Feijóo avanza a elaboración do Plan de Dinamización dos Pequenos Cascos Históricos

Santiago, 10 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a elaboración dun Plan Estratéxico de Dinamización dos Pequenos Cascos Históricos para favorecer a conservación nestes núcleos e promover a fixación de poboación neles.
Como sinalou, na nosa comunidade hai, actualmente, 31 conxuntos históricos declarados Ben de Interese Cultural, dos cales 18 contan cun plan especial de protección, 6 non contan con este documento e outros 7 son conxuntos declarados BIC que non se corresponden con centros urbanos ou cascos vellos de cidades ou vilas.

Favorecer a conservación e fixar a poboación nos cascos históricos
Feijóo explicou que para lograr o primeiro obxectivo, o de favorecer a conservación dos cascos históricos, a redacción do plan partirá dun estudo pormenorizado e completo da situación dos centros e barrios históricos, que será elaborado por un equipo universitario multidisciplinar. Sobre esa base, como engadiu o mandatario, proporase unha estratexia xeral para a promoción, o uso e a conservación destes conxuntos históricos, sempre dende o concepto de sustentabilidade e plena protección do patrimonio.
En canto ao segundo gran obxectivo, o de fixar poboación, está previsto que o plan estableza diferentes liñas de actuación, tales como axudas de apoio á rehabilitación das vivendas; a mellora dos documentos de ordenación e planificación urbana; a mellora dos servizos de comunicación e subministros de enerxía; e tamén medidas de promoción da actividade económica.
En definitiva, segundo sinalou o líder dos populares galegos, trátase de crear unha rede de conxuntos históricos de vilas e pequenas cidades e de elaborar un plan que promova un modelo urbano sustentable nesas vilas.

Feijóo anuncia a aprobación o Plan de sendas de Galicia, con 170 Km de itinerarios

Santiago, 10 de marzo de 2016.- O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello aprobou o Plan de sendas de Galicia, que concreta a construción de 170 quilómetros de itinerarios seguros e integrados, desde o punto de vista dos materiais a utilizar, na paisaxe.
Como sinalou o mandatario, estas vanse construír na marxe das estradas de titularidade autonómica. Para decidir a prioridade de cada actuación, a Xunta seguirá criterios de poboación, tráfico, sinistralidade, orografía e clima.
Deste xeito, Feijóo engadiu que, nunha primeira fase, executaranse 55 sendas que discorren por máis de 75 quilómetros en sete comarcas: Bergantiños, Santiago, Salnés, A Coruña, Ferrol, A Terra Cha e Vigo.
Ademais, o Goberno galego xa está a traballar nunha segunda fase, que se estenderá ás comarcas de Lugo, Ourense, Pontevedra e O Morrazo.
Segundo explicou o presidente, en cada unha destas comarcas identificáronse aqueles treitos da Rede Autonómica de Estradas que teñen un maior potencial para que os peóns e ciclistas se despracen por eles de xeito cotián.
Do mesmo xeito, Feijóo subliñou que as sendas estarán deseñadas de xeito que perduren, se integren na paisaxe e sexan seguras. Así, contarán co pavimento integrado, bordo con sinalización, separador verde e a gabia de seguridade.
Por outra banda, destacou que se contemplan catro tipos de sendas: a completa, onde se dispón de maior espazo e a zona de peóns e o carril para bicicletas será segregado; a mixta, compartida para peóns e ciclistas; a mixta con bordo, na que a gabia de seguridade se substitúe por bordo e canalización de pluviais; e a senda mínima, onde se manteñen como elementos de identidade o pavimento integrado e o bordo con sinalización.
Logo de asegurar que a Xunta vai investir na construción destas 55 sendas da primeira fase do Plan 26,3 millóns de euros, Feijóo destacou que se trata dunha iniciativa que se enmarca no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 aprobado o pasado mes de febreiro e que se aliña no Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia no eido da promoción dunha economía baixa en carbono e fomento da mobilidade sustentable.
Segundo subliñou, o Plan de sendas é outra medida para facer de Galicia un mellor lugar para vivir, e para mellorar a calidade de vida dos galegos e que, neste caso, tamén reforza o compromiso do Goberno galego coa mobilidade sustentable.