Feijóo di que non é necesario votar esperando a ver qué pasa ou qué fai o teu partido

Ourense, 23 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que non hai por qué xogarse o voto xa que se pode depositar con garantías, con seguridade e con certezas se é para o candidato do Partido Popular, Mariano Rajoy.

Desta maneira se expresaba o líder dos populares galegos, que participou nun mitin esta tarde en Ourense onde estivo acompañado polos candidatos ás Cortes por Ourense, Miguel Ángel Viso e Miri Barreira, e polo presidente provincial, Manuel Baltar.

Durante a súa intervención, fixo fincapé en que non hai por qué xogarse o voto a ver qué pasa, sen ter claro se o noso partido terá escano ou se, pola contra, o noso apoio beneficiará ao contrario, como pasa con Ciudadanos en Galicia. Do mesmo xeito, o dirixente salientou que tampouco hai razóns para votar sen ter a seguridade do que vai facer despois a nosa opción, nin con quén o fará.

Nesta liña, sinalou que o voto non é unha lotería e que non podemos arriscarnos a que poida acabar na bancarrota ou en “volver a xogar”.  

CONTINUAR AVANZANDO
Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que temos que superar o bloqueo para que España continúe avanzando.

Segundo precisou, aínda queda moito traballo por facer, pero si é unha realidade que, despois de catro anos de mandato do PP, o país volve ser de fiar, respectable e crea máis emprego que calquera outro de Europa.

Por este motivo, asegurou que temos que ter unha garantía de goberno que se chama responsabilidade e compromiso, ao tempo que chamaba a desconfiar de calquera candidato sen experiencia en política. “Agora nos enfrontamos a un conxunto de políticos que queren desfacer a política e que queren dividir España en bandos”, engadía.

O dirixente tamén salientou que debemos mobilizarnos a favor de Galicia e de España, da moderación, dun partido que non ten máis obxectivo que unir e solventar os problemas que ten o país.

A FAVOR DA MODERACIÓN
Segundo o presidente, hai moita xente que nestes seis meses non atopou o que buscaba en Ciudadanos, sen criterio, sen candidatos, sen programa e sen conseguir ningún escano. Por este motivo, invitounos a todos eles a volver votar aos populares posto que “este é o voso partido e os vosos votos si se van converter en escanos”.

De igual modo, dirixiuse aos socialistas que non queren diluírse ata desaparecer. “Os votos aos PP son votos para impedir que o PSOE se entregue a Podemos”, dixo Feijóo facendo referencia ao Partido Socialista constitucional, moderado e que quere levantar o pais.

[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/JfZDtsEU5uE” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Feijóo pide o voto dos socialistas que non atoparon no PSOE compromiso coa moderación

Di que nos enfrontamos a un populismo que quere dividirnos e que non ten máis plantexamento que o “poder polo poder”
 
Feijóo pide o voto dos socialistas que non atoparon no seu partido un compromiso claro coa moderación porque esa garantía a teñen no PP
 
Indica que os partidos responsables do bloqueo que vive o país continúan vetando nesta campaña, sen aprender nada do acontecido nestes últimos seis meses
 
“Cando un partido non acepta os resultados das urnas, é un partido que está reñido cos cidadáns”, asegura
 
Vigo, 22 de xuño de 2016.– O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o apoio dos votantes socialistas que non atoparon no seu partido un compromiso claro coa moderación, xa que esa é unha garantía que só teñen no PP. 
 
Nun mitin celebrado hoxe en Vigo no que contou coa compañía da candidata ao Congreso, Ana Pastor, e do presidente provincial, Alfonso Rueda; o dirixente aseguroulles a todos aqueles que votaron ao PSOE pero que non queren que Podemos “lles dea leccións”, que teñen a opción de unirse aos populares.
 
Do mesmo xeito, tamén sinalou que hai moita xente que nestes seis meses non atopou o que buscaba en Ciudadanos senón todo o contrario, coa incerteza de que o seu voto non se traduza nun escano para esta formación pero si se poida converter nun escano para Podemos. Para todos eles, tamén admitiu que teñen unha vía segura co voto aos populares
 
 
ACABAR CO BLOQUEO
Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que hai que acabar co bloqueo, co veto e cos sectarismos.  “Pedimos un voto a favor de seguir construíndo”, engadiu.
 
O presidente recoñeceu que agora nos enfrontamos a un populismo que quere dividirnos e que non ten máis plantexamento que o “poder polo poder”. “Enfrontámonos ante uns revanchistas que o que queren é dividir aquilo que leva xunto 500 anos”, dixo. 
 
En contra disto, salientou que a política consiste en cumprir cos compromisos, facendo fincapé en que os populares non teñen máis interese que resolver os problemas daqueles que pasan por dificultades, como levan facendo nos últimos anos. 
 
“Acabáronse os bandos”, admitía explicando que non podemos permitir que haxa quen veña rematar con todo o que construímos nos últimos 40 anos. “Somos galegos e españois e por iso queremos seguir traballando xuntos”, apuntou.
 
