Feijóo non cre democrático pedir que marche o candidato escollido por sete millóns

Indica que o PP é o partido máis unido de España e que Rivera non logrará dividilos coa súa estratexia

Feijóo asegura que non é democrático pedir que se marche o candidato ao que escolleron sete millóns e medio de españois

· Di que as explicacións de Ciudadanos sobre o acontecido con María Rey son insuficientes e apunta que a candidata abusou dos discapacitados co seu comportamento

Vigo, 17 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG; Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o PP é o partido máis unido de España e que os populares teñen claro que o seu  candidato é Mariano Rajoy, o mesmo que os españois escolleron fai seis meses con sete millóns e medio de votos.

Así se expresaba o dirixente durante un paseo esta mañá por Vigo acompañado pola portavoz do PP local, Elena Muñoz, polo coordinador de mocidade e participación do PPdeG, Javier Dorado, e polos candidatos ás Cortes pola provincia de Pontevedra, Irene Garrido e Miguel Fidalgo.

Feijóo cualificou de “non democrática” a petición de Albert Rivera, que insiste en que para apoiar ao partido máis votado, ten que irse o candidato. Así, recoñeceu que, se o líder de Ciudadanos tivese a cantidade de apoios que obtivo Rajoy, “nin se me ocorrería dicir que para apoiar ao que gaña ten que irse Rivera. Isto é o contrario da democracia”.

“É unha estratexia de divide e vencerás”, apuntou o dirixente, que recoñecía que malia que as hai distintas en campaña electoral, “a de intentar dividir o que está unido é moi antiga”. Do mesmo xeito, mantivo que, neste caso, Rivera non vai lograr nin dividir nin tampouco vencer.

 

EXPLICACIÓNS INSUFICIENTES

“A min custaríame darlle a confianza a unha persoa que demostrou que usou unha praza de discapacitados falseando un documento en beneficio propio”. Así se pronunciaba o presidente acerca da polémica protagonizada pola cabeza de lista de Ciudadanos ao Congreso pola provincia de Pontevedra, María Rey.

Feijóo amosouse seguro de que os cidadáns están valorando cómo é posible que a persoa  que di querer representar os intereses dos pontevedreses poida falsificar un documento para ter uns privilexios que só corresponden aos que verdadeiramente o precisan. “Isto non é moi compatible con intentar pedir a confianza da xente”, precisou.

Ademais, o dirixente afirmou que se trata dun tema o suficientemente serio como para que, se ela non vai tomar ningunha decisión, a dirección dese partido si valore o acontecido. Nesta liña, engadiu que as explicacións de Ciudadanos son “bastante insuficientes”, xa que se  limitan a dicir que o sucedido non ten importancia porque ocorreu antes de que Rey fose nas listas ao Congreso pero que, de darse posteriormente, si a inhabilitarían como cabeza de lista.

Así mesmo, o presidente insistiu en que a candidata abusou dos discapacitados, pois mentres di que hai que ter sensibilidade con eles e visita entidades de discapacidade, ela mesma admite que lles quitou unha praza de aparcadoiro reservada.

[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/VCh64TpXEx0″ frameborder=”0″ allowfullscreen ]

O ditame modificación da Lei de Servizos Sociais inclúe o 83% das emendas oposición

O novo texto lexislativo, que introduce o concerto social, queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria


APROBADO O DITAME DA MODIFICACIÓN DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS DE GALICIA, IMPULSADA POLO GRUPO POPULAR E QUE INCORPORA O 83% DAS EMENDAS DO PSOE, BNG E AGE

Santiago, 17 de xuño de 2016.- A Comisión 5ª do Parlamento aprobou hoxe o ditame da proposición de Lei que modifica a Lei de Servizos Sociais de Galicia, impulsada polo Grupo Popular e na que se incorporaron o 83 por cento das emendas presentadas polos grupos do PSOE, BNG e AGE. O novo texto lexislativo, que introduce o concerto social como novo modelo de xestión dos servizos sociais, queda agora pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria.

 

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez, concretou que esta reforma puntual da Lei de Servizos Sociais, ademais de introducir o concerto social, reforza o papel das entidades de iniciativa social e garante dereitos esenciais ás persoas usuarias.

DOCUMENTO ABERTO

“Foi un documento aberto que intentamos consensuar coas entidades sociais e os grupos da oposición”, manifestou Rodríguez Arias, e mostra disto é que “o Grupo Popular non se rexeitou ningunha emenda nin do PSOE, nin do BNG, nin de AGE durante os traballos da ponencia, xa que todas elas ou foron aceptadas ou fíxose unha proposta de transacción”. Porén, lamentou que, a pesar destes acordos, os grupos da oposición non apoiaran esta proposición de lei e se abstiveran na votación do ditame.

A actual Lei de Servizos Sociais establece dúas fórmulas para prestar servizos sociais: a xestión directa e a xestión indirecta a través das distintas modalidades de contratación establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público. “Con esta proposición de lei se superan as limitacións da normativa actual e se regula o concerto social como novo modelo de xestión”, apuntou a portavoz popular.

