Tellado di que Leiceaga traballará arreo para facer presidente a Beiras

Ferrol, 31 de maio de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Xoaquín Fernández Leiceaga traballará arreo para conseguir o mesmo obxectivo que tiña hai 20 anos, cando militaba no BNG: facer presidente da Xunta de Galicia a Xosé Manuel Beiras. 
 
O dirixente popular admitía que se o PSOE tivo algunha oportunidade de manterse alleo á influencia das Mareas perdeuna coa vitoria de Leiceaga fronte a José Luis Méndez Romeu nas primarias dos socialistas galegos. Así mesmo, salientou a coherencia política e ética de Romeu, que esta mesma mañá dimitía como portavoz parlamentario do PSdeG. 
 
E é que, segundo o secretario xeral dos PPdeG, os socialistas están agora máis cerca do actual Pablo Iglesias que do Pablo Iglesias que fundou o PSOE. 
 
Neste sentido recordou que en Ferrol gobernan as Mareas pese a que o PP ten o dobre de concelleiros e o dobre de votos. Para Tellado, esta situación será a ruína dos socialistas en Galicia: “Sestayo fixo alcalde a Suárez pero Iglesias non fixo presidente a Sánchez”, apuntaba ao admitir que estes feitos amosan o baixo que está o listón do PSOE na nosa comunidade.
O dirixente po PPdeG tamén asegurou que “estamos na zona cero do populismo e do entreguismo do PSOE ás Mareas”. Así mesmo, apuntou que estes gobernos son os do cambio a peor: “onde antes había gobernos, agora hai desgobernos; onde había xestión, agora hai xestos; e onde antes había estabilidade, agora hai inestabilidade e incertidume”.
 
Tellado indicou que pese a que algúns dicían que as maiorías eran malas, agora demostrouse que os gobernos en minoría son moito peores. Nesta liña fixo fincapé en que os rexedores de Ferrol, Santiago e A Coruña amosaron a súa total falta de diálogo e medo a tomar decisións. “Prefiren non actuar con tal de non decidir”, engadiu o dirixente ao tempo que aseguraba que son gobernos ególatras onde está instalada a frivolidade política.
 
“Teñen abandonado a planificación, carecen de proxecto de cidade e as súas prioridades políticas non coinciden coas preocupacións do cidadáns”, aseverou mentres lembraba que o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, está máis preocupado por retirar busto do rei emérito da fachada do Concello, por realizar unha consulta sobre a forma do Estado ou por quitar as axudas da Semana Santa; que pola creación de emprego.
 
No tocante a Coruña, indicou que Xulio Ferreiro tamén está centrado en criticar a Inditex mentres é incapaz de retirar as vallas que permiten a circulación do tráfico no túnel da Marina ou precisa ata de cinco votacións para aprobar unha modificación de crédito.
 
Con respecto a Santiago, Tellado salientou que Martiño Noriega é incapaz de tapar as fochancas da cidade, non é quen de licitar a xestión do servizo de comedores que dependen do Concello, e despreza as crenzas relixiosas da maioría da cidadanía. Nesta liña, condenou como da as costas á Catedral, que fomenta o turismo na urbe, “parapetándose nunha falsa laicidade que é sinal evidente do seu sectarismo sen límites”.