Santiago, 23 de marzo de 2016.- Alberto Núñez Feijóo subliñou hoxe tras o Consello da Xunta que a posta en marcha do novo Programa Reacciona, dotado con 9 millóns de euros, permitirá ás pemes galegas mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento. “Estamos a falar dun programa renovado e ampliado, que ten como obxectivo facilitar a reinvención da empresa, a mellora da súa competitividade e o crecemento da mesma”, aseverou.
Nun primeiro termo, Feijóo explicou que este ano o programa se estrutura en tres convocatorias distintas: a terceira edición do Reacciona; a primeira edición do Reacciona TIC; e unha nova edición das Bolsas Reacciona. Todo elo co obxectivo de que os 9 millóns de euros de investimento que ten o programa permitan o desenvolvemento de 1.500 proxectos, que benefician a preto de 1.000 empresas.
No tocante á terceira edición do Reacciona, o responsable autonómico precisou que está dotado con 5,5 millóns de euros e permitirá que 600 pemes se beneficien de 1.000 proxectos de mellora en ámbitos como o financeiro, de produción, comercial ou estratéxico. “Trátase de apoiar ás pequenas e medianas empresas na profesionalización dos seus equipos directivos como paso previo ao seu crecemento ou internacionalización”, engadiu.
Así mesmo, subliñou que a empresa pode escoller o seu itinerario personalizado de mellora segundo as súas necesidades, apoiándose nun ou varios servizos que van desde un diagnóstico inicial e gratuíto, ata a execución de plans operativos, así como unha análise estratéxica detallada que marca o rumbo futuro da empresa.
Sobre a primeira convocatoria do Programa Reacciona TIC, Feijóo afirmou que esta iniciativa, froito da colaboración entre o Igape e a Amtega, contará con preto de 2,5 millóns de fondos co obxectivo de traballar coas empresas TIC, que dan emprego a 15.000 persoas en Galicia.
“Prevense neste eido 500 proxectos de mellora, correspondentes a unhas 300 empresas”, precisou o presidente do Goberno galego, ao que engadiu que a Xunta ofertará un catálogo de servizos ás pemes para a diagnose, asistencia e soporte na implantación de solucións nos ámbitos de empresa dixital e Industria 4.0. Estes apoios inclúen, por exemplo, o diagnóstico sobre a implantación de solucións dixitais e de Industria 4.0; o acompañamento na posta en marcha de solucións tanto organizativas como tecnolóxicas; o soporte para a adopción e despregamento de solucións en mobilidade; ou o apoio á posta en marcha de estratexias de Marketing Dixital.
Por último, Feijóo destacou tamén a convocatoria dunha nova edición das bolsas Reacciona, para a contratación de 100 mozos recentemente titulados, que apoiarán ás empresas ao longo da duración do Reacciona, gañando experiencia profesional e abrindo unha fiestra ao mercado laboral.
O responsable autonómico lembrou que durante as anteriores edicións destas bolsas beneficiáronse delas 200 mozos, “e máis da metade dos participantes conseguiron a inserción laboral de inmediato en canto remataron a bolsa”.