Feijóo destaca que a posta en marcha do novo Programa Reacciona

Santiago, 23 de marzo de 2016.- Alberto Núñez Feijóo subliñou hoxe tras o Consello da Xunta que a posta en marcha do novo Programa Reacciona, dotado con 9 millóns de euros, permitirá ás pemes galegas mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento. “Estamos a falar dun programa renovado e ampliado, que ten como obxectivo facilitar a reinvención da empresa, a mellora da súa competitividade e o crecemento da mesma”, aseverou.

Nun primeiro termo, Feijóo explicou que este ano o programa se estrutura en tres convocatorias distintas: a terceira edición do Reacciona; a primeira edición do Reacciona TIC; e unha nova edición das Bolsas Reacciona. Todo elo co obxectivo de que os 9 millóns de euros de investimento que ten o programa permitan o desenvolvemento de 1.500 proxectos, que benefician a preto de 1.000 empresas.

No tocante á terceira edición do Reacciona, o responsable autonómico precisou que está dotado con 5,5 millóns de euros e permitirá que 600 pemes se beneficien de 1.000 proxectos de mellora en ámbitos como o financeiro, de produción, comercial ou estratéxico. “Trátase de apoiar ás pequenas e medianas empresas na profesionalización dos seus equipos directivos como paso previo ao seu crecemento ou internacionalización”, engadiu.

Así mesmo, subliñou que a empresa pode escoller o seu itinerario personalizado de mellora segundo as súas necesidades, apoiándose nun ou varios servizos que van desde un diagnóstico inicial e gratuíto, ata a execución de plans operativos, así como unha análise estratéxica detallada que marca o rumbo futuro da empresa.

Sobre a primeira convocatoria do Programa Reacciona TIC, Feijóo afirmou que esta iniciativa, froito da colaboración entre o Igape e a Amtega, contará con preto de 2,5 millóns de fondos co obxectivo de traballar coas empresas TIC, que dan emprego a 15.000 persoas en Galicia.

“Prevense neste eido 500 proxectos de mellora, correspondentes a unhas 300 empresas”, precisou o presidente do Goberno galego, ao que engadiu que a Xunta ofertará un catálogo de servizos ás pemes para a diagnose, asistencia e soporte na implantación de solucións nos ámbitos de empresa dixital e Industria 4.0. Estes apoios inclúen, por exemplo, o diagnóstico sobre a implantación de solucións dixitais e de Industria 4.0; o acompañamento na posta en marcha de solucións tanto organizativas como tecnolóxicas; o soporte para a adopción e despregamento de solucións en mobilidade; ou o apoio á posta en marcha de estratexias de Marketing Dixital.

Por último, Feijóo destacou tamén a convocatoria dunha nova edición das bolsas Reacciona, para a contratación de 100 mozos recentemente titulados, que apoiarán ás empresas ao longo da duración do Reacciona, gañando experiencia profesional e abrindo unha fiestra ao mercado laboral.

O responsable autonómico lembrou que durante as anteriores edicións destas bolsas beneficiáronse delas 200 mozos, “e máis da metade dos participantes conseguiron a inserción laboral de inmediato en canto remataron a bolsa”.

[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/lYW3pj3vzco” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

A Atriga conseguiu que en 2015 aflorasen 150 millóns de débeda

Alberto Núñez Feijóo fixo hoxe balance das actuacións de control que levou a cabo a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) no ano 2015. “Logrou máis ingresos, máis comprobacións e máis facilidades para que os cidadáns poidan cumprir coas súas obrigas”, subliñou.
 
Así, a Atriga conseguiu que aflorasen 150 millóns de débeda non declarada e que crecese un 20 por cento o importe obtido polo labor de inspección, que o ano pasado ascendeu a 39,3 millóns. Esta Axencia encárgase principalmente de recadar o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP-AXD) e o de sucesións e doazóns (ISD).
 
“Logramos máis ingresos porque, en termos homoxéneos, ingresamos un 14 por cento máis que en 2014 —explicou Feijóo—. Máis comprobacións porque revisamos case 265.000 autoliquidacións de impostos, un 2 por cento máis que en 2014, aínda que nese ano houbo un plan especial de control”. Isto supón que cada semana os traballadores da Atriga comproban máis de 5.000 autoliquidacións.
 
Ademais, o xefe do Executivo autonómico lembrou que a Axencia Tributaria galega concedeu máis facilidades aos cidadáns, pois o importe dos aprazamentos e fraccionamentos ascendeu a 24,5 millóns. Así, desde o pasado sábado, a cantidade pola que os contribuíntes poden pedir que se aprace ou fraccione o pagamento dun imposto sen ter que presentar unha garantía ascendeu de 18.000 a 30.000 euros. Desde 2009, a media anual de aprazamentos ascende a 23,7 millóns, máis do dobre que entre 2005 e 2008. “Durante a crise económica houbo un incremento do número de aprazamentos, pero desde o ano pasado estamos nunha etapa de meseta onde xa non están aumentando as solicitudes de pagamento fraccionado. No 2015, de feito, son menos ca no 2014”, indicou o presidente.
 
