Feijóo anuncia unha achega de 66M€ para seguir incrementando medidas de conciliación

Santiago, 7 de abril de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 66 millóns de euros para incrementar as medidas de conciliación da vida familiar e laboral, que dean resposta a tres grandes retos: máis e máis diversos recursos de atención aos nenos para que os seus pais poidan traballar; promover a conciliación en determinados ámbitos, especialmente no ámbito empresarial; e que cada vez haxa unha maior concienciación social que garanta a maior calidade de vida das familias.
Nun primeiro termo, e no ámbito dos recursos, Feijóo afirmou que “se chegará a un total de 22.316 prazas de garderías sostidas con fondos públicos para o próximo curso 2016-2017. “Isto supón 1.871 novas prazas financiadas con fondos públicos, é dicir, un 9% máis de prazas o próximo curso que o curso actual. E, supón tamén que Galicia supere a ratio recomendada pola UE que estaba no 33%, situándonos no 37,3%”, aseverou.
Estas prazas estarán á disposición da poboación a través das escolas infantís de 0 a 3 anos, nas que se inclúen a rede de escolas infantís dependente da Administración autonómica, que oferta 9.700 prazas en 166 centros; as 119 escolas infantís e puntos de atención á infancia de titularidade dos concellos nos que a Xunta contribúe ao seu financiamento; as 424 prazas concertadas en 23 centros privados; e as preto de 2.700 prazas nos 47 centros educativos dependentes de entidades de iniciativa social.
Así mesmo, o mandatario afirmou que se porá tamén en funcionamento o Bono concilia, un programa de axudas económicas directas ás familias para colaborar no pago dunha praza de escola infantil naqueles casos que non a consigan nunha escola ou nun centro financiado con fondos públicos, ou que residan nunha localidade na que non existen prazas públicas. E do que se poderán beneficiar arredor de 2.400 familias.
Feijóo destacou ademais a posta en marcha de novos recursos e liñas de financiamento como o servizo de axuda no fogar infantil e o Bono coidado, as casas niño na contorna rural e escolas infantís en contornos empresariais.
Escolas infantís en contornos empresariais
Sobre este último punto, o dirixente popular afirmou que a Xunta convocará subvencións para financiar a construción de escolas infantís en polígonos industriais, que serán xestionadas pola asociación empresarial do polígono. “Financiaremos unha escola infantil de tres unidades -41 prazas- en cada polígono industrial que obteña a subvención”, dixo, ao que engadiu que nos vindeiros anos 2016-2017 se espera financiar a posta en marcha de 7 escolas infantís destas características.
Neste obxectivo de implicar ás empresas na aposta pola conciliación, Feijóo destacou a incorporación de cláusulas sociais en todas as licitacións de contratos da Administración autonómica; “de tal xeito que no caso de empate entre dúas ofertas económicas de empresas que queiran prestar algún tipo de contratación na Xunta, será motivo de desempate se esa empresa ten un plan de fomento de conciliación dentro do seu cadro de persoal”, precisou.
O presidente afirmou que con todas estas medidas o obxectivo é que Galicia sexa un lugar mellor para vivir, ter fillos e formar unha familia. E, nesta liña explicou que todas elas forman parte do Programa de apoio á natalidade e máis concretamente á iniciativa PAN Concilia.

Feijóo di que xa se poden realizar 3 de cada 4 trámites da Xunta de xeito electrónico

Santiago, 7 de abril de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que os cidadáns e as empresas galegas xa poden realizar tres de cada catro trámites da Xunta de xeito electrónico.
Como sinalou, o Consello da Xunta autorizou hoxe unha orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para incorporar novos procedementos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. En concreto, véñense de revisar case un cento de procedementos da consellería, dándose de baixa 47 por estar obsoletos e incorporándose 48 á sede electrónica.
Así, a partir de agora pasarán a estar preparados para admitir a súa presentación electrónica procedementos tan relevantes como o Rexistro público de demandantes de vivendas; o depósito de fianzas; a autorización de transportes de uso especial; a xestión da renda básica de emancipación; ou os movementos de terras.
Nesta liña, o presidente destacou que, con estas novas incorporacións, a sede electrónica da Xunta xa dispón de 1.140 procedementos accesibles a través da web.
Como lembrou, esta iniciativa enmárcase no Plan Achega, en marcha desde 2014, co que se simplifican e melloran todos os procedementos administrativos da Xunta, aforrando diñeiro e reducindo tempos de tramitación a cidadáns e empresas. Segundo sinalou o mandatario, os eixos centrais deste plan pasan por eliminar as esixencias aos cidadáns dos documentos que se vaian incorporando na plataforma, simplificar os procedementos e potenciar a sede electrónica da Xunta.
Segundo Feijóo, só faltan dúas consellerías por incorporarse á sede electrónica da Xunta e confía en que, aproximadamente no verán, o Goberno galego finalice o Plan Achega, de xeito que a Xunta sexa unha oficina que funciona as 24 horas do día.

Feijóo avanza a aprobación de axudas para redes de 100 megas en polígonos industriais

Santiago, 7 de abril de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación, por parte do Consello da Xunta, da convocatoria de axudas para despregar redes de 100 megas en polígonos industriais.
Como sinalou Feijóo, contar cunha conexión a Internet da máxima calidade é clave para acceder a moitos dos recursos que ofrece a rede de redes e precisou que esta é a primeira actuación do Plan de Banda Larga 2020, que prevé estender redes ultrarrápidas en zonas con alta demanda e que non teñen aínda cobertura.
O mandatario destacou que esta actuación ten como obxectivo que o 90% da superficie empresarial ocupada en Galicia poida ter acceso a redes de 100 megas en ano e medio. Para isto, a Xunta conta cun orzamento de máis de 3,4 millóns de euros ata 2018, cofinanciados nun 75% por fondos Feader. En todo caso, estímase que se mobilicen en total máis de 5,2 millóns de euros.
Con respecto a isto, Feijóo lembrou que hoxe, dos 164 polígonos industriais de Galicia, só 46 teñen xa acceso a redes de 100 megas e outros tres teñen previsto telos. Neste senso, indicou a medida aprobada hoxe oriéntase cara aos 115 restantes.
Con todo, apuntou tamén que, como mínimo, a Xunta busca que as redes ultrarrápidas cheguen a 50 polígonos máis que, sumados cos anteriores 49, suporían case o 90% da superficie empresarial ocupada.
Con respecto aos prazos, neste mesmo ano esperamos que as redes de 100 megas cheguen a 13 novos polígonos, a outros 22 en 2017 e, finalmente, a 15 máis en 2018, chegando así aos 50 que nos marcamos como mínimo.
Por outra banda, Feijóo lembrou que os beneficios deste Plan de Banda Larga 2020 non se limitarán só aos polígonos. De feito, o Goberno galego aspira a que, a finais da década, toda a poboación teña acceso a redes de 30 megas; e que seis de cada dez galegos dispoña de redes de 100 megas.
Segundo destacou o presidente, para todas estas actuacións, o Goberno galego dispón de máis de 100 millóns de euros.