Compromete a continuación desta aposta medioambiental coa elaboración dunha nova Lei de Conservación da Natureza
Tellado destaca a “sensibilidade verde” do PPdeG como demostración de que é o partido que máis se parece a Galicia
• Destaca a recente posta en marcha pola Xunta da nova Rede de Parques Naturais de Galicia como un exemplo do compromiso do PPdeG co medio ambiente da nosa terra
• Refírese ao patrimonio natural galego como “unha peza fundamental na construción da nosa identidade como pobo” e afirma que o PPdeG “ten que levar integrado no seu proxecto de futuro para este país” a súa conservación
Pontedeume, 5 de xuño de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, animou no Día Mundial do Medio Ambiente a alcaldes, voceiros e membros de NN.XX. a “combinar o verde co azul do PPdeG” para parecerse máis a esa “Galicia verde e azul” que é a que “nos move”.
Despois dun paseo polo Parque Natural das Fragas do Eume, no que foi acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e polo presidente provincial do PPdeG, Diego Calvo, Tellado explicou a visita como unha contribución, por parte do PPdeG, á estratexia de difusión e posta en valor dos parques naturais de Galicia emprendida pola Xunta.
Neste sentido, Tellado destacou a recente posta en marcha por parte do Goberno de Feijóo da nova Rede de Parques Naturais de Galicia, co fin de “xestionar dun xeito coordinado tanto os parques como os monumentos naturais, os humedais ou as paisaxes protexidas”.
O secretario xeral do PPdeG enmarcou esta medida nunha aposta global da Xunta pola conservación do medio ambiente galego, que vai dende a posta en marcha de máis de 30 novas depuradoras para o saneamento das rías ata o incremento dos puntos limpos de recollida de residuos ou a posta en marcha de actuacións ambientais financiadas polo canon eólico.
Tellado comprometeu a continuación desta aposta “mentres os galegos e galegas nos outorguen a súa confianza” e salientou iniciativas de futuro como a inclusión de cláusulas ambientais na contratación pública autonómica ou o deseño, na próxima lexislatura, dunha Estratexia de Sustentabilidade Ambiental e dunha nova Lei de Conservación da Natureza.
O número dous do PPdeG identificou esta aposta polo medioambiente como un xeito de “defender Galicia”, ao considerar o patrimonio natural como “unha peza fundamental na construción da nosa identidade como pobo e da nosa forma de ser e de vivir”, ao nivel da lingua e da cultura.
Tras lembrar que o 12% da superficie da nosa Comunidade está cuberta de espazos protexidos, Tellado concluíu que “Galicia é fundamentalmente verde” motivo polo que, insistindo unha vez máis en que “somos o partido que máis se parece a Galicia”, afirmou que o PPdeG debe “ser tamén un partido cunha sensibilidade verde, cunha vocación de respecto e protección do medio ambiente”.
En consecuencia, o secretario xeral dos populares galegos manifestou o compromiso do seu partido de “levar integrado no seu proxecto de futuro para este país a conservación deste patrimonio que nos fai únicos”.