GPP salienta que novo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa destinará 655 M€ a saneamento


O GRUPO POPULAR SALIENTA QUE O NOVO PLAN HIDROLÓXICO GALICIA-COSTA DESTINARÁ 655 MILLÓNS DE EUROS A SANEAMENTO E CUMPRIMENTO DOS OBXECTIVOS AMBIENTAIS

·    O portavoz de Medio Ambiente asegurou que “os novos plans hidrolóxicos aprobados en xaneiro cumpren perfectamente a directiva europea, ao tempo que a propia Unión Europea leva un control exhaustivo deste cumprimento e avalía minuciosamente o respecto das súas normas”

Santiago, 4 de marzo de 2016.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe que o novo Plan Hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa destinará 655 millóns de euros á execución de novas infraestruturas de saneamento e ao cumprimento dos obxectivos medioambientais. “Os investimentos realizados permitiron acadar unha porcentaxe do 77,5 por cento de augas en bo estado en Galicia, sete puntos máis que hai seis anos”, indicou.

Gonzalo Trenor asegurou que “os novos plans hidrolóxicos aprobados en xaneiro cumpren perfectamente a directiva europea, ao tempo que a propia Unión Europea leva un control exhaustivo deste cumprimento e avalía minuciosamente o respecto das súas normas”.

ESFORZO MEDIO AMBIENTAL

Neste sentido, Trenor apuntou que o Plan Hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa “supón un gran esforzo en canto a recursos, xa que se investiran 655 millóns de euros para seguir mellorando e conservando o bo estado das nosas augas”.

“Fíxose un importante esforzo no cumprimento dos obxectivos ambientais, tendo en conta non só a valoración do estados das masas de auga, senón tamén o cumprimento do principio de non deterioración e os requirimentos adicionais en zonas protexidas que teñen vinculación co medio acuático”, sinalou.

Aprobado o ditame da proposición de Lei para a transferencia da AP-9 á Xunta

APROBADO EN COMISIÓN O DITAME DA PROPOSICIÓN DE LEI QUE SOLICITA A TRANSFERENCIA DA AP-9 Á XUNTA DE GALICIA

·    “Debemos enviar unha mensaxe clara de que os galegos queremos xestionar esta infraestrutura que vertebra e comunica o norte e o sur de Galicia e que ten contribuído e contribúe ao noso desenvolvemento”, apuntou Goldar

Santiago, 4 de marzo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe o ditame da proposición de Lei para remitir ao Congreso dos Deputados para a transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Xunta de Galicia. O deputado do Grupo Popular Jesús Goldar avogou porque “a unanimidade acadada na admisión a trámite se manteña no debate de totalidade que terá lugar en sesión plenaria para enviar unha clara mensaxe de que os galegos queremos xestionar esta infraestrutura que vertebra e comunica o norte e o sur de Galicia e que ten contribuído e contribúe notablemente ao desenvolvemento da Comunidade galega”.

Jesús Goldar lembrou que “a Xunta ten unha política activa en relación coa autoestrada AP-9 de demanda continua ao Ministerio de Fomento dun mellor servizo nesta vía, así como na intención de asumir a súa explotación”. Neste sentido, lembrou que o Ministerio respondera no ano 2010 á proposta de cambio de titularidade da AP-9 realizada desde a Xunta que “é un itinerario internacional e vía de acceso a portos e aeroportos de interese xeral, polo que é unha autoestrada de interese xeral para o Estado e debe estar integrada dentro da rede nacional de estradas”.


INTEGRAMENTE POR TERRITORIO GALEGO

“Porén, a Xunta de Galicia discrepou destas afirmacións porque entendía e segue a entender que a AP-9 non é un acceso a portos o aeroportos de interese xeral, non sirve de acceso a pasos fronteirizos, xa que a concesión da AP-9 conclúe no enlace coa A-55 antes da fronteira con Portugal, e non enlaza comunidades autónomas, dado que o seu percorrido desenvólvese na súa totalidade polo territorio de Galicia, sen ter continuidade cara a outros territorios”, sinalou.

Posteriormente, o Goberno galego reiterou a solicitude de traspaso en xaneiro de 2012, ao que se sumou “a demanda para que posta en marcha de mecanismos para que os cidadáns puideran beneficiarse das infraestruturas amortizadas prematuramente, situación que ademais xera importantes agravios comparativos, desde o momento en que nunca existiu un verdadeiro modelo do que debería ser a rede de autoestradas de peaxe”, indicou Goldar.

O deputado popular agardou que a tramitación desta proposición de lei, logo da aprobación do ditame en comisión parlamentaria esta mañá e a próxima aprobación polo Pleno, “continúe áxil no Congreso dos Deputados coa fin de que se poida materializar o traspaso da AP-9 á Comunidade galega no menor prazo de tempo posible”. “Entrementres, cómpre demandar que o Ministerio preste o servizo nas mellores condicións e cunha política de peaxes acaída, que é o verdadeiramente transcendente”, engadiu.