle impida manter a súa posición normal e mesmo se prohibe o emprego de animais silvestres en espectáculos circenses e se tipifica dita infracción ou delito como moi grave.
Como sinalou Feijóo, esta lei vai máis alá ao estender no réxime sancionador a responsabilidade non só aos organizadores, senón tamén aos que participen ou colaboren dalgunha maneira neses espectáculos.
Outro dos retos aos que se enfronta a lei, segundo engadiu, é o de paliar o abandono dos animais domésticos, e a lograr este obxectivo van destinadas varias medidas. Así, as asociacións de defensa e protección dos animais poderán ser declaradas entidades colaboradoras da Xunta e poder así subscribir convenios de colaboración para facer énfase na divulgación e na educación.
Ademais, introdúcese a obriga de identificación en todos os cans, mediante microchip, e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía, o que minorará o abandono, e crearanse os fogares de acollida cun réxime de acollemento temporal nos que se garanta o coidado e atención que precisen os animais.
No que atinxe aos animais potencialmente perigosos, Feijóo apuntou que se concretarán as razas de can que teñen tal consideración, establécese a obriga da obtención previa da licenza municipal para poder ter un can desta categoría e deberase inscribilos no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
Por outra banda, como matizou, a nova lei tamén establece un artigo sobre as aves de presa en catividade para as que será necesario obter unha autorización administrativa, á vez que deberán ser identificadas individualmente con microchip ou anela.
Como sinalou, esta lei foi comentada con distintos membros do Consello Xeral do Colexio de Veterinarios e, a partir de agora, someterase a información pública para as posibles alegacións que queiran facer os distintos colectivos. 

Feijóo presenta a Axenda 20 para o emprego, con medidas para crear postos de calidade

Santiago, 3 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe a Axenda 20 para o emprego, o documento “que impulsará a calidade e a estabilidade do emprego en Galicia” e que está dotado con 900 millóns de euros, 180 millóns anuais ata 2020. A axenda contempla 20 medidas agrupadas en tres eixos prioritarios: a creación de emprego de calidade como elemento clave da competitividade, a formación e a capacitación como pancas do cambio do modelo produtivo e a reorientación dos servizos de atención ás persoas que demandan emprego para intentar casar as súas necesidades coas das empresas.
“Despois de anos de recesión, a economía galega está volvendo a despegar, aínda que é evidente que este crecemento ten que ser máis intenso e máis robusto”, indicou o presidente. Resaltou que esta incipiente recuperación é “froito dos esforzos das persoas e das empresas e dunha política económica responsable e coherente”. Para continuar na traxectoria ascendente que está a seguir a nosa economía, Feijóo invitou a “saber de onde vimos e cara a onde queremos ir”.
Neste senso, a Axenda 20 para o emprego marca as liñas mestras a seguir en materia laboral durante os próximos cinco anos, de acordo cos obxectivos marcados en materia laboral polo Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020: reducir a taxa de paro ata o 10%, crear 100.000 novos empregos e asinar 50.000 novos contratos indefinidos, entre outros.
Tres grandes retos
Tal e como explicou Feijóo, o primeiro reto da Axenda é que Galicia cree postos de traballo de calidade. Nesta liña incidirá o programa Aprol, que incentivará a contratación e fomentará o autoemprego nos colectivos que teñen máis dificultades para atopar un traballo, como as mulleres, os parados de longa duración, a mocidade e as persoas con discapacidade.
Outra das principais novidades desta documento será a activación de Lanzadeiras de Emprego para apoiar a busca de emprego e promover o emprendemento e o autoemprego a través da Administración Local, entidades sen ánimo de lucro e empresas privadas.
Para superar o segundo reto, mellorar a formación dos traballadores, o presidente avanzou catro grandes medidas: crear Unidades de Formación na Empresa para impulsar dentro do tecido empresarial a especialización e capacitación con compromiso de contratación, aprobar un programa de formación e emprego no rural atendendo ás súas necesidades específicas, profundar nun modelo de formación que responda ás necesidades do mercado, unha liña na que xa estamos a avanzar mediante a FP Dual ou lanzar o “cheque formación”, para que as persoas desempregadas teñan máis liberdade de elección á hora de escoller accións formativas concretas.
Por último, a Axenda busca reorientar os servizos de atención ás persoas que demandan emprego. “Neste senso, imos crear un novo portal do Servizo Público de Emprego de Galicia e implantar nel un sistema de xestión de calidade”, dixo Feijóo. Ademais, vaise poñer en marcha o novo modelo de orientación aberta, que combine accións presenciais e online.