Os galegos responderon a estas facilidades e demostraron que, maioritariamente, “son bos pagadores”. O 88 por cento das autoliquidacións do ano pasado eran correctas e non tiveron que ser modificadas. Nos casos que había erros, a Atriga practicou unha liquidación.
 
Baixadas de impostos
“Os galegos cumpren axeitadamente e nós tamén intentamos cumprir cos galegos coa maior baixada de impostos nun só ano da historia da autonomía”, dixo Feijóo. Convertémonos nunha das comunidades co IRPF máis baixo para as rendas medias e baixas e eximimos do pagamento do imposto de sucesións e doazóns ao 99 por cento dos cidadáns que reciban herdanzas como pais, fillos, netos, avós e cónxuxes e permitimos que o 1 por cento restante pague menos.
 
Ademais, implantamos o programa de impostos cero no rural, que supón a eliminación do ITP para transmisións de predios, solo rústico e explotacións agrarias e a ampliación destas últimas e a supresión do imposto de actos xurídicos documentados para as agrupacións de predios rústicos. “Esperamos e desexamos que isto vaia mobilizando terras e ordenando de forma correcta con todas as facilidades tributarias o noso rural”, concluíu.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/JU_GFBgRnB0″ frameborder=”0″ allowfullscreen ]

O Consello da Xunta aproba dar o primeiro paso cara á Cidade de San Caetano

Santiago, 23 de marzo de 2016.- Alberto Núñez Feijóo anunciou hoxe a convocatoria dun concurso de ideas para a nova Cidade de San Caetano, que integrará a estación de autobuses de Santiago no complexo administrativo de San Caetano. “Deste xeito garantimos o aproveitamento desta infraestrutura, propiedade da Xunta de Galicia, unha vez que se constrúa a nova intermodal onde está a actual estación ferroviaria”, indicou o presidente.
 
A estación está outorgada en concesión á empresa municipal de transportes, Tussa, pero Feijóo amosou o seu convencemento “de que chegaremos a un entendemento co Concello de Santiago para unha rescisión de mutuo acordo”. De feito, un protocolo asinado en outubro de 2009 entre o Goberno galego, o Ministerio de Fomento e o Concello de Santiago indicaba que, unha vez rematada a intermodal, a actual terminal sería devolta á Xunta para o uso administrativo.
 
“Os participantes neste concurso de ideas deberán propoñer xeitos de reformar, ampliar —se procede— e transformar a Estación de Autobuses nun edificio administrativo funcional”, dixo o presidente. A Cidade de San Caetano solucionará varios problemas: resolverá a demanda de aparcamento que se poida xerar, abrirá novos accesos para vehículos e peóns e permitiranos albergar unha gardería para os fillos dos empregados públicos que facilitará a conciliación laboral.
 
Espérase que as instalacións dean cabida a 1.300 traballadores da Xunta que hoxe ocupan outros inmobles e avanzar así cara ao obxectivo de que todos os empregados públicos dos servizos centrais estean no mesmo recinto. “Queremos dignificar así os empregados públicos, que achegaron boa parte da súa nómina durante a recesión”, reivindicou.
 
O concurso de ideas será convocado nas vindeiras semanas e os interesados terán dous meses para presentar as súas propostas. O xurado concederá tres premios: o primeiro, de 30.000 €, o segundo, de 20.000 € e un accésit de 10.000 €.
 
Enmarcado no Plan de Alugueiros
A creación da Cidade de San Caetano está enmarcada no novo Plan de Alugueiros, que aspira a reducir nun 76% o gasto en arrendar inmobles, camiñando cara a unha política de alugueiros cero e acadando un aforro de 5,65 millóns de euros ao ano. O obxectivo último é que “todas as oficinas públicas estean en espazos da titularidade da comunidade autónoma”, segundo precisou Feijóo.
 
Buscamos aproveitar ao máximo o patrimonio da Xunta, algo que conseguiremos concentrando os espazos administrativos en complexos coma o novo San Caetano e xestionando de forma unificada o patrimonio autonómico. Ademais, así conseguiremos tamén mellorar a atención ás galegas e aos galegos.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/Y7IX_1d4j-E” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Feijóo traslada o sentir e a conmoción dos galegos ante os atentados de Bruxelas

Alberto Núñez Feijóo trasladou hoxe o sentir e a conmoción de todo o pobo galego ante os atentados ocorridos onte en Bruxelas.
 
O mandatario galego, que este mediodía presidiu o minuto de silencio convocado en memoria das vítimas, afirmou que “máis ca nunca como galegos, como españois e como europeos cremos na liberdade”, ao que expresou a necesidade de estar unidos “para combater a ameaza de quen pretende coartarnos esa liberdade e de quen quere dividirnos”.
 
Feijóo afirmou que o sentir maioritario do pobo galego é seguir vivindo e convivindo nun ámbito de liberdades e nun Estado de Dereito; “e, por suposto, —abondou— non podemos aceptar, de ningún xeito, calquera fanatismo criminal que poida acabar coa vida de cidadáns inocentes, neste caso, na cidade das institucións europeas en Bruxelas”.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/gcxI_IgH_Ts” frameborder=”0″ allowfullscreen ]