SEGUINDO AS DIRECTRICES EUROPEAS

Marta Rodríguez explicou que o réxime de concerto social “é unha nova alternativa para a xestión dos servizos sociais seguindo as directrices europeas, diferenciada do concerto xeral regulado na normativa de contratación do sector público”.

“Para o establecemento do concerto social, as administracións públicas darán prioridade ás entidades sociais sen ánimo de lucro, aplicando medidas de preferencia e discriminación positiva, así como criterios sociais de calidade, experiencia e traxectoria acreditada”, sinalou.

Ademais, a modificación da Lei de servizos sociais recoñece por primeira vez unha serie de dereitos ás persoas usuarias no establecemento dos concertos sociais, atendendo os principios de dereito á libre elección; dereito ao arraigo da persoa á súa contorna social e continuidade da atención; e dereito á atención personalizada e integral.

Feijóo pide o voto para Rajoy porque ten a Galicia no seu corazón e nos orzamentos

Apunta que non é tolerable unha indefinición calculada que poida volver bloquear ao país durante os próximos anos
 
Feijóo pide o voto para Rajoy porque ten permanentemente a Galicia no seu corazón e nos orzamentos 
 
Afirma que Iglesias quere controlalo todo e que en Sánchez e Rivera destaca a ambigüidade, sen certeza ningunha do que poden chegar a facer
 
Pontevedra, 16 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que Mariano Rajoy ten a Galicia permanentemente no seu corazón, nos orzamentos e no Boletín Oficial do Estado. Por este motivo, pediu o voto para que o candidato do PP á presidencia do Goberno continúe ese compromiso coa nosa terra.
 
Así se expresaba nun mitin celebrado hoxe en Pontevedra e no que estivo acompañado da candidata ao Congreso, Ana Pastor, do presidente provincial, Alfonso Rueda, e do candidato popular á Moncloa, Mariano Rajoy.  
 
Segundo Feijóo, Rajoy demostrou o seu compromiso porque fala do que importa aos galegos, que é o emprego, poder chegar a fin de mes, que o presidente non deixe débedas, garantir as pensións e que se baixen os impostos. “Aos galegos nos importa Galicia e, en consecuencia, nos importa España”, engadiu. 
 
Así mesmo, salientou que tamén demostrou con feitos a importancia de que este país teña un goberno e recordou que, durante o seu mandato,  España evitou o rescate e converteuse no primeiro país en crecemento económico e de emprego da Unión Europea. 
 
 
INDECISIÓN POLA INDEFINICIÓN
Durante a súa intervención, o presidente do PPdeG tamén falou do elevado nivel de indecisión dos votantes, algo que considera comprensible polo alto nivel de indefinición por parte dalgúns dos candidatos a estas eleccións.
 
Nese senso, indicou que Rajoy si é claro e sempre mantivo o que dixo. Do mesmo xeito, recoñeceu que o candidato do PP só gobernará se gaña as eleccións.
Pola súa parte, lembrou que Pablo Iglesias quere controlalo todo e, no que respecta aos demais, destaca a indefinición e a ambigüidade. “Non hai certeza ningunha do que poden chegar a facer”, asegurou referíndose a que Sánchez é fiel a súa ausencia de criterio, e a que Rivera fixo o contrario do que dixo pois, logo de dicir que deixaría gobernar á lista máis votada, pactou con quen perdeu as eleccións.
 
“Non é tolerable nin admisible unha indefinición calculada”, admitiu Feijóo advertindo que non se pode permitir volver bloquear o goberno do país durante os próximos anos. 
 
“Eu non quero a parálise de Galicia. Preferimos a política estable de Galicia que a inestabilidade política do PSOE, das Mareas de Podemos e de Ciudadanos”, apuntou mentres indicaba que durante estes meses de bloqueo en España, na nosa comunidade continuáronse facendo cousas.
 
Como mostra disto, lembrou que se logrou eliminar o imposto de Sucesións, puxéronse impostos cero no rural, apoiouse ás familias e aos máis novos; conseguíronse máis vehículos para a factoría PSA en Vigo e máis contratos para os estaleiros galegos; ademais de dar inicio á fabricación de avións non tripulados en Rozas, Lugo. Por isto, mantivo que os populares non queren que os políticos que bloquearon España fagan o mesmo en Galicia.
 
Por outra banda, Feijóo tamén recoñeceu que, se Pablo Iglesias fora o candidato popular, diríalle que debería aprender da humildade dos galegos, así como se o fose Pedro Sánchez debería aprender da nosa responsabilidade. No tocante a Albert Rivera precisou que, de ser el o candidato do PP, non diría lle nada, posto que o líder de Ciudadanos non quere que fale ninguén que non sexa el.
 
Pola contra, o presidente si valorou a humildade e responsabilidade de Mariano Rajoy, un pontevedrés que cumpriu co seu deber durante os catro anos do seu mandato e que é unha garantía para España e para Galicia. 
 
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/O-pTpHogMEc” frameborder=”0″ allowfullscreen ]