Así mesmo, Feijóo aseverou que os partidos responsables do bloqueo que vive o país continúan vetando durante esta campaña, sen aprender nada do acontecido nestes últimos seis meses. Por este motivo, pediulles que sexan demócratas e que acepten o resultado das urnas.
 
FACILITAR O GOBERNO
Nese sentido, si asegurou que o PP se compromete a que, se hai outra formación con máis escanos, facilitarán que poida formar goberno. Por este motivo, incidiu na necesidade de que o PSOE e Ciudadanos aclaren o qué farán despois destas eleccións e se permitirán gobernar  aos que decida a cidadanía. 
 
“Non queremos que esta campaña volva a non servir para nada e que se rían de nós porque non lles gusta o resultado”, afirmaba Feijóo ao tempo que mantiña que, cando un partido non acepta os resultados das urnas, é un partido que está reñido cos cidadáns.
 
Para concluír, Feijóo tamén puxo en valor a actitude de Mariano Rajoy. “É un señor, un señor que non insulta, non lle falta o respecto a ninguén e que non é un sectarista”, precisaba indicando que o candidato popular á Moncloa si sabe o que significa “ser, estar e vivir en Galicia”. 
 
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/G0Rck9NZNEw” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

GPP apoia incrementar obstáculos legais para operacións en paraísos fiscais

O GRUPO POPULAR APOIA NO PARLAMENTO DEMANDAR AO GOBERNO CENTRAL QUE DIFICULTE E INCREMENTE OS OBSTÁCULOS LEGAIS DAS OPERACIÓNS ECONÓMICAS EN PARAÍSOS FISCAIS

·    Tamén se solicita que a Administración central intensifique a sinatura de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria ata a eliminación de territorios considerados paraísos fiscais

Santiago, 23 de xuño de 2016.- O Grupo Popular, a través do seu portavoz, Pedro Puy, condenou esta mañá no Parlamento a existencia de paraísos fiscais e apoiou a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno central a dificultar e incrementar os obstáculos legais das operacións económicas con residentes nestes paraísos fiscais, así como a intensificar a sinatura de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria ata a eliminación de territorios considerados paraísos fiscais.

Pedro Puy sinalou que desde o Partido Popular “estamos plenamente de acordo na condena dos paraísos fiscais, que introducen distorsións na capacidade dos estados para facer políticas redistributivas”.


PLENAMENTE DEFINIDOS

Neste sentido, explicou que os paraísos fiscais “están plenamente definidos no ámbito internacional” e concretou que “é posible loitar contra eles a través da sinatura de convenios de doble imposición cos estados con réxime de tipo off-shore, de xeito que comuniquen á facenda española calquera movemento financeiro que se faga no seu territorio”.

Por este motivo, o Grupo Popular formulou unha emenda á proposición non de lei presentada por AGE, que resultou aprobada por unanimidade, a través da que se demanda ao Goberno central que intensifique a sinatura de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria necesarios ata a eliminación da lista de territorios considerados como paraísos fiscais.

Puy sinalou que na actualidade “xa existen organismos internacionais que están traballando na identificación e loita contra estes paraísos fiscais, do mesmo xeito que o Goberno español xa reformou a lexislación española, tanto no imposto de sociedades como no da renda das persoas físicas, para incorporar medidas neste sentido”. 

Parlamento aproba solicitar non sexa ganancia patrimonial o abono de costas xudiciais

A proposta, que saíu adiante por unanimidade logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, pon especial énfase nos afectados polas participacións preferentes que gañaron os procesos xudiciais contra as entidades financeiras

O PARLAMENTO APROBA DEMANDAR AO GOBERNO CENTRAL QUE DEIXE DE CONSIDERAR COMO GANANCIA PATRIMONIAL O ABONO DAS COSTAS XUDICIAIS

Santiago, 23 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG demandar ao Goberno central que deixe de considerar como ganancia patrimonial as cantidades recoñecidas a favor dos contribuíntes como abono das costas xudiciais pola parte perdedora nun xuízo, particularmente no caso dos preferentistas en relación coas cantidades abonadas polas entidades financeiras como consecuencia de teren sido condenadas ao pago das costas xudiciais.

A deputada do Grupo Popular Herminia Pouso salientou que este problema dos afectados polas participacións preferentes “afectou en menor medida en Galicia, xa que a maior parte dos prexudicados das antigas caixas galegas se acolleron á arbitraxe e evitaron acudir á vía xudicial”. Ademais, os que decidiron acudir á vía xudicial, conseguiron acadar un acordo antes da celebración do procedemento, polo que tampouco están afectados polo cobro de costas xudiciais.

“Pero ademais dos afectados polas participacións preferentes, que están obrigados a tributar polas costas procesuais percibidas, debemos ter en conta todas aquelas persoas que se poidan ver afectadas en procesos xudiciais logo de ter que tributar polas costas”, apuntou.

Por este motivo, o Grupo Popular propuxo na súa emenda que a Administración central estenda a todos os contribuíntes a non consideración como ganancia patrimonial das cantidades recoñecidas ao seu favor como dereito ao abono das costas xudiciais pola parte perdedora do litixio, con especial referencia aos posuidores de participacións preferentes que optaron pola vía xudicial para a resolución do seu problema.